Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro acollerán a representación de oito espectáculos escénicos de compañías asturianas, cántabras, vascas e navarras entre o 10 de setembro e o 9 de outubro
Camiño Escena Norte celébrase do 10 de setembro ao 9 de outubro de maneira simultánea entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra. No caso galego, Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro acollerán a representación de oito espectáculos, alén de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións, ou mesmo do encontro profesional Habitación Peregrina PRO (do 13 ao 15 de setembro en Lugo).
Esta cuarta edición chega con importantes novidades para o sector, como a inclusión no circuíto de representacións da provincia de Áraba (Euskadi) e da Comunidade Foral de Navarra. Así, baixo o lema Medran os sorrisos, Camiño Escena Norte ofrecerá 15 espectáculos en xira nun total de 38 localidades das cinco comunidades autónomas participantes.
Trátase dunha iniciativa promovida polas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega, EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco), co apoio económico de gobernos e institucións de todas as comunidades autónomas implicadas.
A praza do Obradoiro de Santiago acolleu este mércores a presentación oficial do certame, onde se deron cita representantes institucionais dos gobernos autonómicos e provinciais implicados na proposta; así como de Vegalsa-Eroski, patrocinador do evento, membros das compañías galegas que formarán parte do programa escénico deste ano; e mais da xunta directiva da ESAD de Galicia, como parte da nova liña de actuación que busca pór en contacto directo ao alumnado de artes escénicas con profesionais en activo.
Fran Sieira Compañía de Danza realizou un avance do seu novo espectáculo, 'DeMente', na praza do Obradoiro durante a presentación
Fran Sieira Compañía de Danza realizou un avance do seu novo espectáculo, DeMente, durante a presentación do festival. A compañía Marta Alonso Tejada participará co seu premiado espectáculo Bailar Agora e Pistacatro con Sonámbulo. As tres compañías galegas viaxarán coas súas propostas artísticas a localizacións como Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo ou Viana.
A primeira cita será o 10 de setembro na Praza da Quintana (Santiago) coa navarra La Banda Teatro Circo e o seu espectáculo Kimera. Na fin de semana seguinte, a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil La niña de las trenzas al revés, da compañía asturiana El Callejón del Gato.
O sábado 8 en Viveiro represéntase a obra 'El Enjambre', da compañía vasca Vaivén Producciones
O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá dúas funcións nunha mesma fin de semana: o 29 de setembro será a quenda dos vascos Erre Produkzioak e o seu Fake (trampantojo), mentres que o día 2 de outubro a compañía cántabra Escena Miriñaque presentará Del otro lado.
Os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo Mímesis, de Zig Zag Danza –recomendado para público de entre 0 e 3 anos– achegarase a Ames e Vilalba; mentres que o sábado 8 El Enjambre, da vasca Vaivén Producciones, poderase ver en Viveiro, e La caja flotante, do navarro Ion Iraizoz, formará parte da programación do FIOT de Carballo.
Finalmente, a Cidade da Cultura acollerá en Santiago o espectáculo de peche desta cuarta edición do Camiño Escena Norte: será da man da obra para público familiar El secreto de Julio Verne, da compañía asturiana Fantastique Company.
As organizadoras celebran a “expansión” desta edición, tanto en localizacións como no número de compañías participantes, que chega a 15. Camiño Escena Norte amplía a súa presenza no territorio fiado, simbolicamente, pola ruta xacobea que percorre o norte da Península Ibérica. A programación completa do certame pode consultarse aquí.