"No día no que se cumpren 131 anos do traslado dos restos de Rosalía de Castro ao Panteón de Galegos Ilustres, desde a Fundación Rosalía de Castro –como institución filla do galeguismo que somos– queremos reclamar o acceso público en condicións dignas ao mausoleo sito na igrexa de San Domingos de Bonaval".
Un ano máis, desde a entidade que preside Anxo Angueira reclaman o desbloqueo da Proposta de Lei do Panteón de Galicia que, por iniciativa do Museo do Pobo Galego, presentou o Consello da Cultura Galega en 2011. Unha iniciativa que foi previamente consensuada con outras institucións culturais do país como a Real Academia Galega, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao, ademais do propio Museo do Pobo e a Fundación Rosalía.
A Fundación Rosalía de Castro tamén reivindica a necesiade de "poñer en valor coa dignidade que merece un monumento que é un símbolo da identidade galega"
No 130 aniversario do traslado dos restos da poeta a Bonaval, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, incidiu no "baleiro normativo absoluto" no que se atopa o Panteón desde a súa creación, xa que "ningunha norma nin municipal, nin autonómica, nin estatal" regula o seu funcionamento, nin tampouco o seu financiamento.
Esa situación de precariedade que foi denunciada nestes anos polas dúas entidades, a Fundación Rosalía e mais o Museo do Pobo, segue vixente un ano despois deixando nunha situación que Beramendi cualificou de “indigna" para "o panteón dunha nación e dun país".
A Fundación Rosalía de Castro fixo este mércores un novo chamado ás institucións implicadas para "rematar co desleixo e co baleiro normativo" no que se atopa o Panteón de Galegos Ilustres, alén de "poñer en valor coa dignidade que merece un monumento que é un símbolo da identidade galega" e que acolle ademais dos restos da poeta, os doutros protagonistas da Historia de Galicia como Daniel Rodríguez Castelao, Domingos Fontán, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas ou Francisco Asorei.