Hai uns meses botaba a andar en Manzaneda o proxecto Batefogo, unha iniciativa para previr os incendios forestais a través da participación cidadá, a revitalización do espazo rural e a educación ambiental. Despois dunha primeira fase de investigación e análise do territorio e recursos dispoñibles, este sábado celebrarase na localidade ourensá un foro veciñal (no Centro Cultural de San Miguel, 10.30 horas) que servirá para que os cidadáns e cidadás avalíen e contrasten a información recollida e para que, entre todos e todas, se deseñen liñas de actuación futuras. No proxecto, impulsado polo Concello de Manzaneda, participan as cooperativas Encomún, Feitoría Verde, MaOs Innovación Social e Miguel Pardellas, con quen falamos.
Batefogo é un proxecto de intervención social que propón compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural, reforzando a idea do ben común, impulsando unha xestión participada do territorio, fomentar os usos sustentables do monte, xerando unha nova cultura forestal e poñendo en valor os elementos patrimoniais e culturais. Nos últimos meses levouse a cabo unha recompilación da información necesaria para coñecer a realidade biofísica e tamén socioeconómica de Manzaneda, co obxectivo de caracterizar o territorio (recursos naturais e patrimoniais, urbanismo e usos do solo) e de analizar o impacto dos incendios sobre el. Este traballo permitiu identificar as causas circunstanciais e estruturais dos lumes, localizando ademais aquelas zonas que, pola súa vulnerabilidade ou pola reiteración de incendios, merezan unha maior atención.
"Cando se pon en valor o seu territorio a través dese coñecemento compartido, a diagnose é moito máis ampla e detallada. Cantas máis cabezas, máis creatividade"
Este estudo do territorio "é o punto de partida para o groso do proxecto, que é o proceso participativo", destaca Pardellas. "A partir dese coñecemento sobre o territorio no que nos movemos, deseñaremos as dinámicas específicas do proceso participativo e as accións concretas en clave de educación ambiental e de comunicación", explica. "As persoas que habitan o territorio son as que mellor coñecen as súas características e problemáticas e, como consecuencia, boa parte das solucións", sinala. É por iso que un dos obxectivos da xuntanza deste sábado -na que calquera persoa pode participar- será "contrastar o estudo do territorio elaborado". "Será a veciñanza do concello quen diga o que é correcto e o que non, con que está de acordo e con que non", sinalan os responsables do proxecto. "Cando se pon en valor o seu territorio a través dese coñecemento compartido, a diagnose é moito máis ampla e detallada. Cantas máis cabezas, máis creatividade", engade Pardellas.
Da xuntanza do sábado sairán tamén propostas de traballo que directa ou indirectamente enfronten a problemática dos incendios. "Por suposto, hai límites no traballo a nivel municipal, pois as competencias na loita contra os incendios corresponden á Xunta. Pero si que se pode facer moito dende os Concellos", destaca Pardellas.
As vantaxes da participación
"Nas políticas medioambientais, de xestión do territorio, e nas políticas contra incendios sempre primaron unha serie de decisións, adoptadas en cúpulas, que podían estar máis ou menos fundamentadas tecnicamente pero que non tiñan moi en conta as necesidades dos habitantes concretos do territorio", destaca Pardellas. "En Galicia non se fixera ata agora este exercicio, do que si hai exemplos noutros lugares do Estado, e que está constatado que dá moi bos resultados. A participación directa da cidadanía na xestión do territorio e na loita contra os incendios forestais funciona, a súa implicación na diagnose e na resolución, na posta en marcha de iniciativas", subliña.
Ademais do traballo de recompilación documental, o equipo do proxecto consultou con expertos na materia, como Xabier Bruña ou Xosé Santos. Con Xabier Bruña falamos hai uns meses dende Praza, xusto cando estaba a piques de defender a súa tese de doutoramento, que recollía precisamente a experiencia práctica dun proceso participativo nun proceso de planificación forestal desenvolvido na área da Fonsagrada e Os Ancares. Nesa entrevista Bruña destacaba as vantaxes da participación para a xestión do territorio: "A participación baséase na codecisión, todos debemos formar parte da decisión final. Límanse previamente as asperezas existentes e chégase a pautas de consenso". "O papel da administración debería ser o de mediador, debería ter un papel de escoita activa: saber o que pasa no territorio para poder poñer os medios para solucionar os problemas", dicía tamén Bruña, que sinalaba que "debaixo do problema do lume hai moitas cuestións que deben estar no debate. E se hai determinadas cuestións que non están funcionado, se cadra é necesario cambiar o paso".
"Nas políticas de xestión do territorio sempre primaron unha serie de decisións, adoptadas en cúpulas, que podían estar máis ou menos fundamentadas tecnicamente pero que non tiñan moi en conta as necesidades dos habitantes concretos"
Mellores diagnósticos das necesidades, maior riqueza na busca de solucións, maior colaboración na aplicación das decisións tomadas, a toma de decisións con maior equidade, o desenvolvemento do sentido de pertenza das persoas co seu medio, a prevención de conflitos, a lexitimación das decisións tomadas e o fomento da integración social están entre os beneficios que achegan os procesos participativos, segundo salientan os responsables de Batefogo.
O proxecto que se está a desenvolver en Manzaneda segue o ronsel aberto, por exemplo, en Castela-León con Plan 42, programa integral para a prevención dos incendios forestais desenvolvido pola Junta. E tamén se mira en iniciativas semellantes levadas a cabo nas Landas francesas ou en distintos territorios do norte de Europa, que usan a mesma metodoloxía: implicar a cidadanía na xestión do territorio e na prevención de posibles problemas que poidan aparecer.
O futuro do proxecto
O obxectivo é que no futuro as iniciativas que nazan de Batefogo, por exemplo a xestión sustentable dun espazo forestal, tamén teñan un acompañamento de expertos
O foro do sábado deseñará o futuro do proxecto, cando menos nas súas liñas xerais, a través de propostas para revitalizar o territorio e prever os incendios. "Ao longo do verán e a través de dinámicas participativas, estudaremos como se poderían concretar", sinala Pardellas, que destaca a importancia que terá o asesoramento de expertos e tamén o exemplo de actuacións que tiveron éxito noutras zonas do país. O obxectivo é que no futuro as iniciativas que nazan de Batefogo, por exemplo a xestión sustentable dun espazo forestal, tamén teñan un acompañamento de expertos.
"O Batefogo de Manzaneda funciona un pouco a xeito de proxecto piloto" -destaca Pardellas- "Confiamos en que nos próximos meses algún concello ou comarca máis se interese por levar a cabo iniciativas semellantes".