O 19 de maio de 1948 a guerrilla antifranquista aínda seguía viva en Galicia. Con persoas destacadas como Benigno Andrade, o Foucellas, quen na altura comandaba a V Agrupación, a cal protagonizou un enfrontamento coa Garda Civil no lugar de Loureiro, na parroquia teense de Luou.
O equipo científico do grupo Histagra intervén na fosa de Luou (Teo) onde quedaron os corpos de catro membros da agrupación guerrilleira que lideraba o Foucellas, caídos nun enfrontamento coa Garda Civil en 1948
Foucellas e outro compañeiro, Xosé Ramuñán, lograran escapar. Pero a policía da ditadura matou catro guerrilleiros no choque onde tamén morreu un garda. Eran Ricardo Fernández Carlés,de Pontecesures; Manuel Agrasar Cajaraville, o Barbarroxa, de Padrón; Vicente López Novo, El Hijo de la Nova, de Ribeira; e mais o asturiano Florentino Menéndez Palacios. Así o acredita o o informe histórico preliminar do grupo de investigación Histagra, que dende esta semana está a exhumar os seus restos grazas aos fondos do segundo Plan Cuadrienal (2025-28) de Memoria Democrática do Goberno de España.
Como no primeiro plan, a achega do Estado chega á Xunta, pero o Goberno galego limítase a transferila ao equipo investigador que lidera o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, mesmo evitando figurar publicamente en ningures -o convenio que formaliza o traspaso foi asinado a través de internet-. Este ano son 78.000 euros que permitiron intervir o pasado outubro no cemiterio rianxeiro de Asados á procura de dúas vítimas nuns traballos que agora continúan en Teo.
O segundo Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, no que a Xunta se limita a transferir fondos do Estado e evita figurar publicamente, comezou actuando nunha fosa de Rianxo e continuará en Mañón. O equipo de Histagra apela á colaboración da cidadanía que poida achegar datos
No caso concreto desta fosa, no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou, a intervención permite non só un estudo, senón tamén a exhumación. A continuación, o equipo de Histagra e o CISPAC continuará o seu labor coa investigación histórica doutra en Ribeiras de Sor, en Mañón. Alí o que corresponde é unha primeira fase do estudo do lugar onde foron guindadas sete persoas. Ademais, o plan contempla "labores de recoñecemento" e memorialización en fosas nas que interviron en anos previos na Capela, Crecente e Lousame.
Equipo multidisciplinar
Igual que na primeira edición do plan, dende 2021, o equipo encargado de estudar, exhumar e dignificar os lugares onde os franquistas asasinaron ou soterraron as súas vítimas é multidisciplinar. Canda Fernández Prieto o doutor en historia Antonio Míguez Macho coordina un equipo que abrangue a arqueoloxía baixo a dirección de José Carlos Sánchez Pardo, tamén profesor na USC; antropoloxía forense da man de Fernando Serrulla, do Instituto de Medicina Legal de Galicia; e xenética a cargo de María Victoria Lareu, do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro.
O equipo científico, cuxa bagaxe levou o Goberno de España a encomendarlle tamén o censo estatal de vítimas do franquismo, resalta que nesta nova fase do Plan Cuadrienal "a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares" segue a ser un "piar fundamental". Por iso chaman a "todas aquelas persoas e entidades que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativas a elas".