A querela da xustiza arxentina contra os crimes cometidos pola ditadura franquista colle pulo, a pesar dos obstáculos impostos polo Goberno e a xustiza española. Avanza grazas ao impulso das vítimas da represión e as súas familias e ao traballo de entidades coma a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), da que foi presidente Manuel Monge. Monge recolleu boa parte da actividade e das reivindicacións da CRMH en A historia secuestrada polo franquismo (Laiovento), "un libro que pretende recuperar a memoria destas persoas, unha memoria que foi ocultada e falseada durante décadas", e que este mércores presenta na Galería Sargadelos de Lugo a partir das 20 horas.
Non é casual a escolla de Lugo para esta nova presentación desta obra. Nunhas semanas votarase no pleno municipal da cidade a moción para mudar o nome de varias rúas, e entre elas podería haber unha que levase o nome do ex presidente da Xunta e ex ministro franquista Manuel Fraga. A proposta xerou polémica e o BNG xa anunciou o seu voto contrario, mentres que no seo do PSdeG-PSOE haberá liberdade de voto. Esta tarde, ademais do libro de Laiovento, presentarase en Lugo o número 3 do folleto Cadernos Republicanos, editado pola CRMH, e que está dedicado a Fraga, baixo o título Camarada Fraga e as Vítimas da Represión Franquista. Monge adianta que esta tarde "imos explicar a participación de Fraga na represión e a súa relación coas vítimas da ditadura" e engade: "esperemos que á presentación acudan Orozco e os concelleiros do PsdeG-PSOE, que están convidados, e que poida influír de algún xeito no seu voto, para que voten en contra".
"Uns acabaron sendo deputados, outros foron presidentes da Xunta, outros acabaron sendo presidentes de empresas eléctricas, como Martín Villa. Non falamos diso, falamos da súa responsabilidade como membros do Consello de Ministros"
Falando de Fraga, finado hai dous anos, a querela chega tarde para que poida sentar no banco dos acusados...
No caso de Fraga, efectivamente chegamos tarde para que poida comparecer, pero non chegamos tarde para que na propia causa apareza. Para nós é importante que na referencia aos crimes do franquismo apareza tamén como ministro da ditadura Manuel Fraga. Estamos a falar de todo o que pasou até que chega a democracia, non falamos do que pasou despois: uns acabaron sendo deputados, outros foron presidentes da Xunta, outros acabaron sendo presidentes de empresas eléctricas, como Martín Villa. Non falamos diso, falamos da súa responsabilidade como membros do Consello de Ministros.
Confías en que a querela vaia adiante e que supoña unha reparación para as vítimas?
É unha posibilidade real e con protagonistas galegos: Darío Rivas, que é un mozo de 90 anos, que mobilizou a moitas organizacións para conseguir que a xustiza arxentina leve a cabo esta investigación sobre os crimes do franquismo. Cousas que hai unha década parecían inviables, como que en Arxentina se puidese xulgar os torturadores e golpistas, hoxe son unha realidade. En 2003, hai dez anos, derrogáronse en Arxentina as leis de amnistía, até ese momento non se podía xulgar os responsables da represión; se iso pasou alá por que non vai ser posible no Estado Español? A ONU enviou varias veces delegacións a España e o Alto Comisionado para os Dereitos Humanos remitiulle ao Goberno español unha suxestión para que derrogue a Lei de Amnistía. E o Estado español, como membro da ONU, ten que acatar as resolucións e os consellos deste organismo. A represión da ditadura constitúe un crime contra a humanidade e como tal non prescribe, por iso esa porta está totalmente aberta e só depende dunha decisión política, que terá que tomar o Goberno. Tanto o PP agora, como antes o PSOE, negáronse a declarar anulada esa Lei de Amnistía.
"En 2003, hai dez anos, derrogáronse en Arxentina as leis de amnistía, até ese momento non se podía xulgar os responsables da represión; se iso pasou alá por que non vai ser posible no Estado Español?"
A Xustiza arxentina está devolvéndolle a España o que fixo o xuíz Garzón co beneplácito da Audiencia Nacional: levou a Pinochet de Londres a Chile para que fose xulgado, e abriu todo un proceso para que se xulgasen todos os crimes cometidos durante as ditaduras arxentina e chilena. Pero cando Garzón quere facer o mesmo en España, páranlle os pés e din que 'aquí non se investiga nada'.
Esa é a vía xudicial, e o teu libro traballa noutra vía: a da investigación histórica, a da información, a da memoria... E imprescindible desmontar as mentiras e ocultacións aínda existentes, non si?
Dende un primeiro momento falouse de "guerra civil", entendida como un enfrontamento entre dous bandos, e parece que iso xustifica todo: “como hai unha guerra hai atrocidades polos dous bandos”, e iso non é certo. E moito menos en Galicia, onde non houbo dous bandos, aquí houbo un xenocidio, unha matanza calculada dunha serie de persoas pola súa ideoloxía ou adscrición política, máis de seis mil persoas en toda Galicia, máis de 600 na Coruña. O auto de Garzón o que nos recorda é que despois de 35 anos de democracia seguen nas cunetas máis de 150 mil persoas e 30 mil nenos foron roubados polo franquismo. O libro pretende recuperar a memoria destas persoas, unha memoria que foi ocultada e falseada durante décadas.
"En Galicia non houbo dous bandos, aquí houbo un xenocidio, unha matanza calculada dunha serie de persoas pola súa ideoloxía ou adscrición política"
E tamén recolle a actividade da CRMH...
Si, o libro tamén recolle os roteiros que fixemos durante anos na CRMH da Coruña, roteiros polas casas das persoas que foran represaliadas. Ou as campañas educativas que levamos a cabo, or exemplo até conseguir o cambio no nome do hospital. Todo o mundo falaba de Juan Canalejo, e a maioría pensaban que tivera algo que ver coa medicina e que por iso se chamaba así o hospital. E fixemos unha campaña titulada 'Juan Canalejo non era cardiólogo', que conseguiu que a xente preguntase 'entón, que era?'. Era un fascista, era un terrorista e era o xefe da Falange da Coruña. E o mesmo co tema de Millán Astray, que chegara a ser denominado polo actual alcalde da cidade como 'coruñés de pro'. Estas campañas foron moi proveitosas para desmontar todo o entramado e a simboloxía franquista que había na cidade, que se aprobou a súa eliminación, pero moitas delas continúan porque Negreira se nega a executar e acatar o acordo plenario que hai dende hai cinco anos.
Tamén falamos dos campos de concentración que houbo en Galicia, sobre todo dos máis próximos á Coruña, como o que estaba en Betanzos e onde estivo Vicente Ferrer. O libro tamén se ocupa das batallas que quedan, coma a batalla de Meirás, que seguimos coa loita para que regrese ao patrimonio público. E a batalla da información: para que a xente cambie de opinión, primeiro ten que estar informada.
Como analizas dende a actualidade a Lei de Amnistía, que en realidade era unha demanda do antifranquismo, pero que acabou servindo para evitar xulgar os represores?
Ninguén pode dicir que conseguir que regresase a democracia de xeito pacífico non foi algo positivo, pero o que non é aceptable é que esa Transición supuxese na práctica unha lei de punto final. Eu fun beneficiado pola Lei de Amnistía, e loitei por ela; cando saiamos á rúa nos anos setenta reclamábamos 'liberdade, amnistía e estatuto de autonomía'. Eu, que son mestre e estaba vetado, volvín traballar grazas a esa lei, e moitas persoas saíron da cadea grazas a ela. O problema é que na práctica supuxo unha lei de punto final, pero iso é inadmisible, porque os crimes de lesa humanidade non prescriben.
"Eu, que son mestre e estaba vetado, volvín traballar grazas a esa lei, e moitas persoas saíron da cadea grazas a ela. O problema é que na práctica supuxo unha lei de punto final"
O libro fala de Fraga tamén?
A decisión de presentar o libro en Lugo este mes non é casual. Hai un debate aberto agora na cidade sobre a decisión de dedicarlle unha rúa a Fraga. E o libro trata tamén o tema do 'Camarada Fraga', que é como era coñecido Manuel Fraga polos fascistas, e así aparece en documentos oficiais, no BOE, cando cesa como xefe das asociacións de Falanxe: Nesa referencia Franco agradécelle dese xeito os servizos prestados.