Este xoves 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha xornada na que se poñen de relevo as problemáticas específicas que afectan ás mulleres que traballan no sector agrogandeiro e, en xeral, a todas aquelas que viven nos espazos rurais. Entre eles destacan a precariedade laboral que sofren nas súas explotacións, en boa medida porque son poucas as que figuran como titulares, a pesar de traballar nelas a tempo completo. E tamén as baixas pensións de xubilación que reciben ou a súa dificultade para ver recoñecidas as súas doenzas de orixe laboral.
Nas cooperativas asociadas a AGACA, o 45,11% das persoas socias son mulleres, pero que estas só ocupan o 16,8% dos postos nos órganos de decisión destas entidades
Igualmente, as mulleres que traballan no rural sofren unha grande invisibilización nas cooperativas agrogandeiras ás que se adhiren, atopando importantes barreiras para acceder aos seus postos de direccción. En Galicia datos de 2019 mostraban que nas cooperativas asociadas a AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias), o 45,11% das persoas socias eran mulleres, pero que estas só ocupaban o 16,8% dos postos nos órganos de decisión destas entidades.
En resposta a esta situación o pasado ano botou a andar a Asociación Galega de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias (Nós, As Mulleres) co obxectivo de impulsar o papel das mulleres que traballan no sector agrogandeiro no medio rural. A entidade, que vén de completar o seu proceso de inscrición no Rexistro de Asociacións de Galicia, celebrará o vindeiro 20 de outubro unha xunta directiva na que se agarda que unhas 30 mulleres en postos de dirección (ou futuras directivas) de 10 cooperativas entren na Asociación.
Nos últimos anos foi aumentando progresivamente a porcentaxe de mulleres nos consellos reitores das cooperativas agroalimentarias galegas, pasando do 12% ao 22%. Porén, a igualdade queda aínda moi lonxe. Durante o seu primeiro ano, a Asociación organizou diversos obradoiros de apoderamento, viaxes e xuntanzas. Proximamente desenvolveranse novas accións formativas como obradoiros de liderado e motivación e prevese unha audiencia coa Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López.
Os obstáculos no acceso á titularidade compartida das explotacións segue sendo un dos principais problemas das mulleres labregas
Os obstáculos no acceso á titularidade compartida das explotacións segue sendo un dos principais problemas das mulleres labregas. Aínda o pasado 29 de febreiro, durante a celebración en Allariz do XV Encontro da Secretaría das Mulleres, o Sindicato Labrego Galego denunciou que a pesar de que a Lei de Titularidade Compartida está vixente dende o ano 2012, tan só 18 mulleres se fixeron cotitulares en Galicia, cando dende o Ministerio de Agricultura estimaban que 35.000 galegas se podían beneficiar da medida. Nese Encontro o SLG fixo fincape, ademais, na importancia fundamental da zona rural (e por ende, das labregas) como produtor de alimentos para a cidade, subliñando lemas como “Se as labregas non plantan, a cidade non xanta”.
Neste senso, María Ferreiro, responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, destacaba nesta entrevista con Praza.gal que "as mulleres do rural sofren máis illamento e vulnerabilidade económica". De igual xeito, a avogada Teresa Burgo advertía da "odisea burocrática" e das dificultades para que se recoñezan como de orixe laboral moitas doenzas. Burgo alertaba nestoutra entrevista de que "as diferenzas no agro chegan sobre todo porque normalmente as mulleres cotizan poucos anos ou directamente non cotizan. Iso fai que en moitos casos carezan das necesarias proteccións".
Coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, Lugo e Pontevedra acolleron senllas actividades para reivindicar o papel das mulleres no medio rural e facer fincapé na necesidade de adoptar medidas para garantir unha mellora na súa situación. Neste senso, a Deputación de Pontevedra sitúa á “igualdade de xénero no ámbito rural como unha prioridade, sobre todo tendo en conta a masculinización á que está sometida a súa poboación, que xera vulnerabilidade e invisibilidade entre as mulleres rurais”.
O vindeiro 28 de outubro a Deputación de Pontevedra organizará as xornadas “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural”
Deste xeito, a Deputación considera fundamental "apoderar as mulleres e nenas do rural, erradicar comportamentos desiguais neste ámbito, reivindicar a necesidade de garantir a financiación suficiente para impulsar políticas de igualdade no rural e facer fincapé no papel esencial das mulleres para o desenvolvemento económico destas zonas".
Ademais o vindeiro 28 de outubro a Deputación organizará as xornadas “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural”, en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR). Nela participarán mulleres dos sectores hortofroiteiro, como Patricia Rodríguez, socia da Asociación de Cultivos do Baixo Miño acuBam; do sector gandeiro, como Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún de carne da raza rubia galega de Nigoi, A Estrada; da educación pública como Teresa Domínguez Pérez, directora do Colexio Rural Agrupado de Tui; e de entidades sociais como Rosa Arcos Caamaño, presidenta de FADEMUR Galicia.
Loita contra a violencia de xénero no rural
En Lugo, o Concello leva a cabo en colaboración con FADEMUR o programa ‘Cultivando Igualdade’, que inclúe actividades de sensibilización, formación e apoderamento adaptadas ás mulleres que viven nos espazos rurais. O programa inclúe obradoiros prácticos para afondar na violencia de xénero no rural, que se desenvolverán os días 20, 22 e 27 de novembro. A caracterización da violencia de xénero no medio rural implica afondar nas causas desa invisibilidade e descoñecemento social, no silencio das vítimas, no illamento e a soidade, na falta de recursos especializados e nas dificultades no acceso aos mesmos, así como a falta de anonimato nos recursos de atención.
O programa ‘Cultivando Igualdade’ inclúe actividades de sensibilización, formación e apoderamento adaptadas ás mulleres que viven nos espazos rurais
Durante a rolda de prensa de presentación do programa destacouse a especial incidencia que ten na violencia de xénero as dificultades das mulleres para ter unha independencia económica e social, a falta de oportunidades laborais e educativas, a dificultade para cumprir ordes de afastamento, o control social, as estruturas de poder e a supervivencia dos roles sexistas. “É Importante lembrar a dobre discriminación que viven as mulleres rurais, ben polo xénero, ben por que son habitantes das marxes; esta iniciativa traballa co fin de poñer o foco en como se caracteriza a violencia de xénero no medio rural e cales son os factores que aumentan o risco de que as mulleres sexan vítimas desta violencia”, salientou a Secretaria de Fademur, Verónica Marcos.