'As chaves do tempo': a novela de Villalta que enfronta a Galicia medieval co reino das pantallas

Retrato de Luísa Villalta © Cuarto de inverno

"Creo que esta novela é unha declaración de intencións en toda regra. Non dá puntada sen fío", di a editora Andrea Jamardo

“Silencio me chaman porque neste tempo en que vivo non se me escoita”. As chaves do tempo, de Luísa Villalta, é unha novela que conectou co público hai vinte anos e que a editorial Cuarto de inverno reedita acompañada das ilustracións de Zaira Barcia con motivo da homenaxe á autora coruñesa no Día das Letras.

Unha historia que se desenvolve nunha Galicia medieval, de reis, tabernas, espadas, viños e bailes, no que non suceden cousas tan distintas ás de hoxe en día. Unha novela chea de sutilezas e dobres sentidos que se abre á lectura da rapazada, mais garda moitas mensaxes tamén para o público adulto.

“A publicación xorde despois de recibir as chamadas telefónicas de dúas amigas de Luísa Villalta, que me convenceron para falar coa familia –relata Andrea Jamardo, editora do libro–. Isto foi a finais do 2023. Susana Villalta sabía que As chaves do tempo fora unha obra que entrara no ensino secundario cando se publicou por primeira vez. Aínda que ía saír un volume das obras completas de narrativa [publicado na Editorial Galaxia], queríamos darlle a oportunidade a esta novela de voar soa e así o fixemos. En Cuarto de Inverno somos dúas, mais temos unha ampla e xenerosa rede de amizades que nos acompañan e se lembran de nós de do noso traballo”.

Presentación da novela coa nai e a irmá de Luísa Villalta, o secretario xeral da Lingua e a editora Andrea Jamardo CC-BY-SA Conchi Paz/Xunta

Jamardo asegura que o conxunto da obra de Villalta resulta tremendamente actual. “As chaves do tempo ten todos os ingredientes para enganchar á rapazada, hai quen me dixo que podía ser unha película. Unha historia enmarcada na Galiza medieval, cun rei bo e xeneroso que non quería decidir quen dos infantes o ía suceder. Unha historia chea de amor, de traizón, de xustiza, de ambición, que eu diría que o tema principal e, sobre o futuro, o noso futuro como país”, defende a editora.

"As chaves do tempo ten todos os ingredientes para enganchar á rapazada, hai quen me dixo que podía ser unha película", salienta a editora de Cuarto de inverno

A novela transcorre permanentemente en dous planos, que os lectores van descubrindo a medida que avanza a trama. Presenta dous mundos enfrontados que, á vez, son o resultado dunha evolución. Os ingredientes dese camiño definen o resultado, pero a esperanza de mellorar cara ao futuro segue aí. “Creo que esta novela é unha declaración de intencións en toda regra. Non dá puntada sen fío”, apunta Andrea Jamardo, que coincide en sinalar o subtexto que existe neste texto, que recomenda para lectoras e lectores a partir dos catorce anos.

“O desasosego medra nos corpos acugulados en gaiolas de cemento, onde a palabra se utiliza unicamente para poñer prezo aos obxectos”, escribe Luísa Villalta cando se achega o desenlace da historia. “Era moi consciente do que escribía e para quen o escribía. Creo que está a darnos as chaves do noso pasado, o que fomos e o que non se contou para que poidamos construír o noso futuro”, di a editora de Cuarto de inverno.

Capa da novela de Luísa Villalta 'As chaves do tempo' © Cuarto de inverno

A novela "rompe co papel secundario das personaxes de mulleres que podemos atopar na literatura medieval"

A presente edición de As chaves do tempo emula aos libros medievais na estética e respecta as escollas lingüísticas da autora cando escribiu a novela en 2001, apenas tres anos antes de falecer. “Se recuperamos a obra de Luísa Villalta é con todo o que iso implica, e escribir fóra da normativa é parte da Luísa Villalta autora. Non creo que se deba facer doutro xeito”, destaca Andrea Jamardo.

Como lectora, a Jamardo o que máis lle gusta da novela é o papel de María das Augas Doces: “Esta obra enmarcada na época medieval mostra unha personaxe feminina activa, rompe co papel secundario das personaxes de mulleres que podemos atopar na literatura medieval. A voz narradora é a dunha muller que se dirixe ás lectoras e a primeira frase da novela xa é impactante: Silencio me chaman porque neste tempo en que vivo non se me escoita”.

Ás portas do 17 de maio a editora confesa que está a vivir este ano con “ilusión”, un sentimento que considera que nun traballo tan complexo como é a edición “non se pode perder”. “Para Cuarto de Inverno é unha honra absoluta poder contar con Luísa Villalta no catálogo, algo que non podiamos nin imaxinar uns meses atrás. Estamos tremendamente emocionadas”, afirma.

Andrea Jamardo explica que todos os espectáculos teatrais, as performance, a publicación de biografías para todos os públicos, os congresos, obradoiros de poesía, reedicións das súas obras e mais as actividades nos centros de ensino sobre a súa figura como artista e a súa obra demostran que había moitas ganas de que “por fin” se lle dedicasen as Letras Galegas a Villalta. “Eu levaba anos buscando os seus textos e era practicamente imposible atopar exemplares, gustaríame que, pasado o día 17, sigamos falando, celebrando e lendo a Luísa Villalta. Ler a súa obra é a mellor homenaxe que lle podemos facer”, asevera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.