"A magnitude desta celebración das Letras dános a oportunidade de que máis xente coñeza a Luísa, o que fixo e a súa filosofía de vida. Isto vén sendo como se dixeras: o que non puido facer ela, podemos axudala a facelo agora nós", conta Susana Villalta
Este ano das Letras para Luísa Villalta está a ser moi emocionante para Susana Villalta, e no seu caso pode que as Letras sexan o de menos. Ela é a única irmá da homenaxeada, que vinte anos despois do seu repentino falecemento está máis presente que nunca. “É difícil describir o que sinto, pero principalmente é unha profunda alegría por Luísa”, asegura Susana.
“Sempre digo que eu teño a sorte de ter a Luísa presente na miña vida, ela fai pensar. Para min é como un piar, e sígoa tendo comigo”, salienta Susana, que só ten palabras de agradecemento para as persoas que se están a sentir identificadas coa obra da súa irmá e que llo están a transmitir na multitude de actos aos que está a asistir da man da súa nai estes meses.
Para Susana Villalta está a ser un ano de intensa actividade, coa fin de colaborar ao máximo para que o legado da súa irmá, a súa obra, chegue á xente. “A magnitude desta celebración das Letras Galegas dános a oportunidade de que máis xente coñeza a Luísa, o que fixo e a súa filosofía de vida. Isto vén sendo como se dixeras: o que non puido facer ela, podemos axudala a facelo agora nós. É moi inxusto que se lle truncase a vida así. Por iso me gusta participar. Esfórzome e fago todo o posible por chegar a todo porque ela fisicamente non pode”, defende.
“Querer á persoa que non está fisicamente é como un motor”. O 17 de maio pasou, pero aínda queda moito por falar de Luísa Villalta. “Non se pode apurar todo ata o Día das Letras, é imposible. Van saír inéditos e espero que se siga a traballar sobre a súa obra, eu seguirei traballando para que así sexa”, afirma Susana Villalta, que volveu sobre os arquivos da súa irmá para recuperar poemas e textos dramáticos que nunca viron a luz.
"Ela traballaba coa idea de mellorar o que tes ao teu arredor. Posuía unha cultura moi ampla e tiña a capacidade de compartila cos demais"
Ademais, nas vindeiras semanas a editorial Kalandraka publicará unha edición renovada do poemario Papagaio, con fotografías de Maribel Longueira e versos de Luísa Villalta que retratan o desaparecido barrio da Coruña e ás persoas que vivían nel. Un artefacto valente cuxa primeira edición era case imposible conseguir na actualidade, e que alcanza prezos moi elevados na venda de segunda man. “Aquí Luísa retrata con humanidade a problemática das mulleres. Ela recollía moi acertadamente a realidade e facíao cunha mestría excepcional, moi novidosa para o seu tempo. O Papagaio ten moitos matices que paga a pena explorar”, destaca.
É importante non perder o foco, por iso Susana Villalta mantén presente a xenerosidade da súa irmá: “Ela traballaba coa idea de mellorar o que tes ao teu arredor. Posuía unha cultura moi ampla e tiña a capacidade de compartila cos demais, gustáballe facelo. Era moi afable e moi dada a escoitar a todo o mundo, por iso a xente a apreciaba polo que era, polo que é, e polo que seguirá sendo”.
“Luísa era moi sinxela, gustáballe o seu labor e gustáballe compartilo. O recoñecemento non era o primordial para ela, o seu obxectivo era o que facía, pero agora estaría agradecida e conmovida. En concreto, este recoñecemento da Real Academia Galega é moi importante e está a permitir que se volva sobre o seu traballo e se estuden as súas obras. Ela puxo os seus obxectivos por diante dos recoñecementos, e agora agradecemos esta oportunidade; que ademais vai na liña do que ela quería: espallar a súa obra e o seu pensamento”, debulla Susana Villalta.
Susana Villalta publicou dúas biografías da súa irmá: unha dirixida ao público infantil e outra para adultos cargada de lembranzas familiares
Susana Villalta tamén quixo aportar a súa ollada sobre Luísa neste ano tan importante, de aí a publicación de dúas biografías: unha dirixida ao público infantil e outra para adultos cargada de lembranzas familiares. “Impórtame moito a parte humana de Luísa, a literaria e a intelectual creo que hai máis xente que a poida apreciar –e eu tamén o fago, por suposto– pero quería aportar a miña visión porque tiven a sorte de ser a súa irmá pequena. Sentinme sempre tan querida e protexida por ela que me pareceu unha forma de poder aportar algo sobre a súa vida, as súas vivencias, o seu entorno e a súa persoa desde o amor da familia”, conta.
En Luísa Villalta, a nosa estrela (Teófilo) achégase á súa irmá a través das súas vivencias adaptada para nenas e nenos. “Para as crianzas os logros literarios poden quedar un pouco lonxe, por iso me centrei na parte humana. Tamén creo que isto lle gustaría moito a Luísa. É un conto coas nosas experiencias de nenas en familia e a verdade é que varias mestras me comentaron que chega moito aos pequenos, algo que me fai moita ilusión”, asegura. Neste conto tamén asina as ilustracións xunto a Carolina Rouco Villalta.
Palabra de irmá (Teófilo) é a biografía de Luísa Villalta na que a súa irmá concentra toda a súa vida. “É case como un álbum familiar, porque contén moitas fotografías inéditas. Na nosa familia a fotografía sempre estivo presente, meu pai era moi afeccionado, tamén ás fotos artísticas, e moitas das imaxes que están no libro son del. Meu pai era o encargado de retratar a nosa vida familiar, o que nos permite tela agora moi presente. No libro incorporo pensamentos da propia Luísa e tamén as vivencias da nosa familia para darlle un contexto á súa vida, desde a semente da familia ata a súa evolución como artista. Penso que é importante coñecela para entender a súa dimensión intelectual”, detalla Susana Villalta.
A emotividade pola perda e o respecto polo traballo que a súa irmá tivo que deixar sen rematar guían as palabras de Susana Villalta. “Dalgunha maneira, este ano é como se pasase de ser nosa a ser de todos en certa medida. Tes que mentalizarte, é un exercicio de xenerosidade. Temos moito que agradecer polo agarimo destes meses e porque se está a poñer en valor a valía intelectual e tamén a parte humana de Luísa”, celebra.