O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro coa celebración dos 30 anos de Mofa e Befa, a participación de Blanca Portillo coa obra 'Silencio' de Juan Mayorga, unha homenaxe a Pedro Brandariz e preto de corenta representacións
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro con ata 39 espectáculos, oito estreas absolutas, nove estreas en Galicia e dúas coproducións que veñen confirmar a aposta polas voces singulares dentro da escena. Silencio, de Juan Mayorga e protagonizada por Blanca Portillo; a celebración dos 30 anos do dúo Mofa e Befa coa estrea de Pirolíticos; o espectáculo 70 años: Leo Bassi; Recortes, caneos e outras formas de driblar, do Centro Dramático Galego e Ainé; e Amantis, de Tamara Canosa e Xacio Baño, son algunhas das propostas para o mes de teatro que propón o FIOT.
Baixo o lema #VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Desde a organización salientan que no FIOT collen todas as voces e todos os públicos pois o programa do festival procura a diversidade –conscientemente– coa intención de chegar a un amplo e diverso abano de espectadores. Este ano o certame terá tamén un recordo especial para o actor e cómico Pedro Brandariz, falecido este ano, cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos.
Para celebrar o 30º aniversario dos cómicos Mofa e Befa o FIOT contará coa estrea absoluta os días 7 e 8 de outubro da súa nova obra, Pirolíticos, con dramaturxia de Lucía Aldao, María Lado e Clara Gayo, que tamén dirixe a obra. “Un espectáculo sobre feminismos e novas masculinidades”, como contou en Praza.gal Vítor Mosqueira, onde o dúo aparece como “dous heavys con mallas de leopardo”. O público que se achegue a Carballo tamén poderá ver a exposición Trinta anos de Mofa e Befa. Ademais, Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.
Rúa dos Contos regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz cunha gala o 1 de outubro
O FIOT naceu para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso, conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz cunha gala o 1 de outubro. Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco.
O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos con iniciativas como o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na praza do Concello os venres 30 de setembro, 7 e 14 de outubro; ao igual que boa parte das obras do Certame Metro Cadrado, que este ano celebra a súa sexta edición con catro estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector en Galicia. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo.
No ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) dentro do festival participará a actriz Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e a compañía madrileña Amor Total con Freak. Á parte, haberá dúas estreas en Galicia: Beautiful Stranger, en colaboración co certame Camiño Escena Norte e Conferencia espectacular, de David Espinosa.
O festival incorpora dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos
No FIOT en ruta haberá dúas propostas, Facer memoria, da compañía Berrobambán, con dramaturxia de Paula Carballeira e dirección de Chiqui Pereira, no centro social de Verdillo o 9 de outubro; e Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro, unha adaptación de Avelino Pérez da obra de Duncan Mcmillan, no centro social de Ardaña o 12 de outubro.
Como novidade, o festival incorpora dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos. A organización traslada que son pequenas accións que nacen con vocación de continuidade e que, doutra volta, visualizan o compromiso do FIOT por ser máis sustentable e inclusivo en cada unha das súas edicións.
Tanto os abonos como as entradas para esta 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa están á venda e toda a información está no sitio web do festival. Tal e como é habitual, as socias da Asociación Cultural Telón e Aparte terán un prazo propio para a adquisición dos seus billetes. Unha vez remate este, sairán á venda os bonos e entradas para os diferentes espectáculos. A programación completa do FIOT pode consultarse aquí.