A escena artística máis íntima, de mulleres e sobre mulleres, centra a recta final do FIOT de Carballo

Lorena López e Lara Serrano, protagonistas da obra 'Freak', dirixida por Paula Amor © Luz Soria

Espectáculos como 'Freak', 'Impalpable' ou 'Pequenas mentiras para contar grandes verdades' teñen en común equipos con maioría de mulleres nos que se fala do traballo da actriz en primeira persoa, das mulleres que loitaron contra o illamento do rural e dos límites que pór nas interaccións sexo-afectivas

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) entra na recta final da súa edición número 31 con moitas propostas por descubrir, entre as que destacan as creacións de mulleres sobre mulleres. Falamos da obra Impalpable, da compañía arxentina Sambuseck, que está a vivir unha nova vida a este lado do Atlántico; da conferencia performativa Pequenas mentiras para contar grandes verdades de Patricia de Lorenzo, da galega Chévere; e da adaptación teatral do texto Freak, de Anna Jordan, a cargo de Paula Amor.

Os personaxes en si son a parte que me dá máis seguridade porque os coñezo e porque funcionaron e conectaron. A parte de máis exposición é na que falo de min –e de Chévere– no sentido artístico. Falamos de por que se escollen eses personaxes ou de que facemos normalmente as actrices. Hai moitas actrices que non escollen directamente o que fan, pero eu estou nunha situación moi diferente: decido o que fago e tamén o que non fago. É unha situación un tanto privilexiada. Pero, que consecuencias ten dicir que non? Na miña traxectoria hai momentos concretos nos que dicir que non tivo unha serie de implicacións, como lle ocorre a outras actrices, que ás veces son máis insólitas do que podemos pensar″, debulla a actriz Patricia de Lorenzo sobre a súa participación.

Patricia de Lorenzo, nunha fotografía promocional da conferencia performativa 'Pequenas mentiras para contar grandes verdades' © Chévere

Pequenas mentiras para contar grandes verdades xorde no ano 2018, a partir dun programa que organizou o xornalista e crítico teatral Camilo Franco na Fundación Luis Seoane no que convidaba a actrices a compartir co público en que consiste o traballo de actriz, lembra Patricia de Lorenzo. ″Eu escollín tres personaxes de espectáculos de Chévere e a cousa quedou ben. O verán pasado, o festival Plataforma de Santiago convidounos a Chévere a facer unha conferencia performativa e ahí foi cando retomamos aquela idea. De feito, o título que escollemos é unha das frases que dixo Camilo Franco para presentar o que fixera eu na Coruña porque nos parece que define moi ben o que facemos en Chévere″.

"Que consecuencias ten dicir que non? Na miña traxectoria hai momentos concretos nos que dicir que non tivo unha serie de implicacións", sinala Patricia de Lorenzo

Falando directamente co público, Patricia de Lorenzo vaise apoiar no personaxe de Fran da obra Testosterona, un espectáculo de 2009 que cuestiona a división normativa da sociedade en dous sexos; en Sara, da triloxía Citizen, que se baseou no imperio Inditex; en Eva, de Eroski Paraíso, quizá un dos personaxes máis coñecidos xa non só polo espectáculo, senón pola película; e en Isaura, da obra As fillas bravas de Momán. Será o venres 28, ás 21.00 horas, no salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo.

Impalpable naceu na Arxentina hai dez anos da man da compañía Sambuseck en base aos relatos de El beso de la mujer araña, do escritor arxentino Manuel Puig. Un proceso colaborativo que conta a historia de tres mulleres nun pobo perdido na Pampa, lonxe de todo polo seu tipo de vida ademais de pola distancia xeográfica real. Hai un ano xurdiu a posibilidade de traela a España e os directores Sergio Calvo e Nacho De Santis crearon un equipo para representala en Madrid. Aí entraron en xogo as actrices Nanda Abella, Natalia López e Agustina Rodríguez Eyras, que traballaron a obra como unha ponte entre ambos países.

Unha escena da obra 'Impalpable', da compañía Sambuseck © Sambuseck

″O agasallo que herdamos é unha chiscadela  ao teatro pero tamén ao cinema dos anos 50. Hai un xogo no que se convida ao espectador, de moita teatralidade. Desde o principio se ve que non é unha realidade naturalista, é un universo moi particular destas mulleres soas e todo o que iso supón nesa época. Con todos os estigmas, unha delas consegue marchar a Bos Aires para probar sorte e fala coa outra por teléfono. En tanta soidade o cinema é o lugar que as transporta ao lugar nos que lles gustaría estar. Pero ollo, a pesar destas circunstancias, ningunha é unha muller vencida. Cada unha intenta buscarlle algún sentido a esa vida dura″, destaca Nanda Abella sobre a obra.

"A pesar destas circunstancias, ningunha é unha muller vencida. Cada unha intenta buscarlle algún sentido a esa vida dura", di Nanda Abella sobre 'Impalpable'

A do venres 21, ás 21.00 horas, no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo é a primeira actuación en Galicia da actriz arxentina Nanda Abella, que ten a súa familia na ría de Muros e Noia. Para ela, hai un eco nesta obra que resoa na actualidade en moitas aldeas e vilas de todo o mundo; así o sentiron as actrices desde o primeiro momento. Esta ′versión española′ da obra acadou moi boas críticas en Madrid, de onde tamén chega Freak, un espectáculo que naceu a raíz da participación da directora Paula Amor nun obradoiro do extinto Teatro Pavón Kamikaze no que traballaban con textos da dramaturga Anna Jordan.

Freak impactoume moitísimo porque o que me conectou coa obra a nivel persoal foi a reflexión sobre os límites de cada unha e de cada un. Na peza hai dúas mulleres que non saben situarse ben a respecto de experiencias sexuais ou íntimas, e que non souberon pór límites ou decidir como estar e que dicir nesas circunstancias. Cando a lin, levoume a momentos que vivín durante toda a miña vida onde me preguntaba como chegara eu a esa circunstancia, por que non parara ou por que me deixara levar por algo que ten que ver cun sistema que nos empurra a ser ou dicir determinadas cousas, e por que hai algo que me frea tanto para escoitarme e min mesma. Isto dos propios límites é algo que non nos ensinan, a mulleres nin a homes, e pareceume moi interesante indagar no tema″, salienta Paula Amor.

"Na peza hai dúas mulleres que non saben situarse ben a respecto de experiencias sexuais ou íntimas, e que non souberon pór límites", salienta Paula Amor de 'Freak'

Trátase dunha peza teatral moi arriscada, na que segundo conta Paula Amor chega a crearse unha enerxía común entre o público e as actrices, xérase "unha burbulla de intimidade" entre o escenario e o patio de butacas que tamén está condicionada polos cambios introducidos no texto a fin de rachar coa cuarta parede e darlle máis protagonismo aos momentos de confesión das propias protagonistas. A directora construíu con Antiel Jiménez, que fixo o deseño de arte e a iluminación da obra, unha escenografía que semella un programa de televisión porque só hai un sofá e as dúas actrices. Coa particularidade de que elas van vestidas con traxes ″moi empoderantes″ que teñen algo de sexual, pero elegantes. Freak pode verse o domingo 23, ás 20.30 horas, no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.

Toda a información sobre a programación do FIOT ata o 31 de outubro está dispoñible no seu sitio web, así como os puntos de venda das entradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.