40 anos impulsando as artes escénicas desde Cangas: "A Mostra de Teatro é un xeito de vivir, crear e relacionarse"

Presentación da 40ª edición da Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas CC-BY-SA MITCFC

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas celebra os seus 40 anos ata o 8 de xullo con medio cento de eventos

Catorce días de teatro, danza, coloquios, presentacións e exposicións, todo arredor das artes escénicas e do humor. A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas celebra os seus 40 anos ata o 8 de xullo con medio cento de eventos nas rúas e prazas da vila así como noutros espazos como o Auditorio ‘Xosé Manuel Pazos Varela’, que leva o nome do alcalde que foi un dos impulsores da mostra.

"A MITCFC só é posible grazas ao esforzo e á implicación de moita xente", como salienta a súa directora creativa, María Armesto, quen destaca que este ano haberá cinco estreas absolutas, catro estreas en Galicia e tres coproducións nas que participa a propia Mostra. "A Mostra de Cangas é máis que un festival, é un xeito de vivir, de crear e relacionarse", destaca a organización.

A Asociación Cultural Ameaça de Bombo polas rúas de Cangas na xornada inaugural da Mostra de Teatro © Diego Seixo / MITCFC

Entre esas coproducións está Menú do día, unha obra na que o colectivo #CHAMIZOBELLOVILA tece unha historia que compara odio e disidencia, tristeza e aceptación. A primeira creación de Alberte Bello, David Vila e Diego Chamizo transita entre as violencias que sofre o colectivo Lgbtiq+. Entrega en man, da compañía Contraproducións, é outra das apostas da MITCFC. Trátase dunha versión galega dirixida por Cándido Pazó dunha comedia "denegrida" do director de cine e dramaturgo inglés Martin McDonagh. 

A Mostra coproduce as obras 'Menú do día', 'Entrega en man' e '¿Qué es el agua?', que se estrearán no festival

A outra peza coproducida polo festival é ¿Qué es el agua?, unha obra da compañía La Soledad (Cataluña-Arxentina) inspirada na obra do escritor David Foster Wallace que toma o mar como escenografía e como banda sonora. Ademais, en Cangas o espectáculo representarase entre na contorna da Lagoa da Congorza, en Punta Balea, un acto que servirá para reclamar a recuperación desta contorna natural. A banda de gaitas canguesa Tromentelo e a Escola de Teatro de Cangas colaborarán na posta en escena deste espectáculo.

Entre as estreas absolutas tamén atopamos as obras A mesa, da Escola de Teatro de Cangas, un texto de Clara Gayo, Zé Paredes e Carlos Santiago dirixido por Sonia Rúa; Hoxe si!, da compañía galega de clown e circo Sempre Arriba, un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e moito humor; e Glamping, da compañía SU.MA, unha peza de teatro xestual, música, acrobacias aéreas, danza e swing en clave de clown. 

Primeiro día da Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas © Diego Seixo / MITCFC

Candela Peña e Pilar Castro traen o seu espectáculo 'Contracciones' e Bob Pop estará en Cangas con 'Los días ajenos de Bob Pop'

A Mostra estreará en Galicia a obra Contracciones, de Producciones Come y Calla, que explora a invasión crecente das grandes compañías na intimidade dos seus empregados. As actrices Candela Peña e Pilar Castro protagonizan este espectáculo que, partindo desde unha realidade distópica, pon en cuestión ata onde se pode chegar para conservar un posto de traballo. 

E contará co espectáculo de voces e memoria Los días ajenos de Bob Pop, creado e interpretado polo propio Bob Pop a partir do seu libro Días ajenos. Un collage de experiencias baixo a mirada e a empatía dunha das personalidades máis transgresoras e mordaces dos últimos anos. Esta obra xa estivo programada na anterior edición da Mostra, pero foi suspendida por mor da COVID-19. 

Entre a programación, que se pode consultar completa no sitio web das Mostra, onde se poden adquirir os abonos ou as entradas para cada espectáculo, tamén destaca o espectáculo de rúa Camino del Paraiso, que reflexiona en clave de humor sobre as actitudes dos peregrinos a Santiago de Compostela nunha época de bruxerías e supersticións. A compañía Guirigai Teatro de Estremadura realiza esta comedia satírica que transcorre nunha vila no Camiño con tres pícaros peregrinos como protagonistas.

A compañía Chévere participará cunha charla-coloquio para presentar a novela gráfica O Navegante, escrita e debuxada por Tristán Ron, que conta a historia da Sala Nasa. E a actriz Patricia de Lorenzo levará a cabo o seu diálogo teatral Pequenas mentiras para contar grandes verdades , no que comparte co público como é dar vida ás personaxes que interpreta nas obras Testosterona, Citizen, Eroski Paraíso e As fillas bravas de Momán

O Premio Xiria ao Labor Teatral é para a compañía galega de monicreques Tanxarina e o Premio Mulleres en Acción para a escritora e activista feminista Amelia Tiganus

Un ano máis, a dramaturga Esther F. Carrodeguas será a mestra de cerimonias do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que chega á súa sétima edición. Este torneo realízase en colaboración co Centro Dramático Galego e da Asociación Profesional DramaturGA. Celebrarase o martes 4 de xullo, a partir das 22.30 horas, no Auditorio e os combatentes serán a actriz, escritora e directora Déborah Vukušić; a actriz e creadora escénica Ana Abad de Larriva; o dramaturgo e poeta Manuel Cortés; e o docente teatral e dramaturgo J. L. Baños de Cos.

O Premio Xiria ao Labor Teatral desta 40 edición da Mostra será para a compañía galega de monicreques Tanxarina, que este ano tamén celebra os 40 anos de traxectoria artística. E o Premio Mulleres en Acción deste ano será para a escritora e activista feminista Amelia Tiganus "pola súa valentía, compromiso e determinación en combater a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.