Do real á ficción, sen saír da realidade: 'Mulleres que viven soas', un proxecto sonoro e teatral do que non se conta

Portadas das pílulas sonoras do proxecto 'Mulleres que viven soas' da compañía Berrobambán © Berrobambán / Montaxe: Praza.gal

'Mulleres que viven soas', da compañía Berrobambán, nace das historias que se contan nas vilas e que perviven entre a veciñanza, converteuse en contos orais e agora volve á pura realidade cos testemuños de mulleres que decidiron vivir soas e se escoitan nunhas pílulas sonoras que darán paso de novo á ficción no teatro

“Pois esta veciña dicíame: ‘Era unha muller así, que non tiña home, nin fillos... Unha tristeza’. E mirábame así como dicindo... ‘Coma ti’, pero sin dicirmo claramente”. Fala Paula Carballeira, dramaturga e narradora oral, nunha das pílulas sonoras do proxecto Mulleres que viven soas da compañía Berrobambán, que dirixe xunto a Chiqui Pereira. Unha proposta que nace da oralidade, das historias que se contan nas vilas e que perviven entre a veciñanza, que se converteu en contos e que agora volve á pura realidade cos testemuños de mulleres que decidiron vivir soas.

Mulleres que viven soas ten unha estreita relación con outro proxecto da compañía, Facer Memoria, pois ambos parten dunha recolleita da memoria oral colectiva para a súa mestura con elementos de ficción dentro das artes escénicas. Nesta primeira parte do proxecto a xornalista e poeta Xiana Arias entrevista a varias mulleres que dan mostra das múltiples maneiras de construír un fogar, e o artista multidisciplinar Berio Molina encárgase da gravación e a montaxe. O resultado xa se pode escoitar en formato podcast.

Paula Carballeira nunha sesión do proxecto escénico vivencial 'Facer memoria', de Berrobambán © Berrobambán

“Chamáronme do maratón de contos de Guadalajara e a temática daquel ano eran as bruxas, e eu dinme conta de que contos de bruxas non tiña moitos, pero si de mulleres que viven soas. Chameille así ao espectáculo e funcionou moi ben porque falaba tamén desde a miña experiencia e de contos que fora recollendo. Aquí houbo un paso da realidade á ficción, e agora de busca na nosa contorna de mulleres que escollen vivir soas para que nos contasen a súa experiencia para estas pílulas sonoras”, conta Paula Carballeira.

"Escoitando as testemuñas quixemos darlle outra volta máis escénica e dar o paso a unha dramaturxia coa ruptura da cuarta parede", conta Paula Carballeira

Pero Mulleres que viven soas non vai quedar aí, nun salto de novo á ficción estas historias van nutrir a dramaturxia dunha peza teatral que Berrobambán xa está comezando a preparar desde cero. “Escoitando as testemuñas quixemos darlle outra volta máis escénica e dar o paso a unha dramaturxia coa ruptura da cuarta parede e un achegamento ao público, e contando con outras mulleres: Vero Rilo e María da Pontragha, que aportan –ademais da súa traxectoria como narradoras orais– os seus coñecementos escénicos na música e no teatro”, sinala Carballeira.

Un collage de experiencias que seguirá a medrar nos vindeiros meses coas achegas de máis mulleres, con historias distintas e de diferentes idades e profesións. “Moitas veces non sabemos como é a vida das persoas que temos ao noso arredor, e máis no caso das mulleres, con todo o que socialmente implica unha muller que vive soa aínda hoxe en día”, apunta a dramaturga. Cambia moito o relato da muller que escolle vivir pola súa conta en función da xeración á que pertenza, pero Paula Carballeira asegura que atopa algo común a todas as historias: “Unha grande valentía”.

"Resulta moi difícil de entender esa necesidade xa non dun cuarto propio, senón dunha casa propia", afirma a dramaturga

En calquera caso, nos últimos tempos a liberdade de decisión de vivir soas das mulleres é moito maior. Aínda que sempre teña consecuencias e dificultades engadidas polo modelo patriarcal dominante na sociedade. Como muller que vive soa, Carballeira emocionouse ao escoitar a sinceridade das amigas que participan no proxecto e sorprendeuse coas historias que non coñecía. 

“A min desarmoume porque estás escoitando testemuños de mulleres moi diferentes e é necesario que se saiban algunhas cousas. Non todo é tan fácil, hai cousas que se botan de menos e dificultades coas que te atopas, como cociñar para unha soa. Logo tamén chama a atención como hai quen pon todo da súa man para lograr esa independencia, como a muller que decide vivir nunha casa móbil durante un tempo”, detalla.

As mulleres da miña familia viviron acompañadas sempre, incluso miña bisavoa, que era nai solteira, viviu sempre acompañada por toda a familia que a rodeaba”, di Alba no cuarto episodio desta serie de espazos sonoros. “Se queres estar acompañada, vas poder estalo aínda que vivas soa. Non vas ter problema”, apunta. 

A dramaturga razoa como na súa xeración estaba moi presente que a muller que vive soa é porque ninguén a quere, sempre situando as mulleres en relación a un home. “Afortunadamente esa concepción foi mudando, pero aínda así perdura a idea de que unha muller vive soa porque non lle queda outra. Resulta moi difícil de entender a escolla e esa necesidade xa non dun cuarto propio, senón dunha casa propia”, afirma Paula Carballeira.

Ao final, na orixe mítica desas bruxas ás que se refiren os contos, como os que lle pedían a Carballeira nese festival da oralidade no que naceu o xermolo deste proxecto, están moitas mulleres que eran sinaladas como bruxas como consecuencia da desconfianza dos homes pola súa independencia.

Da escena ao podcast: Facer Memoria

Que se escoiten as voces das persoas protagonistas tamén é unha teima do proxecto de Berrobambán Facer Memoria, unha iniciativa escénico vivencial que supón un diálogo coa veciñanza de diferentes parroquias para poñer en valor a súa historia oral, que agora pasa da escena ao podcast.

"Que se conserven estas historias máis alá da memoria era o principal obxectivo", salienta Carballeira

“É moi emotivo escoitalos de novo”, conta Paula Carballeira, que se reuniu coa veciñanza de distintas parroquias da provincia da Coruña para empaparse da tradición oral de cada lugar e convertela nun monólogo teatral que compartir en cada municipio. “Incluímos o que máis nos chamou a atención de cada lugar e gaña moito ao escoitar as súas expresións, os xiros, a propia lingua, que cambia moito porque son falas moi distintas”, describe.

“Aprendemos moito e é unha maneira de devolverlle aos lugares polos que pasamos un pedazo do que compartimos. E que se conserven estas historias máis alá da memoria, que era o principal obxectivo: ter un lugar ao que ir escoitar unha historia, e narrada pola voz da persoa que a lembra”, salienta Carballeira, coa vontade de que estes capítulos funcionen como unha cápsula do tempo para manter un diálogo coas xeracións máis novas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.