É o lume unha cousa de homes? Os protagonistas das noticias sobre os incendios forestais son maioritariamente masculinos: dende os incendiarios, aos bombeiros, pasando pola maior parte dos expertos consultados, comezando polos enxeñeiros forestais. Que papel xogan as mulleres na xestión do monte e na prevención do lume?
"Como podía ser que a xestión do territorio estea monopolizada polos homes, pero que a dinamización social máis innovadora estea liderada por mulleres?"
Este outono publicarase o libro colectivo Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais (Catro Ventos Editora), un proxecto impulsado polo Proxecto Batefogo composto por nove traballos de biólogas, historiadoras, enxeñeiras de montes ou activistas, ademais de contar co testemuño de mulleres que traballan na xestión forestal e en iniciativas de dinamización no rural. A publicación do libro depende, iso si, da campaña de crowdfunding iniciada hai uns días e que busca recoller un total de 5.100 euros nas vindeiras semanas para financiar os custos de impresión e pagarlles ás distintas autoras dos textos.
Nno ano 2014 naceu o proxecto Batefogo, unha iniciativa para previr os incendios forestais a través da participación cidadá, a revitalización do espazo rural e a educación ambiental, que neste tempo traballou no terreo en Manzaneda e tamén na comarca co Barbanza. "Comezamos a identificar algunhas cuestións que nos chamaban moito a atención: por unha banda a invisibilidade das mulleres en todo o que ten que ver coa cuestión forestal, pero polo outro atopamos moitísimas mulleres liderando iniciativas de dinamización comunitaria, cunha forma de facer distinta", explica Miguel Pardellas, un dos seus coordinadores.
"Como podía ser que a xestión do territorio estea monopolizada polos homes, pero que a dinamización social máis innovadora estea liderada por mulleres? E de aí xurdiu a pregunta de por que non hai mulleres no ámbito forestal", engade. "Fixemos unha procura bibliográfica e atopamos moi pouco, agás algunha cousa en América Latina. O libro é unha proposta en clave de abrir camiño, porque moitas das autoras coas que contactamos nos recoñeceron que non traballaran nunca esta visión, pero que lles interesaba moito reflexionar sobre este tema e ver como ligalo as súas liñas de investigación", comenta.
No libro participan a historiadora Ana Cabana Iglesia; a enxeñeira de montes Beatriz Rodríguez Morales; a historiadora Lara Barros Alfaro; María Ferreiro e Isabel Vilalba, do SLG; María Novas e Sofía Paleo, do proxecto Dexenero; a bióloga Rosa Mosquera; a médica Lola Ferreiro; e a investigadora en Biodiversidade e Bioloxía Evolutiva Conceição Colaço.
"Creo que está habendo un cambio de mentalidade, sobre todo a raíz da vaga de lumes do outono do ano 2017"
"Cunha mirada multidisciplinar, falamos de prevención de lumes forestais, mais tamén de historia, socioloxía, ciencias ambientais, urbanismo, economía e ecoloxía", destacan os responsables do libro, unha multidisciplinariedade que se deixa ver nos temas dos nove traballos que compoñen a obra, que abranguen dende o papel das mulleres no monte comunal, unha visión ecofeminismo da ordenación do territorio, o papel das mulleres labregas, os estereotipos ao redor dos incendios forestais ou os "coidados, comunidade e resiliencia antes e despois dos lumes".
O libro publicarase a finais de setembro ou comezos de outubro. "A idea é distribuílo en librarías, pero sobre todo tentar facer presentacións do libro, con presenza das autoras, para poder continuar abrindo debate. O obxectivo final é dar visibilidade a todo o traballo que fan as mulleres no rural e promover que sigan xurdindo iniciativas nesa liña", explica Miguel Pardellas.
Un "cambio de mentalidade" sobre o lume
"Nas entrevistas as mulleres que participan en iniciativas comunitarias destacan que non lles soa ben o concepto de explotación do monte, estando máis centradas nun traballo de coidado da comunidade, nun sentido máis amplo. De igual xeito, fan unha reivindicación do minifundismo no senso de contar con varias fontes de ingresos distintas, no canto de apostar por un monocultivo", explica Pardellas.
"Está habendo sinerxías entre discursos que antes non acababan de fiar: o discurso de reivindicación do rural, a aposta pola diversificación dos usos..."
"Creo que está habendo un cambio de mentalidade, sobre todo a raíz da vaga de lumes do outono do ano 2017. Nese momento xa non se falaba só dos incendiarios, e comezaban a formularse outro tipo de preguntas. Creo que gañou peso na sociedade a preocupación pola influencia do cambio climático nos lumes e tamén se incrementou a conciencia da necesidade de educar a cidadanía para xestionar o risco", di.
"Vemos ademais que está habendo sinerxías entre discursos que antes non acababan de fiar uns cos outros: o discurso de reivindicación do rural, a loita contra o abandono destes lugares, a aposta pola diversificación dos usos... Agora comezan a sumarse para dar unha resposta máis complexa a un problema complexo, como é o dos lumes", comenta.
"Hai un cambio de tendencia na sociedade e o triste é que non o haxa nas administracións. Por suposto non hai resposta na Xunta, que segue cun discurso bastante centrado na extinción, pero tampouco nos concellos. Quéixanse das faixas de protección ou de que non teñen medios, pero ao final non están apoiando como deberían estas outras iniciativas que buscan outra forma de enfrontarse ao problema do lume", conclúe.