Manuel Fraga Iribarne recibía persoalmente doazóns nos seus encontros con empresarios e particulares para o financiamento do Partido Popular, implicándose directamente en tarefas de recadación. Tanto José María Aznar como el mesmo aseguraron en multitude de ocasións que nunca exerceran este papel, co fin de desligarse da actividade dos tesoureiros do PP, implicados todos eles en casos de financiamento ilegal. Un cheque a nome de Fraga demostra que non foi así.
Fraga recibía persoalmente doazóns nos seus encontros con empresarios e particulares para financiar o PP
O documento forma parte dos papeis que durante 25 anos agochou o primeiro tesoureiro do PP, Rosendo Naseiro, e que estes días está a desvelar en exclusiva eldiario.es, co que colabora Praza Pública. A actividade como recadador do PP de Fraga queda acreditada co cheque cruzado ao seu nome polo que recibiu medio millón de pesetas en abril de 1989. Así o testemuña tamén que dous días máis tarde ese cheque fose ingresado na conta a nome do Partido Popular no Banco de Vitoria.
Segundo sinalan fontes coñecedoras dos procedementos de financiamento naquela época, aquela era unha das contas abertas pola formación conservadora para acoller os cartos que se dedicaban aos pagos do gasto electoral dos comicios galegos de decembro de 1989, nos que Fraga resultou gañador. Unhas eleccións, as primeiras que gañou o PP na súa historia, onde o partido incumpriu a lexislación electoral ao gastar na súa campaña máis do dobre do límite permitido.
O ex presidente da Xunta recollía os cheques, que ingresaba nunha das contas que o PP tiña para a campaña á Xunta de 1989
A fotocopia do cheque de Banesto a nome de Fraga e o recibo de ingreso foron gardados polo daquela tesoureiro nacional, Rosendo Naseiro. Forma parte do lote de documentos desvelados estes días polo diario. O tesoureiro gardou ambos os dous documentos como proba de que mesmo o presidente do partido, Manuel Fraga, participaba nas tarefas de recadación de doazóns. Naseiro, ante notario, tamén implicou nesas tarefas ao sucesor de Fraga, José María Aznar, ao que responsabilizou de ser a persoa que supervisaba e daba todas as directrices en materia de financiamento do partido.
Estes documentos tamén fan boas as declaracións realizadas ante o Congreso dos Deputados en 1990 por Ángel Sanchís, tesoureiro de Alianza Popular entre 1982 e 1987. "Recibimos diñeiro os partidos políticos de señores que o dan". Sanchis, imputado no seu día no caso Naseiro e agora no caso Gürtel, admitiu enviar miles de cartas solicitando fondos e organizar ceas para "esquilmar os amigos, os coñecidos e os coñecidos dos amigos?" "Non se onde está o problema. Recibir diñeiro era perfectamente legal. Non o neguei nunca?", dicía.
Descontrol
Malia as reiteradas declaracións das sucesivas direccións do partido prometendo control e transparencia sobre os ingresos que recibían de particulares e empresas a través de doazóns, as sucesivas imputacións dos tesoureiros e as noticias sobre o uso de contabilidades alternativas demostran que, se algunha vez houbo vontade de facer limpeza, os bos propósitos nunca culminaron con éxito.
Nas auditorías internas que encargou o tesoureiro Rosendo Naseiro nos primeiros anos do PP queda claro que a supervisión sobre as doazóns era tremendamente laxa. Na de Barcelona asegúrase que "se recibiron 6.136.425 pesetas de donativos en 1989. O control da recepción é débil, xa que non se empregan documentos prenumerados con orixinal e copia, para recibilos".
A supervisión sobre as doazóns recibidas no PP nunca foi seria nin estrita
Na auditoria realizada na sede provincial de Biscaia pode lerse: "Obtivéronse 522.256 pesetas por donativos en 1989. É dicir, un 8% de todos os ingresos. Na nosa opinión estes ingresos poden incrementarse a pesar das dificultades que se expoñen na sede (que se realizan en Madrid, que somos unha minoría, etc). Non se empregan recibos prenumerados e duplicados para o cobro dos donativos".
En abril de 1990, logo de que estoupase o caso Naseiro, o novo presidente do PP, José María Aznar, encargou a Alberto Ruiz-Gallardón, daquela responsable do comité de conflitos da formación popular, que elaborase un informe no que debía debullar o caso e redactar unha "Proposta de Normas Éticas da Actividade Política". Foi o primeiro "código ético" co que o partido tentou deter un caso de corrupción, do mesmo xeito en que o fixo anos despois cando estoupou o caso Gürtel.
Gallardón recoñeceu nun informe que entre 1989 e 1990 o PP recibira doazóns por máis de 20 millóns de persoas de "doantes coñecidos e identificados"
O informe de Gallardón afirma que entre o 30 de maio de 1989 e o mes de abril de 1990 o PP recibira doazóns por 20,3 millóns de pesetas e que estas cantidades "corresponden a doantes coñecidos e identificados, que por evidentes razóns de discreción non se relacionan neste informe".
Os desexos de veracidade, rexeneración e ética que debían impulsar o informe de Gallardón quedan en dúbida. Agora sabemos polos papeis que gardou Naseiro que entre marzo de 1987 e decembro de 1988 a dirección de Alianza Popular ingresou sen ningún tipo de control nin de identificación 140 millóns de pesetas (a metade desta cantidade, en efectivo) nunha conta opaca aberta no Banco de Fomento.
AP ingresou sen control nin identificación 140 millóns de pesetas nunha conta opaca entre marzo de 1987 e decembro de 1988
Tamén coñecemos que en 1989 a Tesouraría Nacional do Partido Popular enviou a Manuel Fraga 500 millóns de pesetas para financiar a campaña electoral dos comicios galegos dese ano. Rosendo Naseiro, que naquel exercicio era o xefe das finanzas do partido, asegurou nun documento titulado Comentario ao peche do exercicio económico de 1989 que mandara "achegas por 500 millóns de pesetas da Tesouraría Nacional ao partido de Galicia para atender os gastos de precampaña e campaña Galegas".
Máis tarde, o propio Naseiro remitiu o balance oficial do exercicio para a súa fiscalización polo Tribunal de Contas do Estado, no que só se consignaban 199 millóns de pesetas para este gasto deses comicios.
Quen recibe doazóns?
A discusión sobre quen debe recibir doazóns de particulares e empresas dentro dos partidos chegou até hoxe e centrou boa parte dos interrogatorios de instrución do caso Gurtel.
O xuíz Pablo Ruz tomou declaración como testemuña á secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, e preguntoulle por este asunto. A dirixente conservadora contestou: "Eu creo que é coñecido, e as persoas que desexan realizar a doazón debían coñecelo, que a persoa organicamente encargada no partido, que de feito é un cargo nomeado en congreso do partido, o mesmo congreso que me nomea a min ou que nomea a calquera secretario xeral, o cargo no partido que ten o encargo de realizar ese tipo de actuacións é o tesoureiro".
Ruz tamén preguntou ao dirixente popular Javier Arenas se recibira no seu despacho a algún doante e logo conduciuno a ver ao tesoureiro". Arenas contestou: "Eu pódolle dicir que xamais recibín a un doante no meu despacho de secretario xeral do partido e que, no meu caso concreto, xamais recibín diñeiro para o partido, xamais".