Barriga Verde foi o títere (de luva) por excelencia en Galicia durante o século XX, percorrendo da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. O pasado venres Comba Campoy defendeu na USC a súa tese de doutoramento, que analiza O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas a través da actividade de Barriga Verde na postguerra.
A súa investigación analiza como os espectáculos de títeres serviron para canalizar e expresar de xeito público as críticas, desexos e frustracións de boa parte da poboación da época. Falamos con ela sobre o espectáculo da familia Silvent, a función dos monicreques como medio de denuncia social e sobre a detención en Madrid -casualmente o mesmo día da defensa da tese- de dous dos integrantes da compañía Títeres desde Abajo, acusados de enaltecemento do terrorismo por representa a obra La bruja y don Cristóbal, na que a un dos personaxes a policía lle coloca unha pancarta co texto "Gora Alka-Eta" para tentar incriminalo.
Barriga Verde, instrumento de crítica
A barraca da familia Silvent percorría festas e romarías de toda Galicia, fundamentalmente no verán: o San Froilán de Lugo, a Ascensión de Santiago, a Peregrina de Pontevedra, María Pita da Coruña e o Corpus de Ourense, entre outras moitas. Barriga Verde está moi presente no imaxinario colectivo de varias xeracións de galegos e galegas, deixando na fala popular expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta" (unha peseta é o que custaba a entrada ao espectáculo). Porén, deixou moi escasas referencias escritas, e co paso das décadas o seu recordo foi esvaecendo, fixado unicamente nas lembranzas daqueles e daquelas que o viran en directo. Dende hai uns anos un grupo de persoas, integradas dende o 2013 na Asociación Cultural Morreu o Demo, traballan en distintos eidos para recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros. Comba Campoy é unha das súas integrantes, dirixindo as súas pescudas, sobre todo, ao valor político deste personaxe e desta tradición.
"Os títeres e outras expresións de cultura popular serviron e poden seguir servindo para vehiculizar ese descontento, esa forma de pensar diferente dos grupos dominados"
A partir de estruturas e fórmulas fixas (e comúns a outros territorios europeos), entre elas os golpes de cachiporra, Silvent conseguía atraer a atención do auditorio incorporándolles aos diálogos dos personaxes elementos de actualidade e sucesos de tipo local. Barriga Verde era sempre o protagonista, dotado de intelixencia e picaresca fronte ás demais figuras, secundarias. “Valéndose de expresións da cultura popular, a poboación expresaba, de xeito poucas veces perceptible para as autoridades, o seu descontento coa orde de cousas imperante”, nun proceso que autores como James Scott denominan infrapolíticas das subalternas, de xeito que "en sociedades tradicionais e baixo situación de represión, o pobo utiliza determinadas técnicas e expresións culturais para criticar a realidade", explica Campoy.
No contexto de represión e pobreza da postguerra, as feiras e festas padroais eran unha vía de escape á dura realidade, e nelas artistas ambulantes -entre eles os titiriteiros- ofrecían expresións culturais que escapaban do control da ditadura. “O réxime miraba con receo aquelas expresións que sobardaban o seu control, mais permitíaas porque desprezaba a súa influencia. A fin de contas, duraban o que un sorriso”, afirma Campoy. "Os títeres e outras expresións de cultura popular serviron e poden seguir servindo para vehiculizar ese descontento, esa forma de pensar diferente dos grupos dominados. Iso si, habería que preguntarse quen nos recoñecemos como subalternas, hoxe en día", destaca.
Nunha escena típica da obra o protagonista bate en representantes da Igrexa, en soldados ou en policías, unha acción crítica que cobra especial importancia no contexto de represión propio da postguerra. Campoy analiza o xeito en que o espectáculo se apropiaba de tácticas propias da oralidade coma o anonimato ou a ambigüidade. "O espectáculo de Barriga Verde conseguía incrustar tan eficazmente esa crítica que moitas veces as autoridades franquistas nin se daban de conta. Si constan algunhas amoestacións verbais, con orixe no cura da parroquia", comenta. "Non había textos escritos. Había unha estrutura básica e en moitos casos improvisábanse os diálogos a partir de temas de actualidade", explica.
Nunha escena típica da obra o protagonista bate en representantes da Igrexa, en soldados ou en policías, unha acción crítica que cobra especial importancia no contexto de represión propio da postguerra
O proxecto de recuperación de Barriga Verde iniciado hai anos polas persoas que conforman a Asociación Cultural Morreu o Demo conseguiu xa parte dos seus obxectivos, recompilando e difundindo importantes materiais e información sobre estes títeres. A este respecto Campoy concorda nos éxitos acadados mais sinala que o terceiro grande obxectivo sería "a socialización, que é o que nos falta: conseguir que a sociedade galega se identifique con Barriga Verde como un referente vivo, como unha forma de facer teatro de títeres incómoda ao poder". "No proceso de reactivación e recuperación do personaxe non debe perderse ese compoñente antiautoritario do espectáculo. Non é doado, pero é posible que cousas coma as que están sucedendo en Madrid nos axuden a poñer o foco nese aspecto e a que esa identificación sexa máis efectiva. Estas detencións reafirman o potencial subversivo das marionetas", destaca, engadindo que "chama a atención como é nun contexto democrático cando estes títeres son perseguidos".
"Parte do noso traballo era recuperar esa tradición, amosar que está aí. Pero agora é a sociedade galega a que se ten que reapropiar do espectáculo, facelo seu e se cadra darlle unha volta, mesmo cambiando o soporte, utilizar a Barriga Verde nas redes sociais como un símbolo daquelas outras cousas que se queren dicir", conclúe
"Incomprensión" coa tradición cultural dos títeres
A propia Asociación Cultural Morreu o Demo, que traballa pola recuperación do títere tradicional galego, difundiu un comunicado no que, ademais de amosar a súa "preocupación" polas detencións, lamenta "a aparente incomprensión do público" partes da obra que "fan parte desde hai séculos do acervo cultural popular de toda Europa e que semella que, polo seu descoñecemento, xeran rexeitamento en parte do público actual". A entidade destaca que Don Cristóbal é unha obra que se representa "desde hai máis de 200 anos en todo o territorio español", con "escenas como algunhas das que se puideron ver en Madrid".
Sinala igualmente que en moitos países da nosa contorna, como Francia, o Reino Unido, Italia, a República Checa, Holanda ou Alemaña "son habituais e publicamente recoñecidas representacións con contidos semellantes" e que mesmo en Londres "existe un día dedicado especificamente a Mr Punch onde se representa e celebra de xeito multitudinario e ante nenos e maiores esta obra (con aforcamentos e golpes incluídos) como unha parte destacada da cultura nacional". A asociación conclúe que parte da polémica se produce en boa medida "pola redución dos títeres a un espectáculo para crianzas que vivimos desde hai décadas" cando en realidade "estes entretementos desempeñaron durante moitos anos unha función catárquica para as clases populares e se dirixían a espectadores de todas as idades".
"No proceso de recuperación do personaxe non debe perderse esa compoñente antiautoritaria. Non é doado, pero é posible que cousas coma as que están sucedendo en Madrid nos axuden a poñer o foco nese aspecto"
Tamén o cre así Comba Campoy: "Chegouse a un punto, na actualidade, no que os títeres foron convertidos nun espectáculo unicamente infantil, case cunha función de canguro, para deixar alí os nenos". "Pasou xa con Barriga Verde nas representacións que hoxe en día realizan Viravolta e Alacrán. Afortunadamente non houbo denuncias, pero si críticas dalgúns pais e nais e mesmo cartas ao director en xornais queixándose de que se programe un espectáculo para nenos e nenas tan violento e soez. E é porque non se entende o contexto do espectáculo", di.
Unha expresión cultural común a outros territorios
"Pasou xa con Barriga Verde nas representacións que hoxe en día realizan Viravolta e Alacrán. Afortunadamente non houbo denuncias, pero si críticas dalgúns pais e nais e mesmo cartas ao director en xornais"
A figura de Barriga Verde adopta en Galicia a mesma función que noutros territorios de Europa, durante séculos, adoptaran títeres populares, dándolles voz ás reivindicacións e preocupacións das clases populares. Barriga Verde é cultura popular absolutamente inserida na tradición galega, pero ao mesmo tempo forma parte dunha tradición máis ampla, de dimensión (cando menos) europea. "Hai moi poucas diferenzas no repertorio, nos trazos de carácter, entre o noso Barriga Verde e o Don Roberto do norte de Portugal, pero é igualmente curmán de Pulcinella, Punch ou de Polichinelle, atopamos expresións culturais moi semellantes en todo o continente. Non entendo como as institucións europeas non repararon en que teñen aí un exemplo perfecto dunha cultura europea", destaca Campoy. "Posiblemente sexa unha figura universal, porque atopamos elementos semellantes en Asia, no norte de África, nos mamolengos do Brasil", engade.