“Abride a fiestra que quero ver o mar”. Esas foron, segundo a súa filla, as últimas verbas de Rosalía de Castro antes de morrer na súa Casa da Matanza, en Padrón. Con ese lema a Fundación Rosalía de Castro quere encher ese mesmo lugar a próxima fin de semana de amigos da escritora con todo tipo de actos na súa lembranza. Praza.gal participará nas actividades.
O venres 13 inaugurarase unha exposición sobre Rosalía en Carril e haberá lectura de poemas e unha actuación de Najla Shami. O sábado 14 os actos comezarán coa xa tradicional subida en dorna a vela (e outro tipo de embarcacións tradicionais) desde Valga a Padrón, onde posteriormente haberá unha actuación de Habelas Hainas.
A Fundación Rosalía de Castro organiza unha xornada de portas abertas na Casa da Matanza acompañada de numerosas actividades entre os días 13 e 15 de xullo nas que tamén participa Praza.gal
O día grande será o 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía, no que a Casa-Museo da escritora, reinaugurada hai agora un ano, celebrará unha xornada de portas abertas na que ademais de actuacións musicais e unha feira con produtos rosalianos haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas como Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro, o académico Xosé Luís Axeitos, os profesores Pilar García Negro e Manuel Lorenzo Baleirón ou o estudoso da horta rosaliana Carlos Dacal. Outro dos atractivos é a proxección do filme Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951) comentada por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois da Guerra Civil.
Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival. Tamén haberá un recital poético a cargo de Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva.