"A roupa de cote puñéronma en tiras" (en A xustiza pola man, Follas novas), "embargaránnos todo" (en “-Escoitá: os algoasiles”, Por que?, Follas novas), "que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno" (en “Castellanos de Castilla”, Cantares gallegos), "en errantes hordas" (en “Probe Galicia, non debes”, A gaita gallega, Cantares gallegos). A denuncia social e a reivindicación dos dereitos individuais e colectivos están presentes en toda a obra de Rosalía de Castro e niso fará fincapé o Manifesto do Día de Rosalía deste 2019, impulsado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Traballadoras e traballadores da CRTVG lerán poemas de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres
As agresións sexuais, os desafiuzamentos, a explotación laboral, os éxodos e os refuxiados... todos estes temas estarán presentes no texto que este domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da poeta. O acto central terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) ás 12 horas, coa presentación do manifesto da AELG a cargo de Ana Romaní e coa lectura de poemas rosalianos a cargo de traballadoras e traballadores da CRTVG.
O manifesto, redactado pola propia Ana Romaní, enlaza a través dos poemas da autora a denuncia social realizada por Rosalía no século XIX coas problemáticas existentes no século XXI: "Escrito en medio de todos-los desterros/ Manifesta que sabe que non a escoitan/ Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran/ Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra/ Indóciles nos camiños desertos eses versos/ Cantos de independencia e liberdade. Manifesto/Acción que se inunda e anega. Cantarte hei".
A AELG propón, ademais, que nesta data a cidadanía agasalle un libro en galego e unha flor
Non será o único acto neste Día de Rosalía, que se espalla por todo o país con lecturas, homenaxes e outras actividades, entre as que destacan as que ao longo de toda esta semana se levarán a cabo nos centros de ensino. A AELG propón, ademais, que nesta data a cidadanía agasalle un libro en galego e unha flor. Ademais, a entidade continúa a impulsar mocións nos concellos para que declaren o 24 como Día de Rosalía de Castro, algo que dende o 2011 xa fixeron medio cento de localidades e as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo.
O 'Caldo de Gloria'
A Fundación Rosalía de Castro conmemora o 24 de febreiro chamando á participación en dous eventos: unha grande Alborada, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, e o Caldo de Gloria, iniciativa á que xa se sumaron numerosos colexios, restaurantes e os concellos de Padrón, Compostela, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa e Ponteceso.
O Caldo de Gloria é unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.
A Fundación Rosalía de Castro impulsa a preparación do Caldo de Gloria e tamén unha Alborada a cargo de grupos de gaiteiros/as
Nesta terceira edición, a encargada de preparar o Caldo de Gloria na Casa-Museo da poeta (ás 19.30 horas do día 24) será a escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil en 2015, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. "Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades", destaca a entidade.
Ademais, a Fundación recupera a celebración da Alborada, na que participaran 70 grupos de gaiteiros en 2013 no 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. A iniciativa conta coa colaboración da Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas. E a Fundación Rosalía de Castro fai un chamamento "a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra" interpretando a Alborada de Rosalía, peza escrita pola propia autora.
Outros actos
- A Coruña: A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizan unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.
- Vigo: O 24 de febreiro, ás 18:00 horas, terá lugar unha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12), e posteriormente terá lugar unha ruada até o local da Federación de AA. VV. Eduardo Chao (Praza da Princesa, 7, 2º).
- Lugo: AELG, Deputación e Concello de Lugo organizan unha lectura pública da obra da autora. Será o domingo 24 ás 13 horas no Parque Rosalía de Castro.
- Arteixo, Ames, Betanzos, Boiro, Cervo, Cospeito, Fisterra, Guitiriz, Outeiro de Rei ou Santiago de Compostela, entre outras localidades, acollerán tamén actos nesta data. Pódense consultar todos na axenda elaborada pola AELG.