"Isto é como unha loita persoal, unha misión para mostrar ao público que é o fascismo"

Leo Bassi representando a obra 'Yo, Mussolini' © Luis Otero Zarazo

Leo Bassi é Il Duce na súa obra 'Yo, Mussolini', na que pretende explicar que é realmente o fascismo e por que non hai que ter medo del. Pasará por Lugo, Salceda de Caselas e Viveiro con este espectáculo co que busca concienciar á xente diante do auxe da extrema dereita

Actor, cómico, pallaso e bufón. Leo Bassi volve a Galicia para falar abertamente do fascismo en Yo, Mussolini. Estará no auditorio Gustavo Freire de Lugo o xoves 27 de xaneiro, na Casa da Cultura de Salceda de Caselas o venres 28 e no teatro Pastor Díaz de Viveiro o sábado 29. Non lle importa que o traduzan ao galego porque pensa que o pode ler sen problema ao controlar o portugués, sobre todo o do Brasil, onde actúa con frecuencia e onde –di– atopa moitos galegos: ″É que hai galegos en todas partes″–. Está de volta cunha obra na que máis que actor, é activista. 

Xa leva un tempo meténdose na pel do ditador fascista Benito Mussolini, como o leva?

É unha aventura cada vez que me poño o traxe militar. Un xastre militar fíxomo en Italia. Reproduciume fielmente o uniforme de Mussolini, que para un italiano é unha imaxe que temos marcada na cabeza. Cada noite, no camerino, cando mo poño son outra persoa. O traxe ten moita influencia. É toda unha parte da historia de Italia que volve, que non rematou. O fascismo está de volta en Italia, vése nos campos de fútbol: os rapaces alzan os brazos e berran ′Duce, Duce′. Volve a problemática de enfrontarse co fascismo. Cada noite no escenario teño isto moi presente. Non o estou a facer como un actor que interpreta un papel. Isto é como unha loita persoal, unha misión para mostrar ao público que é o fascismo. Mussolini creou o fascismo, inventou ata a palabra. E eu póñome diante do público para contarlles o que é.

O cómico Leo Bassi caracterizado como Mussolini © Compañía Leo Bassi

"Comecei a pensar que Mussolini ou Hitler eran só marionetas dos verdadeiros poderes que estaban detrás"

Cre que neste recente auxe da extrema dereita hai demasiados axentes a branqueala para que sexa máis difícil de identificar?

Este é un dos argumentos esenciais porque, incriblemente, cando comecei o espectáculo sobre Mussolini pensaba que máis ou menos dominaba a historia; pero ao adentrarme na historia de Mussolini decateime de que xa fora branqueada. Se un comeza de verdade a estudar o que pasou, ve que é moi diferente do que se estuda en Italia sobre os vinte anos do fascismo. Cal é a diferencia? Cando chegou o primeiro fascismo, nos anos vinte en Alemaña, todos os poderes o apoiaron. Iso é o que non se di. Igual que ocorreu en España na Guerra Civil. Ao final, comecei a pensar que Mussolini ou Hitler eran só marionetas dos verdadeiros poderes que estaban detrás. E que ten sido moi cómodo para eses poderes transformar a estes personaxes en verdugos, como se foran unha aberración, cando realmente eran só marionetas como sucede hoxe. Por un lado está o que se ve e o que se di, e os intereses de verdade fican por atrás. Por iso, neste espectáculo intento axudar o público non só a ver o personaxe histórico de Mussolini, senón a prepararse para entender o que está a pasar hoxe en día.

"Se o que digo non tivese consecuencias, se o humor non tivese poder, non me terían posto unha bomba"

Pensa que con esta obra as xeracións máis novas poden entender os riscos da extrema dereita e o fascismo?

O espectáculo non é para un público intelectual. Eu son un artista de rúa. Pasei moitos anos da miña vida actuando nos circos e nas prazas, coñezo ben o público popular. O mesmo público que pode ser vítima das mentiras da extrema dereita. Unha das cousas que me dan a medida do impacto que podo ter sobre o público é cando saio do teatro e hai xente agardando por min para facerme preguntas. Por iso sei que unha das cuestións que máis impacta á rapazada é a amizade entre Walt Disney e Mussolini. Son cousas que non se contan moito, pero eles coñecíanse moito. Mussolini deulle un premio a Walt Disney por ser un artista popular e non para as elites. Agora Disney nos toca a todos e é sinónimo da familia, das cousas boas, non dá unha imaxe de fascismo. Pero cando conto no espectáculo como ambos compartían unha mesma visión da sociedade, abro unha problemática que a rapazada non coñecía. Imaxina que o Disney + da televisión pode ser un elemento de fascismo a nivel cultural hoxe. Emprego argumentos que lle falan á xente de hoxe e me parece un éxito se consigo mover mentes. Unha das grandes preguntas de sempre é se a arte consegue cambiar as cousas, eu o que podo dicir é que o estou intentando. Non estou facendo un espectáculo de ocio nin de monólogos, estou intentando abrir preguntas na cabeza da xente e alertar dos problemas.

Pode o humor ser a mellor maneira de facer memoria?

Pola miña parte, si. Levo dedicada toda a miña vida a esta idea. Hai uns anos puxéronme unha bomba nun teatro en Madrid, queimaron a igrexa Patódica que tiña tamén en Madrid, teño recibido palizas pola rúa... Parece que molesta o que estou facendo e queren eliminarme, asustarme, calarme... Dalgunha maneira, isto pode servir para medir o impacto que podo ter. Se o que digo non tivese consecuencias, se o humor non tivese poder, non me terían posto unha bomba. E por que? Porque o humor é popular. Se consegues pór nun chiste unha visión política, comunícase moi ben. O chiste é unha maneira de sintetizar unha idea profunda política que consegue facer rir. O fascismo gaña cando a xente lle ten medo, gaña porque asusta e pola idea de que é mellor estar con eles –porque son violentos– que contra eles. E se alguén chega e lle quita a parte do medo e comeza a rirse de todo iso... Os fascistas saben que é un problema, por iso ao longo da miña vida tiven moitos episodios de violencia. Aínda que esta violencia o único que fixo foi confirmarme que estaba no bo camiño, que molestaba a quen quería molestar.

"Como home de circo, meu avó tiña moi claro que podía mofarse do poder, de calquera poder; pero non da xente fráxil, non dos pobres"

Con todo isto, segue pensando que hoxe existe a liberdade de expresión?

Se non hai problemas de liberdade de expresión, ao mellor, é porque o que estás a dicir non é importante. A liberdade de expresión non é unha palabra, hai que utilizala: dicir cousas que molestan, con argumentos. Se queres denunciar algo, tes que facelo. A liberdade de expresión non existe se estamos todos de acordo e ninguén di nada. Aí alguén pode dicir ′non hai censura′, claro, non hai censura porque ninguén se atreve a molestar. Hoxe, como antes, se molestas de verdade vas atopar poderes e non vai ser doado. Incluso nos lugares onde hai liberdade de expresión, hai problemas. Por exemplo, aparte das cuestións políticas, eu tiven moitos problemas neste sentido con empresas. Ti non podes facer un chiste coa Ford ou con McDonalds, denúnciante porque ensucias a marca ou para defender o seu copyright. En televisión elimináronme chistes porque empregaba nomes de marcas, isto tamén é censura.

Agora que falamos moito da ′cultura da cancelación′, vostede se ten sentido ′cancelado′ nalgunha ocasión?

Si, si. Cando un grupo de cómicos nos atopamos nun bar a conversa vai sempre sobre ′xa non se poden facer chistes de tal cousa′. E eu, aos meus colegas intento transmitirlles un concepto que me facilita un pouco o momento de escoller un chiste ou non. Como home de circo, meu avó tiña moi claro que podía mofarse do poder, de calquera poder; pero non da xente fráxil, non dos pobres. Se ti te mofas da parte fráxil, dos máis débiles ou das persoas que foron vítimas, pois non. Pero se o chiste é contra quen ten o poder e os que controlan as situacións, para min está totalmente autorizado. Non vou seguir ningún conformismo, farei os chistes que me gustan e que fagan rir ao público. Mais hai chistes racistas e sexistas que eu non faría. As mulleres teñen sido vítimas desde hai milenios, eu non vou facer chistes contra mulleres. Hai tanto poder contra o que facer chistes... Por exemplo, eu non teño problema en facer chistes contra a igrexa católica porque mantén o poder e síntome no meu dereito de facelo. Igual que sinto o dereito de poñerme un traxe de Mussolini e mofarme da extrema dereita, porque eles manexan o poder.

É unha boa máxima a seguir.

É a miña tradición familiar. É o que me dixeron o meu pai e o meu avó. Eles non tiñan moito problema para saber por onde levar os chistes ou a mofa. Estaba claro para eles porque eran xente do pobo. Erguíanse ás cinco da mañá para levantar a carpa e colocar todas as cadeiras, cambiábanse o traxe e subían ao escenario como pallasos a facer rir. Despois desmontaban todo, collían a furgoneta e outra vez. Son xente que tiña unha ética e unha misión, que era ser portavoces do público, dicir o que os pobres saben pero que non se atreven a dicir. Eu crecín con isto.

Que hoxe a xente escolla seguir acudindo aos seus espectáculos como vía de escape debe ser un orgullo.

Si, claro. Pero é que hai unha cousa moi clara no mundo do circo, que é que os mellores pallasos son os máis vellos. Un pallaso é un cúmulo de experiencias vividas. Sinto que agora estou no meu mellor momento, son máis divertido, máis cómico, máis sabio e máis intenso. Creo que estou moito mellor agora que hai trinta anos. Lembro que o meu pai, cando eu tiña corenta anos, me dicía que era demasiado novo para ser cómico. Xa tiña unha carreira en Italia, pero el me dicía isto... É algo que fun entendendo co tempo. Agora cando saio ao escenario síntome ao máximo dos meus coñecementos e da miña creatividade. Sei cousas que hai trinta anos que non sabía. Volvo a esa sabedoría do circo dos meus pais e os meus avós, a miña familia está nas pistas de 1840 e isto supón unha herdanza enorme.

Unha escena da representación 'Yo, Mussolini', que volve a Galicia © Luis Otero Zarazo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.