“Sen actitude crítica non hai democracia”. Esa mensaxe é o colofón do espectáculo que Leo Bassi ofreceu hoxe, por partida dupla, na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago. Un espectáculo de “sadismo light” no que o clown italiano xogou durante máis de dúas horas co medo e a tensión do público (“estreitar cus”, nas súas palabras), amosou The Best of das súas actuacións e chanceou, como non podía ser doutro xeito, co aínda alcalde de Compostela e as súas leas co fisco. “Conde Roa ten que xogar ao golf, ten moita costume diso dos buratos, mesmo nas declaracións da renda”, ironizou, entre sonoros aplausos, o clown, que tamén se amosou clemente co, polo momento, rexedor compostelá. “Foi oficialmente imputado. Pero non me quero rir da súa situación, que é pai de familia numerosa”, concluíu entre risos e máis aplausos.
O espectáculo, The Best of de Leo Bassi, comezou cun atraso de vinte minutos na primeira función e con gran expectación polas máis de trescentas persoas que ocuparon o auditorio. A espera rematou con solemnidade vaticana ao entrar un Bieito XVI disposto a recoñecer os erros da Santa Madre Igrexa. Con loas a Prisciliano e reparto de preservativos da ficticia marca Darwin incluídos, o Papa Bassi anovou a institución de San Pedro. Así comeza o seu The Best of e así comezaba o seu espectáculo La revelación que, en palabras do propio Bassi, “case motivou” a súa “morte” en 2006. Lembrou así o intérprete que no teatro Alfil de Madrid alguén puxera unha bomba “dun quilo de dinamita” a poucos metros do seu camerino. “Puxeron unha bomba para impedir que saíse facendo de Papa. Foi o punto máis alto da guerra sen fin que houbo para que non se viran os meus espectáculos”, relatou o artista no momento máis grave dunha función na que Bassi reivindicou en varias ocasións a súa vocación e o seu obxectivo na vida. “O vello gremio do bufón facía rir a xente e tiña o orgullo de plantarlle cara ao poder. Eu levo 40 anos loitando contra os pijos, día e noite. Quizais a miña vida foi un fracaso, porque vexo máis pijos ca nunca”, laiouse o bufón italiano antes de deducir que “aos pijos antes se lle chamaban fachas e agora, centristas”.
"Puxeron unha bomba para impedir que saíse facendo de Papa, foi o punto máis alto da guerra para que non se visen os meus espectáculos"
Bassi deixou marxe para a súa propia saudade, para lembrar con ironía a súa longa traxectoria sobre o escenario. “Eu actuei en Madrid e Barcelona e agora... na periferia”, laiouse mentres recuperaba varios números de toda a súa carreira, guindaba ovos ao público e se coaba no mundo do hipnotismo. “E logo Crónicas Marcianas...”, seguiu lamentándose ante o público, que esgotou as entradas para as dúas funcións de hoxe na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago.
As críticas ácidas e o “sadismo light” servíronlle a Bassi, como case sempre, para mallar nas súas grandes teimas. A Igrexa, as multinacionais, a dereita, os pijos e a pasividade da xente con todo o que sucede. Con todas a súa parafernalia e a súa irreverencia “repugnante”, Leo Bassi entrou no auditorio da facultade como Papa e acabou -de xeito “doce”- espido e emplumado ante o público como o bufón que sempre defendeu ser.