Adentrarse na obra de Luísa Villalta é toda unha aventura. Facémolo da man das escritoras e mestras Beatriz Maceda e Eli Ríos
Hai Días das Letras e Días das Letras… Máis académicos e máis populares, máis cómodos e máis incómodos… máis pegados á reivindicación do noso idioma e máis rituais. Nos últimos anos houbo varios 17 de maio especialmente vivos. O de Lois Pereiro ou o de Xela Arias. Días das Letras que saíron do ritual e chegaron ás rúas, aos bares, ás salas de concertos, ás prazas… en boa medida, tal e como fixeran antes as persoas homenaxeadas. O deste ano pode ser, de feito está sendo, un deses.
Luísa Villalta xa viña sendo celebrada, pola súa vida, as súas letras e o seu compromiso antes de que a Academia decidise convertela na sexta autora en ter dedicado esta homenaxe. A súa prematura morte, en 2004, fai que a memoria de Luísa Villalta siga especialmente viva en todo o que deixou escrito e nas músicas do seu violín, pero tamén nas amizades, nas compañeiras e compañeiros, nos lugares onde estivo e viviu, comezando por suposto pola Cidade Alta, na cidade da Coruña.
Este ano estamos a seguir os pasos de Luísa Villalta. Dramaturga, narradora, ensaísta, filóloga, violinista, profesora e poeta. A artista coruñesa homenaxeada no Día das Letras pola Real Academia Galega ten tantas facetas que adentrarse na súa obra é toda unha aventura.
Neste episodio do Fálase contamos coas escritoras e mestras Beatriz Maceda e Eli Ríos, que están a vivir con intensidade este ano das Letras dedicado a Villalta e que, ademais, xunto á ilustradora Laura Suárez, son autoras do álbum ilustrado Alma de violino, publicado pola editorial Xerais e do que xa falamos en Praza.gal nunha reportaxe con algúns dos libros sobre Villalta pensados para o público infantil e xuvenil.
Entramos nesa comunidade de afectos tecida por Luísa Villalta que sobrevive hoxe. Eli Ríos e Beatriz Maceda comparten as historias que rodean á creación do libro e reflexionan sobre como é preciso visibilizar as mulleres artistas para que cheguen recoñecementos como o deste ano. Todo nunha conversa coa xornalista de Praza.gal Ana G. Liste na que tamén recomendan as lecturas que consideran imprescindibles na obra de Villalta.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.