O Sindicato Labrego Galego difundiu este luns un decálogo "de medidas imprescindibles para revitalizar o medio rural", facendo fincapé na potencia da agricultura e da produción de alimentos, que aspiran a converter "no seu principal motor económico". O SLG fará chegar nos vindeiros días esta proposta de medidas aos grupos parlamentarios galegos con representación no Congreso e o Senado.
O SLG pide que a lei garanta "uns prezos mínimos que cheguen para cubrir os custes de produción e deixar marxe suficiente para garantir unhas rendas e uns salarios dignos no campo"
Entre as medidas propostas está a protección da terra agraria, actualmente "totalmente desprotexida fronte ao acaparamento de terras que están a perpetrar outros sectores económicos como a minaría, ou a produción de enerxía e celulosa", sinala o SLG, que defende que o solo agrario e con valor agronómico "debe estar protexido por lei da especulación" declarando como uso prioritario a produción de alimentos.
O SLG propón así mesmo a reforma da Lei da Cadea Alimentaria, pois na actualidade "as grandes industrias e cadeas de distribución seguen a exercer unha posición de dominio no mercado de produtos agrarios e os labregos e labregas seguen a percibir prezos por baixo dus custes de produción". Pide que a lei garanta "uns prezos mínimos que cheguen para cubrir os custes de produción e deixar marxe suficiente para garantir unhas rendas e uns salarios dignos no campo".
Deben tomarse medidas para mellorar as pensións de xubilación dos labregos e, en especial, das labregas, por ser das máis baixas, reclama o sindicato
Ademais, o sindicato defende unha mudanza na Política Agraria Común (PAC), que debe ser "social e labrega". Pide que se "defina con precisión a figura do agricultor ou da agricultora activa" para evitar "a dilapidación de miles de millóns de euros de fondos públicos agrícolas en seguir engrosando as contas bancarias de terratenentes, grandes industrias, fondos de inversión e especuladores". Nese senso, aposta por eliminar os dereitos históricos de cobro e redistribuír os fondos da PAC entre os labregos e labregas que realmente traballan a terra e viven dela, favorecendo a incorporación de persoas mozas e do colectivo de mulleres. A este respecto, o sindicato demanda un maior apoio ao relevo xeracional, dotando estas políticas de orzamentos suficientes. Así, demanda que as axudas para a incorporación de xente moza ou a transmisión de granxas dun titular a outro estean "exentas de tributar".
O sindicato tamén reclama que "a Seguridade Social debe observar a especificidade dos sectores agrarios e gandeiros" e sinala que "a idade de xubilación dunha profesión dura e con grandes esixencias físicas como a labrega non pode ir máis alá dos 65 anos". Ademais, deben tomarse medidas para mellorar as pensións de xubilación dos labregos e, en especial, das labregas, por ser das máis baixas.
O SLG pídelle ao Goberno central que rexeite o acordo comercial da Unión Europea con Mercosur "e calquera outro tratado comercial que poña en perigo os nosos propios sectores agrarios e gandeiros". Lembra que "calquera tratado de libre comercio con países transatlánticos lastraría a resposta que o Estado Español pretende darlle á crise por emerxencia climática" e que, en cambio, debe apostarse pola Soberanía Alimentaria e a produción e consumo de alimentos de proximidade.
O decálogo reclama tamén unha aposta pola agroecoloxía complementándoa coa compra pública de alimentos en circuítos curtos de comercialización
O decálogo reclama tamén unha aposta pola agroecoloxía pois "unha conversión ordenada cara a un modelo agroecolóxico vai ser a única maneira eficaz de que a agricultura sexa unha ferramenta útil na loita contra a emerxencia climática", complementándoa coa compra pública de alimentos con relacións comerciais xustas en circuítos curtos de comercialización. O SLG subliña que "a través dela poderiamos garantir a revitalización das economías locais o acceso a unha alimentación saudable de poboacións vulnerables", como a rapazada (comedores escolares), persoas con problemas de saúde (hospitais) ou a terceira idade (residencias e centros de día). O sindicato propón un programa gradual, de xeito que en 2021 as administracións adquiran como mínimo o 20% dos alimentos que merquen con criterios agroecolóxicos; que en 2025 sexa o 50%; e, finalmente, en 2030 a totalidade dos alimentos de compra pública sexan agroecolóxicos.
O SLG alude igualmente á "xestión pública da fauna salvaxe", dotando de orzamentos suficientes o mantemento da fauna salvaxe para que calquera dano causado por ela, sexa cal sexa a especie ou o estrago, sexa custeado pola Administración.
O SLG demanda que se garanta "a existencia de servizos públicos de calidade suficientes no medio rural" para frear así o despoboamento
Finalmente, o Sindicato Labrego Galego demanda que se garanta "a existencia de servizos públicos de calidade suficientes no medio rural" para frear así o despoboamento. Entre as medidas propostas inclúese "a necesidade de manter os servizos administrativos no rural".
Así mesmo, o SLG pide un avance en políticas de igualdade no rural, enfrontando "seriamente" a aplicación da Lei de Titularidade Compartida "para que miles de labregas que seguen a traballar sen cotizar e sen ver recoñecidos os seus dereitos laborais poidan facelo". Reclama avances, igualmente, en cuestións como a paridade de cargos e responsabilidades. Ademais, "é necesario enfrontar a violencia machista coas especificidades que se dá no rural", lembra.