Durante décadas a presenza de Barriga Verde era habitual nas festas e romarías de toda Galicia. O títere de luva por excelencia en Galicia percorreu da man da familia Silvent todo o país entre os anos 10 e os anos 60 do pasado século
Durante décadas a presenza de Barriga Verde era habitual nas festas e romarías de toda Galicia, fundamentalmente no verán: o San Froilán de Lugo, a Ascensión de Santiago, a Peregrina de Pontevedra, a Pascua de Padrón, o San Marcos de Noia, as San Lucas de Mondoñedo, as de María Pita da Coruña e o Corpus de Ourense, entre moitas outras. O títere de luva por excelencia en Galicia percorreu da man da familia Silvent todo o país entre os anos 10 e os anos 60 do pasado século. A súa popularidade foi tan grande que deixou na memoria de varias xeracións expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta".
Porén, ao redor do ano 1964 a barraca familiar deixou de instalarse. Hai unha década a Asociación Cultural Morreu o Demo iniciou un traballo en distintos ámbitos para recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros. Investigacións, exposicións, traballo cos centros de ensino e accións de divulgación foron traendo ao presente esta mostra única de expresión teatral en galego. Agora, Barriga Verde regresa ás festas da Ascensión de Santiago, un dos escenarios onde a súa presenza foi constante durante décadas.
Por vez primeira en máis de 60 anos, a barraca de Barriga Verde está presente estes días na Alameda de Santiago
Por vez primeira en máis de 60 anos, a barraca de Barriga Verde está presente estes días na Alameda da capital de Galicia, grazas ao impulso da Asociación Cultural Morreu o Demo e á colaboración do Concello de Santiago. Nesta nova xeira, o paseo da Alameda acolle a réplica que a compañía Viravolta realizou da tradicional barraca que a familia Silvent levou durante a maior parte do século XX por feiras e festas de todo o país. Trala súa fachada, que recupera estilo daquel histórico recinto, poden verse as diferentes versións de Barriga Verde que diferentes compañías de títeres do país teñen en cartel.
Estes días poden verse na Alameda as únicas cinco montaxes de títeres actualmente existentes que teñen a Barriga Verde como protagonista. Monicreques Larei Lará abriron o programa na mañá do xoves 26 co seu “Barriga Verde contra o demo negro”, obra que parte dun texto que o escritor Alfredo Conde lle dedicou a este icono da cultura galega. Viravolta Títeres continuaron o programa co seu “Barriga Verde”, unha aposta pola recreación do espectáculo orixinal que a familia Silvent levou por todo o país con antagonistas clásicos como o cura, o demo ou a Garda Civil.
Estes días poden verse na Alameda as únicas cinco montaxes de títeres actualmente existentes que teñen a Barriga Verde como protagonista
Na tarde do venres 27, Títeres Alakrán representa o seu “Barriga Verde ataca de novo”, no que mantén a esencia da tradición dos títeres de cachaporra co uso da palleta e un único manipulador detrás do escenario. O día 28 será Larraitz Urruzola quen achegue o seu “Dona Barriga Verde”, unha revisión do clásico que conta, por vez primeira cunha protagonista feminina, cuestionando os roles de xénero tradicionais desde o respecto á formas desta forma escénica. Finalmente, o domingo 29 será Títeres Cascanueces quen presente “O baúl de Barriga Verde”, unha adaptación da trama tradicional do personaxe chea de sorpresas.
O programa complétase con outras dúas funcións. Mircromina Títeres, achega a súa obra “A familia unida”, coa que actualiza as propostas dos títeres de cachaporra, na mañá do sábado 28, mentres Monicreques de Kukas, mestura clown e títeres no seu “Xan Perillán compra queixo, compra pan” na mañá do domingo 29.
Recuperación dunha tradición
Mentres noutros países este patrimonio inmaterial mantense vizoso e con pleno recoñecemento social e institucional, en Galicia a AC Morreu o Demo, canda a diferentes compañías de títeres, están a dar aínda os primeiros pasos
Todas as funcións incluída no programa da Barraca fan parte do xénero do títere de cachaporra. Esta antiga forma escénica, cuxa orixe está datada no Nápoles do século XVI, conta con representantes excelsos en múltiples países europeos. Pulchinella en Italia, Guignol en Francia, Mister Punch no Reino Unido, o alemán Kasper, os Robertos portugueses ou o Don Cristóval español preséntase como irmáns de Barriga Verde, a compartir argumentos, carácter e moitos dos elementos nas súas obras.
Mentres noutros países este patrimonio inmaterial mantense vizoso e con pleno recoñecemento social e institucional, en Galicia a AC Morreu o Demo, canda a diferentes compañías de títeres, están a dar aínda os primeiros pasos para garantir a supervivencia do representante galego desta tradición internacional.
Entre os fitos do traballo da asociación Morreu o Demo está a exposición “Barriga Verde. De feria en feira”, que viron 11.000 persoas en diferentes localidades. Tamén desenvolve, co apoio da Deputación da Coruña, o festival Titiriberia
O personaxe foi reivindicado por persoeiros da cultura do país como Borobó, Vicente Risco, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Trapero Pardo entre moitos outros, e destacou por ser a principal forma teatral que se desenvolveu en galego durante o franquismo.
Entre os fitos do traballo da asociación Morreu o Demo está a exposición “Barriga Verde. De feria en feira”, que viron 11.000 persoas en diferentes localidades galegas e foráneas. Tamén desenvolve, co apoio da Deputación da Coruña, o festival Titiriberia, que cumpre este 2022 a súa sétima edición no Concello de Rianxo, e o programa didáctico Da Barraca á Aula que leva a centros de ensino de boa parte do país coñecemento sobre os títeres tradicionais e ensina ao alumnado a crear e manexar estes bonecos.