Leo Bassi "exorciza" Compostela e "despídese" do PP no Obradoiro

Bassi, en pleno "exorcismo patólico" ante o Pazo de Raxoi CC-BY-SA Alberto Ramos

Meu dito, meu feito. Tal e como anunciara hai poucos días e exactamente como explicou en conversa con este diario o pallaso Leo Bassi percorreu este sábado as rúas do centro de Compostela para, poucas horas antes de celebrar a súa gran "misa Patólica" no paraninfo da Universidade, "exorcizar" a capital galega para "liberala" do PP, partido do que se despediu oficialmente en plena Praza do Obradoiro. Fíxoo cunha "procesión-exorcismo" inzada de retranca na que apelou ás "forzas celtas e enerxías cósmicas previas ao catolicismo" que, di, están presentes no "substrato cultural e espiritual de Galicia", as mesmas que xa "axudaron a liberar Compostela do ex alcalde Conde Roa".

Durante o percorrido polo casco histórico compostelán o bufón non aforrou críticas para os gobernantes nin tampouco para a xerarquía eclesiástica. "Eu teño críticas contra o poder, contra o PP e contra a Igrexa; a catadura moral destes personaxes evidencia que están máis que xustificadas", dixo, mentres adoraba o seu parruliño de goma, ídolo da Igrexia Patólica, o seu culto de reflexión, humor e crítica que o propio Bassi fundou en 2012 e que exerce cada semana coas "misas bufonescas" do seu Paticano de Lavapiés, en Madrid. A doutrina patólica "defende o humor, a gargallada e os valores humanistas", "vai alén" dunha parodia dunha eucaristía", sinala.

"Non lles desexo nada malo aos do PP, só que deixen o goberno e se poñan a traballar"

"A risa é sagrada", proclamou Leo Bassi, ataviado cun traxe a medio camiño entre o bispo e o bufón. Cunha comitiva de case un cento de persoas e sempre acompañado polo paso do seu parruliño Bassi non esqueceu a Prisciliano, "unha das primeiras vítimas da intolerancia católica" pero, sobre todo, non perdeu de vista os líderes do PP. Non en van, unha reprodución de Mariano Rajoy acompañouno ata a Praza do Obradoiro, onde se despediu simbolicamente dos conservadores. "Non lles desexo nada malo aos do PP, só que deixen o goberno e se poñan a traballar no sector privado, que é o que realmente defenden e onde nunca traballaron, porque nunca traballaron na vida". "Que Rajoy gañe moitos cartos na privada e pague impostos", di.

Tras desexarlles persoalmente "sorte" a membros das candidaturas do BNG e de Compostela Aberta Leo Bassi dirixiuse á Facultade de Historia, sede do Paraninfo da USC, onde desenvolve as dúas funcións da súa Gran Misa Patólica. Parte dos 10 euros que custa cada entrada irá destinada á organización do Festiclown Palestina 2016.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.