Morreu o demo! Titiriberia devolve os títeres á feira

Unha das funcións da primeira edición de Titiriberia © Morreu o demo

Dende 2012 a asociación Morreu o demo traballa para recuperar e reivindicar o teatro de monicreques a través da figura da mítica personaxe do Barriga Verde. En 2016 unha das vertentes do seu traballo concretouse na organización do festival Titiriberia, un encontro ibérico de títeres no municipio de Teo onde as representacións se alternan coa reflexión e o estudo sobre esta tarte. Titiriberia ten xa todo preparado para a súa segunda edición, do 9 ao 12 de novembro, e desta volta darán un paso máis na recuperación dos títeres devolvéndoos ao que foi un dos seus espazos naturais, a feira.

A tradicional Feira Cabalar de San Martiño de Calo, na carballeira teense de Francos, será o escenario da "recuperación desta histórica feira como un espazo para os títeres tradicionais", avanzan dende Morreu o demo, que conta coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña. Será, concretamente, o sábado día 11 cando Titiriberia instale unha barraca na feira pola que pasarán compañías galegas como Títeres Alakrán ou Seisdedos Marionetas Tradicionais e, con elas, outra procedentes de Portugal, Mãozorra.

A aposta por "conectar" esta feira "coa tradición dos titiriterios europeos, que durante sécuos percorreron o continente de feira en feira para achegar diversión e espectáculo", resalta a asociación, encádrase nun programa que desta volta se estende catro días por diferentes espazos do concello de Teo. Da banda galega tamén achegarán o seu traballo cos títeres Viravolta Teatro ou Danthea, dende Catalunya chegará o mestre titiriteiro Eudald Ferré e dende Euskadi, Felipe Ganduño. O programa chegará tamén aos colexios de Teo e incluirá mesas redondas, proxeccións e exposicións.

Un dos escenarios da segunda edición de Titiriberia será en novembro a feira cabalar de San Martiño de Calo, na teense carballeira teense de Francos

O programa, resaltan, inclúe funcións de monicreques para todo tipo de públicos. "Tanto ao familiar como ao xeral", lembran, e tamén a profesionais do sector como manipuladores, compañías e distribuidores, así como a intérpretes, artistas plásticos ou persoal do mundo da educación.

Na súa segunda edición Tititiberia volverá achegar múltiplas mostras dun teatro que "estivo presente en feiras, festas e prazas de vilas e cidades ata ben entrado o século XX" como "forma de entretemento, educación e comunicación antes da irrupción dos medios de comunicación". No caso galego, sinala Morreu o demo, "esta expresión cultural permanece aínda na memoria colectiva das xeracións nacidas antes de 1950, pero corre o risco de desaparecer".

Cartaz de Titiriberia © Morreu o demo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.