Un manifesto impulsado por Xurxo Souto e inspirado en Luísa Villalta pide vencellar poesía e música no ensino

Luísa Villalta tocando o violín © Rafael Villalta

"Como se nos puido explicar a literatura sen música?", preguntábase Xurxo Souto hai meses, tirando do fío lanzado hai 25 anos por Luísa Villalta

"Como se nos puido explicar a literatura sen música? Por que existe esa distancia aparente entre a poesía e a música, cando son o mesmo?". A comezos deste ano Xurxo Souto publicou Somos un pobo de artistas, un libro que continúa o camiño aberto por Luísa Villalta en 1999 con O outro lado da música e da poesía, unha obra na que a homenaxeada nas Letras Galegas levaba a cabo unha relectura da historia da poesía galega procurando nesta a presenza substantiva da música, dende a Idade Media ata as Irmandades da Fala e a época Nós.

"A literatura galega está mal explicada, porque obvia a música. Iso é o que eu propoño no libro: estudar a nosa realidade, sempre buscando o vencello entre música e literatura", dicía o autor na entrevista que lle fixemos en Praza.gal hai uns meses. Xurxo Souto recuncou nesta reclamación hai uns días nun artigo de opinión publicado en Nós Diario, Manifesto Villalta, no que destacaba que "a proclama da unidade esencial entre a música e a poesía" feita por Luísa Villalta "convértena nun referente cara a novas formas de creatividade para toda a cultura galega".

Xurxo Souto, nunha presentación na Libraría Pedreira de Santiago, nunha imaxe de arquivo ©

O manifesto chama a "superar complexos de superioridade e vellos prexuízos académicos" e pide "procurar -principiando polo ensino- o reencontro entre a música e a poesía"

O texto remataba constituíndo un manifesto "polo reencontro didáctico entre a música e a poesía", unha proposta convertida nunha petición en change.org e que asinan en primeiro lugar Cris Asenjo (música e profesora de música), Alberto Pombo (profesor de lingua e literatura), Ana Pillado Vega (profesora e artista multidisciplinar), Uxía Senlle ( música), Lupe Blanco (regueifeira), Manuel Maseda (músico e profesor de música), ademais do propio Xurxo Souto (músico e escritor). 

A petición critica que nas clases de literatura en escolas e institutos "soa moi pouca melodía", sinalando que "tampouco houbo música nas facultades de filoloxía onde se formou o seu profesorado"

A petición destaca que "a literatura galega principiou sendo música: as cantigas medievais" e que "a música campa no título da primeira gran obra do Rexurdimento: Cantares gallegos". Porén, critica que nas clases de literatura en escolas e institutos "soa moi pouca melodía", sinalando que "tampouco houbo música nas facultades de filoloxía onde se formou o seu profesorado".

O manifesto chama a "superar complexos de superioridade e vellos prexuízos académicos" e pide "procurar -principiando polo ensino- o reencontro entre a música e a poesía", tomando como referente a Luísa Villalta, cuxa mensaxe "segue a vibrar como manifesto neste tempo de revolución que está a vivir a música (e a poesía) galega".

Luísa Villalta en Portugal © Arquivo familiar de Luísa Villalta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.