Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, recibiu o premio de Honra da última edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O festival recoñeceu os seus 40 anos como titiriteiro -como membro de Tanxarina, un dos pioneiros do teatro de bonecos en Galicia- ademais do seu traballo como actor, músico, docente, dramaturgo e director. Unha actividade polifacética que representa ademais a traxectoria doutros compañeiros de profesión que, coma el, foron os responsables dalgúns dos proxectos que foron construíndo estruturas para a cultura galega, como o Festival de Teatro de Títeres de Redondela.
Como foi recibir o premio de Honra da MIT?
Foi un pracer e un cariño, porque sei que eles o fan con cariño. Recibín o premio ademais con moito respecto pola importancia do festival, porque é un dos máis antigos, así que procurei estar á altura. Viñéronme á cabeza moitos recordos porque son xa 40 anos de traballo e na miña cabeza estaban Ernesto Chao, Celso Parada, Dorotea Bárcena… Moita xente. Alégrome moito, ademais, de que nestes 40 anos puidésemos chegar onde chegamos. Este premio foi por todos, por todas os que levamos desde os anos 80 co proxecto de Tanxarina: agora estamos Miguel Borines, Andrés Xiráldez e eu, e eles son partícipes e cómplices do premio.
“Alégrome moito, ademais, de que nestes 40 anos puidésemos chegar onde chegamos”
Decidiches dedicarte aos títeres ao coñecer o traballo de Harry Tozer no Institut del Teatre de Barcelona. Que foi o que te impactou tanto?
Cando fun para Barcelona andaba perdido. Non sabía se ía dedicarme á interpretación. Subín dous pisos no Institut del Teatre, no antigo, que estaba na zona vella, e descubrín o mundo das marionetas de Harry Tozer. Preguntei se podía apuntarme, fíxome unha entrevista e entrei no seu obradoiro. Traballamos nalgunha produción e mesmo recuperamos algún espectáculo que el quería resucitar. Alí aprendín a construír marionetas de fío, que é a miña especialidade. Despois xa fundamos Tanxarina polo 82-83.
Cando creades Tanxarina había moi pouco en Galicia de títeres: estaban Kukas, Viravolta, Trécola…
No 83 en Tanxarina estabamos Elías Araújo, Esther Cabacés, Marga Maderal, Miguel Borines e o irmán de Andrés Xiráldez, Pablo, que é deseñador e construtor, e despois Andrés. Tivemos varios directores: Quico Cadaval, Evaristo Calvo… Nas últimas obras que fixemos temos a Cándido Pazó. Naquel momento non había nada, non. Organizamos en Mondoñedo o primeiro festival de títeres e de aí veu a primeira asociación de títeres galega. Estaban Kukas, Viravolta, Spaghetti de Vigo, Cachirulo, Dantea, Falcatrúa e nós, Tanxarina. Creamos a asociación porque había que empezar a traballar na construción de estruturas porque non había nada. Creamos, por exemplo, o Domingo de Furabolos, que foi o primeiro circuíto de títeres de Galicia. Foi o inicio do futuro do teatro de títeres en Galicia.
“Creamos, por exemplo, o Domingo de Furabolos, que foi o primeiro circuíto de títeres de Galicia. Foi o inicio do futuro do teatro de títeres en Galicia”
Non había nada desde que nos anos 60 parara Barriga Verde…
Non tiñamos nada, nin medios para traballar, porque non había subvencións. Alégrome moito do que conseguimos construír, de ter participado dos procesos de construción dunha estrutura teatral que nos permiten falar do CDG, da Asociación de Actores e Actrices… Foise conformando pouco a pouco un panorama que era inimaxinable daquela. Na actualidade xa hai outra xeración que vén da ESAD, que fora outra das nosas reivindicacións. Ou a Academia Galega de Teatro, da que son académico. Alégrome do que conseguimos, aínda que quede moito por facer, e creo que hai que coidar o que hai e que as xeracións máis novas deben ir ocupando eses espazos.
“Alégrome do que conseguimos, aínda que quede moito por facer, e creo que hai que coidar o que hai e que as xeracións máis novas deben ir ocupando eses espazos”
Como foi mudando a relación co público? Porque son 40 anos: etapas históricas moi diferentes.
A relación co público foi cambiando. Ao principio necesitábase facer un traballo nas escolas. A nosa responsabilidade era formar un público infantil. Pero xa no 95-96 organizamos o primeiro Festival de Teatro de Títeres de Vigo, que despois non continuou, e alí xa se vía que os títeres non eran só para público infantil. No ano 2000 comezamos xa co Festival Internacional de Títeres de Redondela. Foi tal éxito que a xente nin cabía. Jorge comezou co festival Galicreques en Santiago, Viravolta en Lalín… Co traballo que fixemos entre todos o público foise ampliando, co cal agora temos infantil e de adultos. E todo iso foi un cambio moi grande que se deu entre os anos 80 e os 2000.
Es experto en marionetas de fío pero en Tanxarina traballades con distintas técnicas: luva, variña, sombras, bunraku…
Fomos adaptando a compañía ás novas circunstancias. Empezamos co fío e despois fomos incorporando outras técnicas. Tamén iamos aprendendo do que viamos: en Galicia, en Portugal, en América… Gústanos variar. É certo que a xente que leva a vida traballando coa mesma técnica acábase convertendo en virtuosa dese estilo. Pero nós preferimos variar e si, facemos luva, variña, vara, bunraku, fixemos un espectáculo de rúa con 16 persoas… E iso levounos tamén a actuar fóra do teatrillo, porque os tres membros da compañía traballamos tamén como actores. Somos moi versátiles. A cazola de Lola, por exemplo, son siluetas de madeira animadas que combinamos con traballo actoral noso.
“Co traballo que fixemos entre todos o público foise ampliando, co cal agora temos infantil e de adultos”
Os vosos textos falan de problemas sociais e políticos actuais. Por exemplo, A casa do avó. É un posicionamento consciente da compañía?
Nós consideramos xa o primeiro que o público infantil é moi intelixente. Non se pode tratar os nenos como se fosen parvos. Eles poden absorber todo, sempre que se traballe con textos axeitados para as idades ás que se dirixen. A casa do avó fala dos desafiuzamentos. É un texto de Cándido Pazó que conta como o neto salva o avó grazas á solidariedade dos veciños. Outro espectáculo que fixemos, A Galiña Azul de Carlos Casares, fala tamén de solidariedade e de diversidade. E A cazola de Lola fala de diversidade funcional. É un texto de Isabelle Carrier adaptado por Cándido Pazó. Fala de como a xente diversa pode convivir cos demais e ser feliz. O noso compromiso é contar algo que desde o noso punto de vista poida interesar os rapaces, pero hai que saber contárllelo. Cándido, ademais, é moi hábil para iso como dramaturgo.
Antes de Tanxarina tiveras A Monda Lironda, en Vigo.
Foi ao chegar de Barcelona. Tivemos un verán de traballo. Fixemos un espectáculo de marionetas e aí quedou o proxecto. Foi o primeiro intento de crear unha compañía.
Tamén fixeras algo con Matarile, que comezaron tamén cos títeres.
Si, fixeramos O cumpreanos da infanta de Oscar Wilde. Estabamos de manipuladores. Fixeramos unha xira por Francia. Fora un proxecto moi interesante. Baltasar Patiño e Ana Vallés, que despois foron por outro lado, xa tiñan unha concepción moi moderna do teatro de títeres.
Seguindo por orde cronolóxica estaría, nos 90, Producións Teatrais do Sur. En que consistía?
Fora un proxecto do Igaem -o que agora é Agadic - para que varias compañías se xuntasen e residisen xuntas. Xuntámonos Teatro de Ningures, Teatro do Morcego e Tanxarina. Fixemos o Macbeht de Ionesco, por exemplo, que o levamos a Ribadavia. Ao mesmo tempo cada compañía seguía cos seus propios espectáculos. Nós fixemos Ah, ah, ah, estamos monstros de risa, que foi cando Cándido nos dirixiu por primeira vez. Estivemos como tres anos con Producións Teatrais do Sur e despois cada un volveu á súa propia compañía. E a partir de aí tamén renace o noso traballo como actores fóra das compañías propias. Traballando xuntos ou por separado. Con Teatro do Morcego fixemos Andrés e eu Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Os tres estivemos en A Cacatúa Verde do CDG. Eu tamén traballei con Teatro de Ningures en Ubú Rei, con Celso Parada.
“Con Teatro do Morcego fixemos Andrés e eu Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Os tres estivemos en A Cacatúa Verde do CDG”
Ao mesmo tempo comezou o traballo de actor no campo do audiovisual. Filmes, curtas…
Empecei como actor no 98, con José Luís Cuerda, en A lingua das bolboretas, facendo de Roque pai, un actor secundario. Despois traballei por exemplo en O lápiz do carpinteiro de Antón Reixa; en Heroína de Carlos Herrero; en As reliquias do Santo de Toño López; en Chapapote o no de Ferrán Llagostera; en A illa das mentiras de Paula Cons ou en Matria de Álvaro Gago, que se vai estrear este ano.
Algunha experiencia que queiras destacar no cine?
A lingua das bolboretas foi unha experiencia moi boa. Tamén por exemplo Señora Beba, que fixo Reixa cuns arxentinos, dirixida por Jorge Gragero. Chamáronme para que fose a Bos Aires gravar o papel. Alí puiden coñecer a Norma Aleandro e foi unha delicia. Tamén me gustou moito facer Trote, de Xacio Baños e Matria de Álvaro Gago.
En TV tamén tes bastantes traballos.
Si. Traballei en Escoba, A miña sogra e máis eu, A vida por diante, Mareas Vivas, As Leis de Celavella, Terras de Miranda… Sempre fun como convidado, o cal me permitiu facer exercicios de interpretación como actor, sempre coa vista posta na volta a Tanxarina. Participei tamén en moitas curtametraxes coma Fisterra, O meu crime perfecto, O derradeiro grolo ou recentemente nun proxecto de Miguel Canalejo. Todos estes traballos fortalecen a miña identidade como actor.
Outra faceta do teu traballo é a dirección de espectáculos, xunto coa dramaturxia. Dirixiches por exemplo a Festa da Reconquista.
Dirixín espectáculos da compañía Miro Magariños que el quería facer con títeres ou de Santi Prego, un espectáculo de títeres e de actor, O Crebanoces, onde fixen tamén a dramaturxia. Foron proxectos que me abriron novos camiños na dirección. Ademais tamén fun profesor en moitos cursos de construción de títeres, de cabezudos, etc.
Hai compañías de teatro de actor que están integrando algo de teatro de títeres.
Si, xa falabamos antes de que todo foi evolucionando. De igual xeito que no teatro de títeres pode haber teatro de actor, os actores ás veces usan títeres para completar a escena. É o caso por exemplo de Cinema Sticado, que usan cámaras, siluetas e bonecos, creando unha atmosfera de cine. E é moi bonito. A min respecto a iso o que me preocupa é que se usen os títeres de xeito que non sexa necesario. Pero se se usan e están ben coidados, ben iluminados e en xeral tratados con respecto paréceme moi ben.
“Eu destacaría que sería moi importante que na ESAD houbese unha aula de títeres”
Antes falabamos dos avances que houbo nestes 40 anos. Que non se conseguiu?
Eu destacaría que sería moi importante que na ESAD houbese unha aula de títeres. Disto teño falando con Roberto Pascual, o director da MIT, e con Santi Prego, que é un gran afeccionado aos títeres. A ESAD tería que ter un departamento de manipulación de obxectos, de marionetas, etc, con profesores que puidesen dar charlas… Despois está o proxecto de Monicreques de Kukas da Casa do Monicreque, que debería ser realizado. A colección que ten Kukas é a máis grande de Galicia. En Lalín recuperouse o Museo da Marioneta, que xa non teñen Viravolta, senón Iñaki Vilariño, de Fantoches Baj.
Fuches presidente de Unima e vicepresidente de Escena Galega. Que avances debería haber no teatro en xeral, en canto a axudas, circuítos, modelos de apoio…
O importante do teatro é que se represente nuns lugares cunhas condicións e cuns contratos que respecten a dignidade dos actores como profesionais. Para iso está a Rede de Teatros. Pero é unha mágoa que vaias facer funcións aos concellos só por un día. Non repetimos máis de un día nin cando vamos a Vigo e á Coruña. Penso que ese é un tema que debera mellorar. Porque non é normal que che dean unha axuda para montar unha produción e que despois de representala 15 ou 20 veces teñas que estar xa empezando coa seguinte.
Recentemente fuches un dos actores de Terceiro Acto, do CDG. Unha obra sen xira que se despediu en Ribadavia. Quizais foi a primeira vez que falaches en público tan abertamente da túa familia represaliada.
Para min foi un punto de inflexión. Unha grande oportunidade traballar con Fernando Morán, Roberto Leal, Mabel Rivera e Belén Constenla. Foi unha experiencia interesante para falar da memoria, e ademais é un espectáculo feito sen texto previo. As directoras, Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, fiárono todo moi ben. Despois xa marchei para o CDN para facer Luna en marte, con Dan Jemmet. Foi un proxecto moi bonito, feito con textos escritos por nenos, adaptados por Jordi Casanova e Cristina Clemente. Despois volvín aquí, a Tanxarina.
“Meu pai, Santiago Rodríguez Salinas, estivo nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelès-Sur-Mer”
Terceiro Acto tiña relación coa historia de represión franquista que viviu a túa familia. Recentemente Galaxia publicou ademais as memorias do teu pai, Illote P, Barraca 16, nas que narra a súa experiencia como preso republicano nos campos de concentración de Francia.
Meu pai tiña intención de publicar as súas memorias, que escribiu no ano 82. Meu pai veu de Madrid. A miña familia veu de Madrid, La Rioja, Guadalajara e Lisboa. Meu pai, Santiago Rodríguez Salinas, estivo nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelès-Sur-Mer. O avó Alberto Marín Alcalde, que era o compañeiro da miña avoa Antonia Rodríguez, estivo preso en San Simón. E ela veu de Madrid para Redondela para coidalo. Ao mesmo tempo, meu pai estaba en Argelès, como moitos republicanos que fuxiran da represión franquista. Franco acordou que permitiría a volta dos refuxiados, o cal non impediu que despois moitos fosen represaliados. Cando Alberto saíu de San Simón houbo un desencontro e acabou marchando para Madrid. Miña avoa quedou aquí co seu fillo, que coñeceu a miña nai, que vendía pastillas de café con leite en Redondela.
Tamén es músico. Tes o disco Tatán Chapeu, ademais de traballar en Maria Fumaça e en CoraSons.
Eu escribira moitas cancións para Tanxarina. Ademais nos 90 tivera un grupo de rock, Eigualdeixa, e nos 70 tocaba cos compañeiros en Redondela. No 2016, co apoio da miña madriña musical, que é Uxía, fixemos o proxecto de Tatán Chapeu, un CD con doce cancións miñas, con letras moi teatrais. Fixen concertos con Alberto Vilas, con Pablo Vidal, con Uxía, con letras de Carlos Blanco… Despois paramos na pandemia.
En Maria Fumaça entrei tamén porque son moi amigo de Uxía. Xa editamos varios discos. Un día Uxía propúxonos facer un disco para o seu sobriño Rui, o fillo da súa irmá Chus, para regalarllo por Nadal. Xuntou unha tropa grande de xente, con Carlos Blanco por exemplo, que é o padriño do neno. De aí naceu Maria Fumaça, como un apoio para Rui, que canta con nós en escena. É un proxecto marabilloso no que participa Magín Blanco, Isaac Palacín, Cuchi Carrera, Sergio Tannus, Pablo Pastor, a miña muller Blanca Francés, Chus, Andrés Xiráldez… Todos dirixidos por Uxía. E o CoraSons está relacionado. Unha fotógrafa portuguesa, Isabel Leal, ten moitas imaxes de corazóns e por aí empezou, como un concerto coa participación de Magín Blanco, António Zambujo, Uxía e moitísima máis xente. Acabamos de ter o concerto de fin de proxecto na illa de Arousa.
“Creo que o que nos mantén é sobre todo a relación co público, as palabras do público, a súa emoción”
Por que segues no teatro de títeres despois de máis de 40 anos?
Non sabería dicilo. Son más de 40 anos porque Tanxarina leva 40 anos pero eu xa empezara antes. Penso que ten que ver con que son un sufridor nato. Tivemos momentos moi delicados nos que pensamos en deixar caer a toalla. Pero cando estás no medio da miseria de repente tes unha actuación tan reconfortante que decides seguir. Acabas sendo un resistente. Onte quedábanche 500 pesetas pero hoxe tes 1000 e xa quedas máis tranquilo… Creo que o que nos mantén é sobre todo a relación co público, as palabras do público, a súa emoción. Eu podería xubilarme pero non vou facelo de momento.