Neste ano 2022 conmemórase o centenario do nacemento do político vilalbés e tamén o décimo aniversario do seu pasamento
A plataforma creativa galega ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, prepara unha peza de teatro político centrada na figura de Manuel Fraga Iribarne e que -baixo o título de 'Iribarne'- se estreará no ano 2023. Antes, ao longo deste ano 2022, ButacaZero levará a cabo un amplo traballo de investigación sobre a figura, a través de entrevistas, improvisacións e outros materiais e procesos. Neste ano 2022 conmemórase o centenario do nacemento do político vilalbés, ministro da ditadura franquista e presidente da Xunta de Galicia, e tamén o décimo aniversario do seu pasamento.
Iribarne non será un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. O obxectivo é "chegar a entender non só a figura do político, senón a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas"
Iribarne é un proxecto de investigación escénica arredor da figura de Fraga, cunha fase inicial que se formula como unha serie de entrevistas nas que se conversará "sobre a importancia do político galego e do seu legado". ButacaZero abrirá este proceso de creación ao público a través das súas redes sociais, cunha serie de improvisacións teatrais, compartindo, ao tempo, as entrevistas que se realizarán con relevantes figuras do panorama social e político español, incluíndo representantes da cultura, a historia ou o xornalismo.
Iribarne non será un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. O obxectivo final é "chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas". ButacaZero cita como referentes deste proxecto obras como Ubú rey, de Alfred Harry, ou La imaginación del futuro, do colectivo teatral chileno La Re-sentida.
"Temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores... Ou o mesmísimo PP”
Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira buscan facer balance dunha personalidade “particularísima e popularísima”. Subliñan que Fraga “puido ter sucedido a outro galego, Francisco Franco, pero tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas". Porén, engaden, "temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores... Ou o mesmísimo PP”.
Nos últimos anos ButacaZero situouse como un referente do teatro contemporáneo galego, grazas a obras como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas ou 32m2.