"Interésame proporcionar referentes e crear novas xenealoxías para poñer en valor as traxectorias das nosas artistas", di a comisaria Susana Cendán
Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. Unha parede branca cos seus nomes en grande dá a benvida á mostra Outras historias posibles, que se pode ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ata o 26 de xaneiro de 2025. “Esta é unha exposición para descubrir artistas. Cando vemos un manual de arte os relatos son imparciais e hai que afrontalos doutro xeito. O que me interesa é proporcionar referentes e crear novas xenealoxías para poñer en valor as traxectorias das nosas artistas”, asegura a comisaria Susana Cendán.
O que debera primar na historia da arte é o talento, mais non foi así para as mulleres artistas nos séculos anteriores. Linda Nochlin interpelou o mundo no ano 1971 coa pregunta Por que non houbo grandes mulleres artistas?. “Claro que as houbo, e hainas, pero de diferentes maneiras foron apartadas”, explica Cendán, que pasou pola carreira de Historia da Arte sen estudar unha soa muller. Hai unha reparación pendente, si, pero tamén unha celebración da súa obra.
“Un exemplo próximo e esmagador atópoo no libro de Ciencias Sociais do meu fillo, incluído na traxectoria curricular de 6º de Primaria do curso pasado (2022-2023). No capítulo dedicado á arte e á cultura nos séculos XX e XXI, os seus autores asocian a arquitectura, a escultura, a pintura, a arte contemporánea, a literatura, a música e o cinema a catorce nomes masculinos: José Luis Sert, Rafael Moneo, Pablo Gargallo, Alberto, Eduardo Chillida, Pablo Picasso, Joan Miró, Salvador Dalí, Juan Ramón Jiménez, Federico García Lorca, Jorge Luís Borges, Gabriel García Márquez, Manuel de Falla e Luís Buñuel. Nin unha soa muller. O máis extraordinario é que se continúe pensando que este tipo de ‘nesgos’ están superados”, detalla a comisaria no seu texto do catálogo da exposición.
Obras de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré protagonizan a exposición 'Outras historias posibles', na Cidade da Cultura ata o 26 de xaneiro
A reparación é un labor colectivo do que cada vez hai maior conciencia social, non tanto da celebración, que é o fin último desta exposición. “Non quería facer unha listaxe de mulleres, decidín sacrificar o número de artistas para poder mostrar máis obra de cada unha delas”, apunta Susana Cendán, que reformulou o proxecto para non caer nun catálogo de nomes nos que lle resultase imposible afondar. Por iso, a comisaria incide en que esta mostra “é só un exemplo de todo o que se pode facer” co obxectivo de contribuír a “crear unha historia da arte máis aberta e plural”.
En Outras historias posibles pode verse unha selección de 111 pezas –que inclúen pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas– destas seis artistas nadas na década dos cincuenta e que comezaron a expoñer arredor dos anos oitenta, todas elas vinculadas a Galicia pola súa traxectoria vital ou profesional. “Todas elas teñen unha traxectoria, participaron en exposicións e aparecen en catálogos”, sinala Cendán, queé profesora de Historia da Arte na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra.
Desde a súa condición de docente, Susana Cendán insiste en que esta exposición por si soa non mudará nada, que se inxire nunha corrente que trata de crear unha xenealoxía de mulleres artistas. “Isto é unha situación herdada de moitos séculos, resultado dunha visión androcéntrica non só da arte, senón do mundo. A arte só se entende encaixada nun determinado sistema social. Eu mesma tiven que reiventarme a min mesma e como profesora ir revisando os temarios e algunhas das miñas bibliografías. É unha cuestión estrutural, que non afecta só á arte senón a todas as actividades sociais, económicas e políticas”, defende.
O tratamento da cor é determinante nas pinturas de Ana García Pan, para Blanca Silva a arte era un "mundo privado" onde "era feliz" e para Laura Terré a xilografía "foi un exercicio de liberación"
Cuando las palabras caen en el fondo del olvido / lacerando nuestra alma, cuando nuestro cuerpo es vendido / al mejor postor, sólo nos queda transformar la materia en / color, las sombras en luces, el llanto en música. Ana García Pan (A Coruña, 1951) desenvolveu a súa vida adulta en Valencia, por iso é menos coñecida aquí, a pesar de que ela se sente moi galega. O tratamento da cor é determinante nas súas pinturas, cun subtexto profundo cargado de ironía. Dos xardíns de cactos ao retrato dun macarra de praia a súa obra reinterpreta a realidade que a rodea labrándose, así, unha traxectoria a contracorrente ata hoxe.
Blanca Silva (A Coruña, 1951) é autodidacta, as súas obras da década dos oitenta e noventa falan da súa vida persoal e da maternidade cun enfoque totalmente de actualidade. “Que dura é a maternidade, que para as mulleres, como nos ocupamos dos coidados, é un hándicap”, di Susana Cendán.
As mulleres que pinta Blanca Silva están reviradas, cun ombreiro máis alto que outro, con posturas que son como “esgazaduras da alma”. “O meu mundo privado onde eu era feliz”, isto supoñía a arte para a coruñesa, que nunca puido vivir profesionalmente dela. Silva fabricaba as súas propias cores e conta que o seu estudio chegou a converterse nunha especie de taller de alquimista. Ademais, na entrevista que acompaña as súas obras na exposición, fala das sorpresas que hai debaixo dos seus cadros se algún día alguén os radiografía.
“Os oitenta foron uns anos moi duros. Todos cantamos a Siniestro Total pero había unha parte de dureza na sociedade, de saír desa crisálida que era o franquismo”, lembra Laura Terré (Vigo, 1959) sobre o momento no que comezou mostrar a súa obra. Aprendeu a técnica das xilografías do tamén artista Armando Guerra e a través dela deu saída a todas as ideas que se acumulaban no seu taller. “A xilografía para min foi un exercicio de liberación”, confesa na conversa con Susana Cendán que mantivo a propósito de Outras historias posibles.
A viguesa deixou de producir cadros en 1995 porque conta que non os daba vendido, despois comezou a súa investigación na fotografía e centrouse en poñer en valor a xeración do seu pai. “Laura Terré deixouno porque non conseguiu o que quería, era unha artista que facía algo que non estaba de moda naquel momento e ía polas galerías para vender e dicíanlle o que tiña que facer. Chegou un momento no que dixo: ou fago o que quero ou o deixo, e deixouno”, debulla a historiadora da arte.
Emilia Guimeráns "saca a cerámica da súa zona de confort", Anne Heyvaert "pinta mapas sobre mapas" e Tusi Sandoval "desenvolveu unha variante particular da abstracción empregando peles"
Resulta hipnótica a obra coa roupa tendida de Emilia Guimeráns (Vigo, 1958) que se pode ver no Gaiás, unha celebración das texturas do cotiá que xoga coas luces e sombras. “Emilia é unha artista que ten unha formación como ceramista alucinante, estudou en Xapón, Holanda... pero a cerámica sempre se considerou unha arte menor. Ela é a que está formando a moitas artistas con maiúsculas de agora que estudaron Belas Artes e logo foron xunto a ela para especializarse na cerámica”, explica Susana Cendán. A comisaria da mostra apunta que Emilia Guimeráns “saca a cerámica da súa zona de confort, obrigándoa a dialogar co espectador e os lugares que ocupa”.
De nai francesa e pai belga, Anne Heyvaert (Memphis, Tennessee, 1959) alberga unha gran traxectoria, que resultou moi invisibilizada, segundo conta Cendán. Afincada en Galicia desde os anos setenta, nas súas pinturas aparecen caixas de cartón, papeis en branco, notas, mapas, espazos arquitectónicos indefinidos oumateriais de embalaxe. “Cuestionando as súas propias representacións, pinta mapas sobre mapas e experimenta con múltiples soportes e matrices. E faino empregando técnicas tan tradicionais coma o óleo ou o lapis, pero tamén achegándose aos medios dixitais”, detalla a comisaria.
"O CGAC ten a obriga de revisar a nosa arte. Debera existir un programa pechado focalizado na revisión das traxectorias de artistas mulleres que están completamente invisibilizadas", asevera Cendán
Quizá a máis descoñecida das seis artistas que compoñen a mostra Outras historias posibles sexa Tusi Sandoval (Pontevedra, 1954), unha artista autodidacta “que sempre fuxiu de mostrarse e de falar en público”. Non acudiu á inauguración da exposición por motivos de saúde, pero non está claro se tería asistido en outras circunstancias. De feito, preferiu non poñerse diante da cámara para gravar a entrevista coa comisaria.
Tusi Sandoval une, sutura, rompe e resga. Emprega as peles como materia prima para as súas obras, a súa é unha “pintura tecida” que fala das súas propias vivencias, que ás veces deixan pegadas na pel, cicatrices. Susana Cendán argumenta que a artista pontevedresa “desenvolveu unha variante particular da abstracción empregando peles, unha decisión intrépida e afastada da metodoloxía convencional da ‘pintura pintura’, como se pode apreciar na obra Kandinsky (2004) –exposta na Cidade da Cultura–”.
“Gustaríame moito que alguén continuase este proxecto e que cuestionase os relatos”, afirma Susana Cendán, que tivo a oportunidade de colaborar coa Cidade da Cultura para este proxecto, aínda que non pode evitar preguntarse se o seu sitio non sería o Centro Galego de Arte Contemporánea, situado tamén en Compostela. “O CGAC ten a obriga de revisar a nosa arte, vivimos en Galicia. Debera existir un programa pechado focalizado na revisión das traxectorias de artistas mulleres que están completamente invisibilizadas. Hai moitas e teñen moito talento”, asevera a historiadora da arte.