"Morreu Barriga Verde!" Fina Alfonso Silvent, fillo do iniciador da barraca familiar

Alfonso Silvent, no Museo do Pobo Galego © Proxecto Barriga Verde

Este mércores finou Alfonso Silvent, fillo de José Silvent, creador da barraca de títeres que deu vida a Barriga Verde. En boa medida o que hoxe coñecemos sobre esta figura e sobre a actividade que a familia Silvent desenvolveu durante décadas de feira en feira sabémolo grazas a Alfonso, pois el conservou "o material da barraca, os xogos de títeres, o proxector e, sobre todo, a memoria esvaecente daquel mundo de feiras e de funcións xa non está entre nós", como destacan dende a Asociación Cultural Morreu o Demo, que dende hai traballa na conservación dese legado.

"Alfonso foi un compañeiro continuo do noso traballo. Comprendeu que aquelas reliquias familiares que gardaba con celo eran moito máis que lembranzas particulares. Aquel material, as súas propias lembranzas, o seu testemuño, supuñan un patrimonio aínda sen recoñecer, e el foi quen de abrir a súa memoria, a súa casa, a súas gabetas, e participou na transformación daqueles restos en memoria colectiva de toda a sociedade", sinalan. O Proxecto Barriga Verde produciu xa exposicións, un documental e mesmo unha tese de doutoramento que permiten afondar nun fenómeno social e cultural determinante na Galicia dunha parte importante do século XX.

"Aí o tivemos, a inaugurar exposicións. A ver a barraca reconstruída. A asistir ás estreas dos novos Barrigas Verdes que foron xurdindo. A participar en charlas e presentacións, a nos visitar no posto do Culturgal, a falar coa xente só pola ledicia de ver honrada a memoria do seu pai e da súa familia, de ver recoñecido un traballo que durante moitos anos lles deu de comer e que non contaba con prestixio social", salientan dende a asociación. "Desaparece unha persoa xenerosa que gardou con agarimo a memoria de todo un mundo de feiras e de títeres. Vaise un dos últimos titiriteiros tradicionais do país e un compañeiro na aventura de tentar revivir Barriga Verde para as novas xeracións", engaden.

Alfonso Silvent, nacido en Vigo en 1931, foi o fillo máis novo da familia. Traballou como técnico de son na barraca familiar ata que esta deixou de instalarse en 1964. Posteriormente, seguiu traballando como feirante, con distintos postos, coma o de tiro ao branco. Dende 1972 residía en Pontevedra, onde conservou unha parte importante do material da barraca e do espectáculo. Hai uns meses cedeu estes obxectos ao Museo Galego da Marioneta.

"Desaparece unha persoa xenerosa que gardou con agarimo a memoria de todo un mundo de feiras e de títeres. Vaise un dos últimos titiriteiros tradicionais do país e un compañeiro na aventura de tentar revivir Barriga Verde para as novas xeracións"

"Canto nos gustaría Alfonso que, como na obra, nos fixeses saber desde o cadaleito: 'Non choredes, que eu vou ben! Eu vou ben!'", din dende a asociación. "Como tantas aldeas e vilas escoitaron durante anos, desta volta tristemente en serio: Morreu Barriga Verde, acabouse a peseta", conclúen.

 

Barriga Verde, recuperado para o presente

Barriga Verde foi o títere (de luva) por excelencia en Galicia durante o século XX, percorrendo da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. A barraca da familia Silvent percorría festas e romarías de toda Galicia, fundamentalmente no verán: o San Froilán de Lugo, a Ascensión de Santiago, a Peregrina de Pontevedra, María Pita da Coruña e o Corpus de Ourense, entre outras moitas. No contexto de represión e pobreza da postguerra, as feiras e festas padroais eran unha vía de escape á dura realidade, e nelas artistas ambulantes -entre eles os titiriteiros- ofrecían expresións culturais que escapaban do control da ditadura

Barriga Verde está moi presente no imaxinario colectivo de varias xeracións de galegos e galegas, deixando na fala popular expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta" (unha peseta é o que custaba a entrada ao espectáculo). Porén, deixou moi escasas referencias escritas, e co paso das décadas o seu recordo foi esvaecendo, fixado unicamente nas lembranzas daqueles e daquelas que o viran en directo. Dende hai uns anos un grupo de persoas, integradas dende o 2013 na Asociación Cultural Morreu o Demo, traballan en distintos eidos para recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros. "Parte do noso traballo era recuperar esa tradición, amosar que está aí. Pero agora é a sociedade galega a que se ten que reapropiar do espectáculo, facelo seu e se cadra darlle unha volta, mesmo cambiando o soporte, utilizar a Barriga Verde nas redes sociais como un símbolo daquelas outras cousas que se queren dicir", destacaba Comba Campoy en entrevista con Praza hai uns meses.

Alfonso Silvent, no Museo do Pobo Galego © Proxecto Barriga Verde
Á dereita, Alfonso Silvent, de novo © Proxecto Barriga Verde
O Barriga Verde de José Silvent, segundo o seu fillo Alfonso © Julio Balado
Títeres de Silvent © Proxecto Barriga Verde
Representación de Barriga Verde © barrigaverde.eu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.