A sesión contou coas intervencións de Ana Romaní, Margarita Ledo, Euloxio R. Ruibal e Víctor Freixanes, presidente da RAG, que reivindicaron a condición de Luísa Villalta de "intelectual en toda a súa amplitude", unha autora “que se transforma e nos transforma” dende o “profundo e esixente edificio literario” que construíu, como subliñou Romaní
"Esa son eu / rubindo unha e outra vez as escadas / dun mundo posíbel". Estes versos do En Concreto de Luísa Villalta resoaron neste 17 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, que acolleu o acto central do Día das Letras: o pleno extraordinario da Real Academia Galega. Non podía ser noutro lugar; A Coruña foi a súa Cidade, a Cidade Alta, na que a autora naceu e viviu e desenvolveu a súa vizosa actividade literaria, musical e a activista.
A sesión contou coas intervencións de Ana Romaní, Margarita Ledo, Euloxio R. Ruibal e Víctor Freixanes, presidente da RAG, que reivindicaron a condición de Luísa Villalta de "intelectual en toda a súa amplitude", unha autora “que se transforma e nos transforma” dende o “profundo e esixente edificio literario” que construíu, como subliñou Romaní.
O acto comezou coa interpretación de dúas pezas de Bach a cargo de Kiyoko Ohashi no violín, a gran paixón de Luísa Villalta canda á literatura. O público que encheu o Teatro Rosalía de Castro foi agasallado cunha edición conmemorativa da peza teatral de Villalta, Concerto para un home só, dispoñible en copia dixital na sección de publicacións de academia.gal. O pleno extraordinario rematou coa interpretación do himno galego de Estíbaliz Espinosa na voz e Ohashi no violín, tras a intervención do presidente da Real Academia Galega.
No seu discurso, Freixanes fixo un chamamento a "deseñar un novo horizonte para a lingua". "Ou avanzamos ou retrocedemos. Non hai posicións intermedias", dixo o presidente da RAG
No seu discurso, Freixanes fixo un chamamento a "deseñar un novo horizonte para a lingua" e destacou que "debemos afrontar criticamente -tamén dende a autocrítica de todos os axentes sociais, non só políticos-, a realidade do idioma pensando no seu futuro, na súa proxección mesmo alén das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro”.
O presidente da RAG lembrou que hai máis de catro décadas que se aprobou a Lei de Normalización e que neste ano fan vinte da aprobación por unanimidade dun Plan de Normalización “que só parcialmente chegou a executarse"
"Ou avanzamos ou retrocedemos. Non hai posicións intermedias. E para avanzar, con toda a sociedade detrás (toda), necesitamos sentarnos a falar e a deseñar un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas, onde se cadra todos teñamos que ceder algo para avanzar moito, sen medos, sen vendas nos ollos”, engadiu. Un labor que corresponde, dixo, "ao conxunto de todos os axentes sociais: empresariais, sindicais, culturais, económicos, deportivos, relixiosos, de lecer e de entretemento, medios de comunicación, axentes da cultura…" e no que ofrece a colaboración da Academia.
Unha autora “que se transforma e nos transforma”
Na súa intervención, Romaní fixo fincapé en Papagaio, un texto no que Villalta denunciou a prostitución e a especulación urbanística
Na primeira das tres alocucións académicas, Ana Romaní propuxo un xogo literario no que debuxou un hexágono de palabras de Luísa Villalta, unha homenaxe sonora aos caligramas dunha autora de “sólida bagaxe intelectual, da música ás matemáticas, do xogo ao símbolo”. Na súa intervención, Romaní fixo fincapé en Papagaio, o poemario de Luísa Villalta realizou para acompañar as fotografías de Maribel Longueira sobre este barrio coruñés, un libro no que Villalta denuncia a explotación sexual das mulleres que habitaron o barrio do mesmo nome, e tamén a especulación urbanística da que foi obxecto este espazo no cambio de século.
Para a académica o libro -publicado despois da morte de Luísa Villalta en 2004- é un “rotundo exercicio de liberdade” e a culminación do "movemento interno que viña xestando dende había tempo" e que xa se deixara ver en Ruído (1995) e En concreto (2004): "Esa son eu / rubindo unha e outra vez as escadas / dun mundo posíbel".
Hoxe na obra de Villalta atópase “a épica dunha vitoria difícil, unha historia colectiva na que ficou encerrada a súa historia persoal co corazón aínda en vilo”, sinalou Ana Romaní citando un texto da propia homenaxeada dedicado a Avilés de Taramancos
“Emerxe neste libro a radical enunciación dun suxeito poético que nunca tivo voz e que agora fala. Érguese o texto na clara conciencia da dimensión da violencia estrutural que o precipita: a do patriarcado, a do capital. Hai na mirada de Villalta unha lúcida indagación que remite á raíz do sistema e os seus signos interiorizados”, concluíu Ana Romaní sobre Papagaio.
A xornalista e poeta falou tamén do feminismo de Luísa Villalta e da súa creación como articulista, nomeadamente nas páxinas de A Nosa Terra dende xaneiro de 2002 ata só uns días antes do seu pasamento en marzo de 2004, uns artigos nos que a homenaxeada "comprométese, toma partido, crea opinión e apenas se comprace. A pulsión que a anima devólvenos a necesidade do entusiasmo crítico, da implicación consciente na acción e no pensar colectivo”.
Na segunda intervención, Margarita Ledo afondou na acción e no pensar colectivo de Luísa Villalta que practicou en espazos como o Foro Galego da Cultura, na militancia política ou como membro da directiva da AELG
Romaní rematou a súa intervención destacando un artigo que Luísa Villalta lle dedicou a Antón Avilés de Taramancos cando este foi protagonista do Día das Letras Galegas. Coma entón dicía ela do poeta noiés -concluíu-, hoxe na obra de Villalta atópase “a épica dunha vitoria difícil, unha historia colectiva na que ficou encerrada a súa historia persoal co corazón aínda en vilo”.
A acción e o pensar colectivo de Luísa Villalta
Na segunda intervención, Margarita Ledo afondou na acción e no pensar colectivo de Luísa Villalta que practicou en espazos como o Foro Galego da Cultura (FGC), na militancia política ou como membro da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Única muller na comisión técnica do FGC, composta por sete persoas, e directora da área encargada da revisión histórica e a análise crítica da cultura, ela foi quen termou dos fíos de toda a organización que traballou durante dous anos ata a presentación das conclusión no 2000, destacou Ledo.
Margarita Ledo salientou dúas ideas chave no pensamento de Villalta: “o sentido de comunidade electiva” e mais a posibilidade de construír “espazos de emancipación que resoan nos desafíos creativos, políticos e culturais aos que Luísa se vencella e dende os que actúa”
Villalta asumira aquela empresa con tres obxectivos centrais, segundo deixou constancia nun caderno de traballo: "integrar e intercomunicar os diferentes axentes culturais nun proxecto común. Fornecer dunha plataforma aberta e democrática para analisar, revisar e planificar a cultura e a criación en Galiza. Pensar Galiza. Soñar Galiza". Aí localízanse, dixo Margarita Ledo, dúas ideas chave no pensamento de Villalta: “o sentido de comunidade electiva” e mais a posibilidade de construír “espazos de emancipación que resoan nos desafíos creativos, políticos e culturais aos que Luísa se vencella e dende os que actúa”.
O teatro de Villalta
Finalmente, Euloxio R. Ruibal detívose por último no teatro de Luísa Villalta, un xénero que desenvolveu en pezas como Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991), As certezas de Ofelia (1999) e Os dóce anos da guerra (2001). O académico destacou na súa análise a “riqueza temática e estrutural” do teatro de Villalta, escrito cunha “prosa limpa, precisa, sinxela e ás veces poética”.
O Ano das Letras de Luísa Villalta continúa
Tras o 17 de maio, a RAG seguirá a celebrar a figura e a obra de Luísa Villalta con novas iniciativas, entre elas a celebración dun simposio no último trimestre do ano
Tras o 17 de maio, a RAG seguirá a celebrar a figura e a obra de Luísa Villalta con novas iniciativas, entre elas a celebración dun simposio no último trimestre do ano que reunirá distintas voces con novas olladas á súa produción literaria e á súa traxectoria vital.
En outono celebrarase tamén a entrega dos premios do concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras, convocado ao abeiro do proxecto web Primavera das Letras, que ofrece recursos lúdicos e didácticos arredor da autora homenaxeada.