As mulleres son o 49% das socias das cooperativas agroalimentarias en Galicia, ocupan o 12% dos postos nos Consellos Reitores e apenas o 3% das presidencias. Estes tres datos amosan con claridade a falta de representatividade das mulleres asociadas a estas entidades e as dificultades que atopan á hora de acceder a postos directivos. Os datos proceden do XVIII Informe sobre a xestión e o estado do cooperativismo agrario en Galicia e do estudo A muller nas cooperativas agrarias: factores para a conciliación, elaborados por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias). As cifras, ademais, varían moi pouco coas que se rexistraban hai un par de anos.
Aínda que en Galicia a porcentaxe de mulleres integrantes de Consellos Reitores é maior que a media nacional (un 12% fronte a pouco menos do 5%), AGACA considera necesario "incrementar tanto a visibilidade como a influencia das mulleres cooperativistas". Os estudos realizados pola Asociación revelan que a "falta de tempo" e a "falta de preparación" son os motivos aludidos para non involucrarse en órganos de decisión cooperativos. O 40,3% das entrevistadas citan esa falta de tempo; e, nese senso, as socias de cooperativas agroalimentarias de Galicia compaxinan o traballo na explotación (o 56% dedícalle de 4 a 8 horas/día; o 25%, de 8 a 11 horas) co traballo doméstico (o 88% afirma coidar habitualmente das persoas maiores e menores de idade do fogar e o 90% di ocuparse en solitario do fogar).
As socias de cooperativas agroalimentarias compaxinan o traballo na explotación (o 56% dedícalle de 4 a 8 horas/día; o 25%, de 8 a 11 horas) co traballo doméstico
Hai ano e medio, en conversa con Praza, as responsables de AGACA destacaban que "os roles que están establecidos levan a que a muller, ademais do seu traballo na explotación agraria, teñan que traballar na casa ou que atender a nenos ou persoas maiores" e que "non hai corresponsabilidade nos fogares do medio rural. As poucas que están nos órganos directivos están sobreexplotadas".
En menor medida as enquisadas fan referencia a unha falta de preparación, en concreto o 13,5% de cooperativistas considera que lle falta, mentres o 3,1% delas non se sente capacitada para intervir nun Consello. A ese respecto, o obstáculo máis relevante é a percepción que as propias mulleres teñen sobre a súa formación ou capacidade: "non se senten capacitadas para dar a súa opinión na asemblea ou para ocupar cargos directivos. Ademais, declaran que se senten infravaloradas con respecto ás opinións dos homes", sinalaban dende AGACA.
"Non se senten capacitadas para dar a súa opinión na asemblea ou para ocupar cargos directivos. Ademais, declaran que se senten infravaloradas con respecto ás opinións dos homes", sinalaban dende AGACA
Para tentar mudar esta realidade, AGACA puxo en marcha programas de automotivación, formación, estudos sociais, participación en congresos, seminarios e distintos proxectos a nivel nacional e autonómico. Destacan, por exemplo, xornadas como Atrévete Contigo Mesma” , que tiveron lugar entre novembro de 2015 e febreiro de 2016 en 10 cooperativas, coa participación de 430 mulleres.
"En Galicia a muller ten moito peso na cooperativas, porque en xeral teno no mundo rural, polo seu intenso traballo nas explotacións agrarias e gandeiras, sendo titular delas en moitos casos, ou realizando o traballo principal", salientan dende AGACA. Porén, ese peso aínda non se ve reflectido na toma de decisións nas cooperativas.
Máis evidente é esa realidade na lentitude coa que as mulleres van accedendo á titularidade compartida das explotacións, unha vella demanda das mulleres do rural, aprobada a finais de 2011, que permite por fin que as labregas poidan figurar como cotitulares, xunto á súa parella, do negocio familiar de explotación agraria. Deste xeito, os seus rendementos económicos e subvencións pasan a repartirse ao 50%, rachando cunha situación pola que, aínda que levasen anos traballando e realizando os mesmos labores có home, na estatística non figuraban en pé de igualdade, cos conseguintes prexuízos económicos, nomeadamente á hora da xubilación. De feito, apenas o 5% da labregas de Galicia xubílanse coa pensión íntegra, fronte ao 80% dos homes que traballan no campo.
Máis evidente é esa realidade na lentitude coa que as mulleres van accedendo á titularidade compartida das explotacións
Entre o 2011 e o 2015 apenas 13 labregas galegas se acolleran a esa titularidade compartida. Todo malia que no país hai unhas 35.000 labregas que nas estatísticas figuran como axuda familiar, pero que non consta que formen parte de xeito legal -e mesmo real- da explotación. No conxunto de España, a situación é semellante, ao formar parte do rexistro de titularidade compartida 136 mulleres das 300.000 que o Estado calculara como potenciais candidata a beneficiarse da medida.