O 15 de xuño de 1983, hai 40 anos, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, que comeza dicindo que "o galego é a lingua propia de Galicia" ou que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". A norma recolle o carácter do galego como "lingua oficial" no ensino, a obriga do seu uso nos medios públicos de comunicación ou a aposta pola produción audiovisual en galego.
O 15 de xuño de 1983, hai 40 anos, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística
A Lei de Normalización constitúe a cerna do entramado normativo que nas últimas catro décadas vén protexendo a lingua galega e os dereitos lingüísticos da cidadanía e que ao longo dos anos 80 se complementou coa Lei de Creación da CRTVG, Estatuto Galego do Consumidor ou a Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
As dúas primeiras lexislaturas autonómicas foron o tempo no que se construíu o autogoberno galego e no que se crearon as institucións políticas e administrativas básicas. Neses anos aprobáronse ducias de normas redactadas por un grupo de deputados inexpertos pero entusiastas e conscientes da oportunidade histórica que se viña de abrir e dos instrumentos -máis ou menos limitados, pero importantes- que achegaba o Estatuto de Autonomía. Nesa década Catalunya e Euskadi fixeron un uso moi importante das súas competencias; Galicia fíxoo a medias, pero todo o apoio legal do que goza o galego provén dese tempo.
O 21 de decembro de 1981, cando apenas pasaran unhas horas dende a constitución do Parlamento, Nogueira presentou unha Proposición de Lei de normalización Lingüística de Galiza, base da posterior lei
Pódese e débese considerar a Camilo Nogueira, nese momento deputado de Esquerda Galega, como o impulsor inicial desta norma e unha das persoas que máis traballaron para que saíse adiante. O 21 de decembro de 1981, cando apenas pasaran unhas horas dende a constitución do Parlamento, Nogueira presentou unha Proposición de Lei de normalización Lingüística de Galiza, base da posterior lei, como lembrou Joám Lopes Facal neste artigo. O parlamentario e a formación que lideraba eran conscientes de que a primeira gran tarefa que debía enfrontar o Poder Galego era a defensa da lingua.
"Pensamos que o Parlamento debe pór en movemento a enorme serie de recursos que os poderes públicos terán que utilizar para normalizar o galego (...) mais unha empresa como a normalización lingüística reborda con moito a vida parlamentaria e require que todas as mulleres e homes galegos, conscientes de posuírmos un inestimábel tesouro lingüístico e de compartirmos unha mesma identidade histórica, entendamos como nosa a tarefa de recuperación e dignificación do idioma”, destacábase nun documento interno de Esquerda Galega que tratou o debate da Lei de Normalización.
Comezou falando Camilo Nogueira, que destacou que "o galego é unha cuestión fundamental para o proceso de reconstrución nacional que estamos encetando" e apuntou que "no futuro o galego debe ser indiscutiblemente a lingua primeira de Galicia"
No debate da súa aprobación, aquel 15 de xuño no Pazo de Fonseca, as intervencións dos representantes dos distintos grupos políticos destacaron o carácter histórico dese momento: por primeira vez a aldraxada lingua galega ía contar cunha importante protección legal. Comezou falando Camilo Nogueira, que destacou que "o galego é unha cuestión fundamental para o proceso de reconstrución nacional que estamos encetando" e apuntou que "no futuro o galego debe ser indiscutiblemente a lingua primeira de Galicia". "Nós cremos que no futuro ao castelán hai que resitualo no seu papel, no papel que historicamente debeu de ter: unha lingua próxima, unha lingua fraterna, unha lingua que pode ser utilizada polos galegos como medio de comunicación, pero unha lingua secundaria".
Na súa argumentación, destacaba ademais que "non cremos que se lle poida dar un trato de igualdade a galego e castelán, porque o galego é unha lingua historicamente discriminada. A igualdade que se pide na lei non se pode conseguir máis que se hai un trato privilexiado para o galego".
Nogueira lembrou tamén o carácter do galego como "lingua universal", parte dunha "familia lingüística" que converte a lingua galega "nunha das linguas máis faladas no mundo". Ademais, anunciou que se ía abster na votación da Disposición Adicional , que sinalaba que "nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega", aínda que apuntaba que "esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego". Nogueira explicou que non estaba en contra de que a RAG xogase ese papel, pero que si era crítico coa "postura política" que tivo na escolla da "normativa hoxe oficial e vixente".
Anxo Guerreiro: "as leis non resolven o sustrato cultural dun país (...) Se non é co compromiso de todos, esta lei pode ser un bo desexo, un compromiso histórico que pode acabar en auga de borrraxas se non hai unha actitude comprometida por parte de todo o mundo"
No resto do debate primaron as referencias ao momento histórico, como destacou Ramón Piñeiro (deputado independente polo PSdeG), que pedía converte a lei "no máximo monumento a ese pobo que soubo conservar a lingua e a Rosalía como símbolo de todos cantos se esforzaron e loitaron por desenvolvela e dignificala". Ou Ceferino Díaz (PSdeG): "a lei persegue rematar cunha situación anómala, na que a lingua propia de Galicia non ten esa consideración na vida real (...) A Administración vaise adaptar á lingua dos administrados, non ao revés, como sucedera ata ese momento". Ou Anxo Guerreiro (PCG), que destacou que "ao pobo galego cábelle a honra de conservar a súa lingua durante moito tempo nunhas condicións moi difíciles. E nós agora temos a responsabilidade, na novo etapa, de normalizala".
Con todo, o propio Guerreiro salientaba que a norma era tan só o punto de partida: "as leis non resolven o sustrato cultural dun país (...) Se non é co compromiso de todos: partidos, institucións, Goberno, todas as institucións políticas, culturais e sociais do país, esta lei pode ser un bo desexo, un compromiso histórico que pode acabar en auga de borrraxas se non hai unha actitude comprometida por parte de todo o mundo".
Ramón Piñeiro pedía converte a lei "no máximo monumento a ese pobo que soubo conservar a lingua e a Rosalía como símbolo de todos cantos se esforzaron e loitaron por desenvolvela e dignificala".
Neste senso, Camilo Nogueira salientou no debate que "o Goberno galego ten unha función importantísima na normalización do galego", criticando que "de momento non se ve esta postura claramente positiva". O deputado de Esquerda Galega finalizou a súa intervención concluíndo que "se abre unha nova etapa". "Temos que convencer os miles e miles de ensinantes, os millóns de galegos, de que realmente é un traballo digno e necesario o labor de normalizar a nosa lingua" e apuntou catro grandes "atrancos" para a normalización da lingua galega: o "complexo de inferioridade", o "populismo", o "sectarismo" e o "españolismo".
O compromiso da Lei de Normalización é evidente dende o seu preámbulo, que comeza denunciando que "o proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anula-la posibilidade de constituír institucións propias e impedi-lo desenvolvemento da nosa cultura xenuína cando a imprenta ía promove-lo grande despegue das culturas modernas".
Nogueira: "Temos que convencer os miles de ensinantes, os millóns de galegos, de que realmente é un traballo digno e necesario o labor de normalizar a nosa lingua"
No seu articulado, ademais de afirmar que "o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma", destácase que "no ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xusticia" e sinálase que "a Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xusticia". Así mesmo, a norma dedica un amplo capítulo ao ensino, declarando o galego "lingua oficial en todos os niveis" e destacando que "os nenos teñen dereito a recibi-lo primeiro ensino na súa lingua materna".
O Goberno central, presidido por Felipe González con Domingo García-Sabell como delegado en Galicia, recorreu varios artigos ante o Tribunal Constitucional, que en 1986 lle deu parcialmente a razón ao Executivo central e anulou o segundo parágrafo do artigo 1
Iso si, poucos meses despois da aprobación da lei, esta tivo que enfrontarse a un grande obstáculo, que finalmente limitaría en parte o seu alcance. O Goberno central, presidido por Felipe González con Domingo García-Sabell como delegado en Galicia, recorreu varios artigos ante o Tribunal Constitucional, que en 1986 lle deu parcialmente a razón ao Executivo central e anulou o segundo parágrafo do artigo 1, que afirmaba en relación ao idioma galego que "tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo". O problema estaba no deber de coñecemento, que igualaba polo tanto a lingua galega á castelá neste punto, que si recolle a Constitución de 1978 no seu terceiro artigo: "El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla".
No debate que tivo lugar o 15 de xuño de 1983, Camilo Nogueira fixo fincapé na importancia da inclusión na norma do deber de coñecemento do galego, unha "cláusula absolutamente progresista e lexítima" que "equipara absolutamente o castelán ó galego" e engadindo que "sen esa cláusula en Galicia non hai equiparación entre castelán e galego". O deputado apuntaba xa que esperaba "que non fose recorrida" pois "reforza a oficialidade do galego e procura unha auténtica igualdade".