“Non son demócratas, son os fascistas de sempre”

Leo Bassi, esta mañá na Praza do Obradoiro CC-BY Alberto Ramos

Dende que o pasado 25 de xullo, cando Conde Roa se enfundou o traxe galego, ningunha outra persoa coa indumentaria tradicional do país espertara tanto rebumbio na Praza do Obradoiro. “Este tipo é o follonero italiano?”, preguntaba algún turista despistado entre as lufadas das cámaras e o balbordo de xornalistas que rodeaba a un pletórico Leo Bassi que esta mañá, fronte a Catedral compostelá, homenaxeou a Prisciliano ao son das gaitas, criticou a “censura” e viu como o Concello de Santiago lle pechaba a Sala de Prensa do Pazo de Raxoi.

“Non son demócratas, son os fascistas de sempre”, asegurou no Obradoiro o artista italiano, que hoxe  pola tarde ofrecerá na Facultade de Ciencias de Comunicación dúas funcións do espectáculo que o Teatro Principal debería ter acollido o pasado martes, pero que foi cancelado polo Concello entre unha gran polémica. 

"O máis importante aquí non é a liberdade de expresión, o realmente importante é a liberdade de escoitar, de ver, de decidir”

O clown acusou en reiteradas ocasións o Goberno compostelán e o  alcalde, Gerardo Conde Roa, de aplicarlles “unha censura patética” tanto ao seu espectáculo como ao público. “Non hai unha censura contra min, hai unha censura contra 600 persoas. O problema non son eu, o problema que hai é que a xente non podía ir ver o espectáculo que quería ver. O máis importante aquí non é a liberdade de expresión, o realmente importante é a liberdade de escoitar, de ver, de decidir”, sinalou o artista no Obradoiro antes de dar comezo a súa homenaxe a Prisciliano.

Acompañado polos gaiteiros que responderon ao convite de participar no acto e amosando unha coroa co lema Prisciliano (340-385). Primeiro Martirio do escurantismo católico, Leo Bassi retratou o lendario bispo executado por herexe no século IV. “Matárono a traizón outros bispos, matárono por querer ordenar mulleres como curas e por facer ritos dos druídas”, lembrou Bassi antes de engadir que o pensamento de Prisciliano achégase “á teoloxía da liberación”. O actor tamén destacou que Prisciliano mesturaba “o humanismo cristián” coa “visión da natureza e a harmonía dos sexos”.

“Prisciliano é importante porque o gran reto agora é ver que, por riba dos recortes, hai outra dimensión humana e de irmandade entre persoas”

“Prisciliano é importante porque o gran reto agora é ver que, por riba dos recortes, hai outra dimensión humana e de irmandade entre persoas”, afirmou Bassi, quen tamén sinalou que en Compostela se puxo “unha Igrexa para esquecer a Prisciliano” dicindo que se atoparan os restos de Santiago cando hai “máis posibilidades” de que quen está “soterrado na Catedral sexa Prisciliano”. A homenaxe ao bispo rematou cando Leo Bassi depositou aos pés da fachada do Obradoiro o tributo floral ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia. 

 

"A min o que me produce especial repugnancia é non pagar o IVE. Eu estou afincado en España dende hai quince anos, paguei sempre os meus impostos"

 

A repugnancia, Conde Roa e Facenda

Aínda que ás horas que Leo Bassi actuaba no Obradoiro o alcalde compostelán estaba xa nos xulgados para declarar ante o xuíz, Conde Roa foi o gran protagonista ausente dos actos. Os medios preguntáronlle insistentemente pola situación legal do rexedor e pola “especial repugnancia” que este sentía contra a súa persoa. “A min o que me produce especial repugnancia é non pagar o IVE. Eu estou afincado en España dende hai quince anos, paguei sempre os meus impostos. Síntome defraudado. Se se fose a polos banqueiros, a polos caciques que non pagan e defraudan, non habería que facer os recortes en sanidade e en educación”, retrucou o artista italiano, que estivo acompañado por varios espontáneos con pancartas que pedían o cesamento do alcalde. “Conde Roa, dimisión. Ladrón represor”, rezaba un dos carteis.

“O tiro saíulles pola culata” ao aplicar “esta censura tan clara, tan directa e antiga”, dixo Bassi

Leo Bassi respondeu tamén ás explicacións que dende o Concello de Santiago se deu á suspensión do espectáculo por problemas de axenda e coincidencia de datas. “Calquera pode comprobar que o 10 de abril non había nada programado. Mentiron o concelleiro de Cultura e o alcalde, como tamén mentiron algúns comentaristas de El Correo Gallego, que  dixeron que era un espectáculo subvencionado. Nada diso, é un espectáculo privado, que vai á billeteira”, explicou Bassi, quen asegurou que “o tiro saíulles pola culata” ao aplicar “esta censura tan clara, tan directa e antiga”. “Esta patética censura dinos ás claras que hai razóns para manter unha cultura libre e onde está a loita para os artistas”, sinalou.

 

Sala de prensa pechada

Trala ofrenda floral no Obradoiro, Leo Bassi entrou no Pazo de Raxoi na compaña de Rafa Villar, concelleiro do BNG, grupo municipal que convidou o italiano a falar no concello a xeito de “desagravio”. Non obstante, as portas da Sala de Prensa atopábanse pechadas, polo que a rolda trasladouse ás dependencias do BNG no Pazo de Raxoi. “Isto é inadmisible. A censura estase a converter nun perigoso costume”, lamentou Villar, quen lembrou episodios como “a censura dun catro nunha mostra”, a retirada do apoio ao Correlingua, a “liorta” de Conde Roa despois da ópera El Barbero de Sevilla ou “os ataques contra a Sala Nasa”.

Na rolda de prensa, ademais do concelleiro do BNG e o propio Leo Bassi, tamén estivo presente o director do Festiclown, Iván Prado, quen gabou a figura do artista. “O teatro e o circo galego débenlle moito. Falamos dun artista internacional. E cando un alcalde pecha as portas a Bassi, péchalle as portas a todos os artistas. Cando o insulta, insulta a todos os artistas”, dixo Prado.

Leo Bassi, homenaxeando a Prisciliano CC-BY Alberto Ramos
Rolda de prensa de Bassi nas oficinas municipais do BNG, despois de que o Concello lle denegase a entrada ás dependencias públicas CC-BY Alberto Ramos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.