Do vello Camiño Novo á Alameda e ao antigo Hospital Real e de alí, á Casa da Matanza previo paso polas principais rúas de Santiago. Os actos centrais do pasado domingo, 24 de febreiro, amosaron a consolidación da data do nacemento de Rosalía de Castro como o Día de Rosalía, unha data que xa transcende as fronteiras das institucións e que tornou nun día de celebración da vida e obra da poeta por múltiples puntos de Galicia.
Coa reivindicación dos dereitos sociais no centro das actividades, múltiples concellos evocaron a Rosalía durante os últimos días en multitude de actos culturais que, dalgún xeito, confluíron no cortexo cívico desenvolvido o domingo en Santiago e despois, en Padrón. A actual Praza de Vigo, na contorna do vello Camiño Novo onde naceu a autora, foi o inicio dun percorrido salferido de versos, flores e música.
"Centos de persoas renderon homenaxe á poeta nacional galega", resalta a Fundación Rosalía de Castro para describir o ambiente do cortexo que, tras a homenaxe no monumento no lugar natal da poeta, partiu con rumbo á emblemática escultura erguida na súa honra hai un século na Alameda compostelá. Alí representantes das principais institucións do país realizaron unha ofrenda floral.
Unha vez concluído o acto ante o monumento a comitiva internouse no casco vello da capital galega, onde o son das gaitas dos Carapaus acompañou o percorrido. O destino era o Hostal dos Reis Católicos, o vello Hospital Real "onde se bautizou Rosalía como filla de pais incógnitos", lembra a Fundación. Alí os versos rosalianos soaron nas voces de persoas adultas e tamén en voces infantís e a poesía mesturouse con reivindicacións sociais como a do persoal dos medios públicos que se mobiliza na plataforma Defende a Galega.
Ao termo dos actos en Santiago o centro do Día de Rosalía desprazouse a Padrón, cuxo alcalde, Antonio Fernández Angueira, estivo ao carón do rexedor compostelán, Martiño Noriega, durante as homenaxes de Compostela, nas que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín.
Na Casa da Matanza, onde finou Rosalía, os portugueses Canto d'Aqui puxeron a música e a escritora Ledicia Costas, o Caldo de Gloria acompañado por bolos do pote elaborados por tres veciñas de Mazaricos, Ángela Tuñas, Esther Muíño e Laura Prado.
As Alboradas de Rosalía, os actos en torno á poesía ou a preparación do Caldo de Gloria estiveron moi presentes en Santiago e Padrón, pero tamén en moitos outros puntos de Galicia. Así, por exemplo, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa, Ponteceso, A Coruña, Lugo, Arteixo, Ames, Betanzos, Boiro, Cervo, Cospeito, Fisterra ou Guitiriz acolleron tamén actos de lembranza a Rosalía no propio día 24 ou nas xornadas previas. En Santiago a programación esténdese ata o día 28.