Cruz Dafonte e Manuel Tato asinan o documental 'A vida conta', no que acompañan ás mulleres do rural compostelán na volta á vida despois do peor da pandemia
″Polo menos tiñamos un día á semana para rir e ser libres″, di unha das protagonistas do documental A vida conta, de Cruz Dafonte e Manuel Tato, cando lle preguntan polo que significaba para ela reunirse no centro sociocultural para tocar a pandeireta coas veciñas. As mulleres do rural de Santiago de Compostela contan nesta peza audiovisual os efectos da pandemia no día a día, pois a COVID quitoulles a súa vía de socialización. ″Puideron estar nas súas casas e nas súas hortas, pero faltoulles a parte social das súas vidas. No documental recuperamos esa volta á vida con elas, a partir do mes de abril de 2021″, explica Cruz Dafonte.
A vida conta ensina os preparativos para un encontro entre os centros socioculturais de Figueiras, Lavacolla, Laraño, Marantes, Busto, Nemenzo, Santa Cristina, Grixoa e Bornais, todos na contorna de Compostela, que tiña que terse celebrado no ano 2020 pero tivo lugar ao aire libre e con máscaras en 2021. A peza vai do individual ao colectivo e deixa entrever historias crúas relacionadas coa emigración, a enfermidade e as violencias machistas.
Acompañan as mulleres desde o illamento na casa ata o encontro de volta nos centros socioculturais das parroquias de Figueiras, Lavacolla, Laraño, Marantes, Busto, Nemenzo, Santa Cristina, Grixoa e Bornais
Cruz Dafonte traballa con estas mulleres desde o ano 2016 en talleres de empoderamento dependentes do programa municipal ′Vida propia′, para reflexionar sobre como se foron construíndo as súas vidas con perspectiva de xénero. ″Nos talleres hai moito traballo corporal e de reflexión, para que se dean conta de que moito do que lles pasa ten quen ver con cargas de xénero que levan arrastrando durante anos″, detalla esta asesora xurídica e consultora social.
O día antes de que se decretara o estado de alarma pola incidencia do coronavirus no Estado, Cruz e Manuel estaban gravando nun destes centros socioculturais para outro proxecto. ″Aí xurdiu a idea de facer isto e que nos contaran como era a súa vida –nese parón que tivemos todos– sen ir aos centros socioculturais″, conta Cruz. "Quen é a máis libre de todo este grupo?", pregúntase unha das protagonistas en marzo de 2020, para contestar: "Eu! Hai anos que non era. 52 anos que era unha escrava, pero agora son libre. Libre para sempre. E moi feliz".
″Foi un cambio moi brutal. Tanto fisicamente –moitas delas dicían que non se lles movían as pernas igual– como a nivel mental, pola súa idade e polo feito de non poder relacionarse coa xente coma antes. Elas repetían unha frase que o explica ben: ′Quitáronnos a vida′. Porque para elas estar coas veciñas era a vida. Foron procesos complexos, pero o bonito é que vivimos con elas o cambio e a ilusión ao retomar a actividade nas parroquias″, sinala esta especialista en políticas de igualdade.
Entre as mulleres que participan nas actividades destes centros socioculturais hai moitas que viven soas, pero outras viven coa familia e notaron da mesma maneira un illamento severo. Cunha media de 70 anos, en A vida conta collen a palabra mulleres desde os 65 ata os 94 anos. Falan desde as súas cociñas, no xardín ou apañando madeira para a lareira, para despois facelo en grupo, xa coas compañeiras das actividades dos centros. Alí van a ximnasia, pandeireta, informática, canto ou baile. É o seu punto de encontro.
"Estamos moi agradecidos de que nos abriran as portas das súas casas e dos seus corazóns", destaca Manuel Tato
Despréndese do documental –que pode verse sobre estas liñas grazas a Compostela. Territorio das Mulleres– unha sensación de que as protagonistas retoman as súas vidas pero, como sinala Cruz Dafonte ″xa non é a mesma vida, porque esta pandemia nos cambiou a todas″. Tanto ela como Manuel Tato agradecen a María Pose, técnica do Concello de Santiago responsable dos centros socioculturais do rural compostelán, a implicación no proxecto.
″O proceso de creación deste documental foi unha experiencia vital moi bonita para nós porque estamos nunha época difícil para todos e que a xente te abra as portas da súa casa, que nos deixen gravar nas súas cociñas... Vale que tiñamos todas as medidas de seguridade, pero non é o normal. Estamos moi agradecidos de que nos abriran as portas das súas casas e dos seus corazóns, nós o que fixemos foi reflectilo″, describe Manuel, realizador e operador de cámara.
Calquera que se teña posto diante dunha cámara sabe que non é doado manter a naturalidade sen moita experiencia previa. Porén, as mulleres que participan en A vida conta móstranse nun diálogo total co espectador no que semella que non haxa intermediarios. ″Nótase moito o traballo de Cruz nestes anos con elas″, apunta Manuel sobre o ambiente de confianza creado para a rodaxe: ″Moitas veces non hai que gravar, hai que estar falando con elas e facelo no momento idóneo″. ″Sentíanse cómodas porque xa nos coñecen aos dous e penso que non lles impón tanto a cámara porque saben que detrás está unha persoa que empatiza con elas″, engade Cruz.
Houbo moito debate na sala de montaxe, pois tamén deixaron fóra ″secuencias que para o espectador poden ser moi potentes″. Fixérono por respecto, porque coa confianza conseguiron testemuñas moi persoais e optaron por ″facer un exercicio desde o persoal para preservar a súa intimidade″. ″Hai momentos nos que nos abriron tanto o corazón que cremos que se esqueceron de que estaba a cámara diante″, recoñece Manuel, quen aclara que ″moitas das cousas que nos quedan no arquivo son secuencias marabillosas que deixamos fóra para non alongar moito a peza″.
"Cando se xuntan créase un clima de fortaleza, poder, ilusión e alegría que creo que é o máis brutal que vivimos"
″Todas esas vivencias duras que tiveron cada unha delas, moitas veces, son paralelas por dificultades comúns. E cando se xuntan, tanto nas parroquias como despois no encontro de todos os centros, todo iso queda atrás e créase un clima de fortaleza, poder, ilusión e alegría que creo que é o máis brutal que vivimos. Estivemos con elas soas facendo unha introspección profunda e despois asistimos a esa reflexión de ′pero vou ao centro, recobro a vida, estou coas compañeiras e podo ser libre″, relata Cruz.
As mulleres que aparecen na peza formaron parte activa do proceso de creación do documental, que tivo a súa estrea no Teatro Principal de Santiago: ″Foi especial para elas verse e ser protagonistas, cando moitas veces o seu papel de vida foi bastante secundario″. De feito, elas mesmas refírense no documental á invisibilidade que senten do conxunto da sociedade. ″Hai un empoderamento individual no que din ′xa está ben de pensar sempre nos demais e deixarme de lado, agora son eu a protagonista porque teño ese dereito′. ′Antes de morrer quero vivir′, dicíanos unha delas noutro vídeo que fixemos″, agrega Cruz.
″Coñecelas a elas para min foi un cambio vital en moitos aspectos. Foi un proceso de transformación vendo a súa propia transformación. Aportáronme vida, fortaleza e frescura″, asegura Cruz. Desde un punto de vista etnográfico, Manuel aspira a que o documental quede como unha lembranza de como se viviu a pandemia desde o rural. ″Dentro de vinte anos, ao mellor, vemos esta peza con outros ollos. Gustaríame que a miña filla vise isto en vinte anos e puidese aprender algo″, asevera.
Manuel Tato e Cruz Dafonte continúan no empeño de dar voz ás mulleres do rural galego e están involucrados tamén no proxecto Elas tamén contan, co apoio do Observatorio da Mariña pola Igualdade, unha iniciativa que lles gustaría levar por toda Galicia. Tamén gravaron a peza Muller Boa, da man do Concello de Campo Lameiro.