Quen era Barriga verde? Este personaxe foi o títere (de luva) por excelencia en Galicia durante o século XX, curmán de Pulcinella, Punch ou de Polichinelle, mil veces reelaborado, modificado e apropiado por diferentes culturas de Europa e arredores desde a súa orixe na Grecia Clásica. Percorreu da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta".
"Por recuperar entendemos tanto recobrar a súa memoria e garantir a transmisión interexeracional da historia do personaxe como popularizalo e achegalo aos máis novos. É dicir: queremos facer de Barriga Verde un personaxe máis da nosa cultura", sinalan
Dende hai uns anos a Asociación Cultural Morreu o Demo traballa en distintos eidos para recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros. Ademais, reivindica a vixencia de Barriga Verde para a actualidade e pretende popularizar de novo o personaxe adaptándoo as inquendanzas da sociedade e ás actuais posibilidades de difusión. "Por recuperar entendemos tanto recobrar a súa memoria e garantir a transmisión interexeracional da historia do personaxe como popularizalo e achegalo aos máis novos. É dicir: queremos facer de Barriga Verde un personaxe máis da nosa cultura", sinalan.
O proxecto busca facilitar as representacións do espectáculo, a súa difusión e o coñecemento da historia do personaxe e da tradición. Así mesmo, quere recuperar a historia dos titiriteiros tradicionais galegos, documentando as súas rutas, os seus espectáculos e o seu xeito de vida. E, igualmente, pretende favorecer a comunicación interxeracional e a implicación social na reconstrución desta parte da historia da nosa cultura. O investigador Xaime Iglesias, autor da biografía de José Silvent; Comba Campoy, que está a facer a primeira tese sobre o personaxe e produciu o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta; ou Anxo García e os membros de Títeres Viravolta (que recuperaron a obra Barriga Verde e recrearon a última barraca de José Silvent) son algunhas das persoas que fan parte do colectivo.
Destacan que "aínda hoxe os títeres adoitan considerarse espectáculos para cativos ou unha arte de segunda categoría" e que "mentres outros países con legados semellantes ao noso contan con museos e centros de estudos e outórganlles recoñecemento a estas tradicións, en Galicia fica aínda moito que andar até acadar a estima destas formas de dramaturxia en pé de igualdade con outras manifestacións da cultura". Lembran asemade que as ligazóns internacionais do personaxe "fan que a nosa cultura estea a compartir un legado internacional" e engaden que Galicia "non pode ficar fóra das propostas de recuperación e de reivindicación patrimonial que se fan a nivel europeo. Barriga Verde ten que se dar a coñecer como un membro máis da extensa familia da que fan parte Guignol, Pulcinella ou Punch, entre moitos outros".
A actividade deste colectivo non se limita aos títeres, pois "mesmo convencidos como estamos da vixencia do teatro de títeres como expresión cultural", din, "tamén somos conscientes da necesidade de integrar novas formas de creación para garantir a continuidade do personaxe". "Audiovisual, ilustración, web, banda deseñada, música e todo tipo de soportes son necesarios para contribuír a que Barriga Verde se constitúa como un personaxe máis da nosa cultura", conclúen.