Hai dous anos, co gallo do Día Internacional da Muller Rural, celebrado o 15 de outubro, o Concello da Pastoriza puxo en marcha a primeira edición do concurso de fotografía 'Muller Rural da Pastoriza'. A Área de Muller e Igualdade fixo un chamamento á veciñanza a que enviase imaxes coas que "visibilizar a través da fotografía as nosas mulleres rurais, as do noso concello", xa que as protagonistas tiñan que ser mulleres, mozas ou rapazas do termo municipal.
Co gallo do Día Internacional da Muller Rural, celebrado o 15 de outubro, o Concello da Pastoriza organiza o concurso de fotografía 'Muller Rural da Pastoriza'
A resposta foi moi importante, con 52 fotografías participantes que constituían unha "homenaxe ás nosas antecesoras, presentes e futuras mulleres da Pastoriza; traballadoras e loitadoras por un mundo rural vivo". O certame repetiuse o pasado ano, marcado pola COVID, con 58 imaxes enviadas.
Este domingo finalizou o prazo para o envío de fotografías para participar na terceira edición do concurso, ao que concorreron un total de 68 propostas, e cuxa imaxe gañadora se dará a coñecer este venres, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural.
"Reivindicamos que non existe unha única forma de ser muller rural, existe unha diversidade na forma de selo"
"As mulleres xogan na sociedade rural un eixo fundamental para a vida rural, e como sabemos, un papel moitas veces invisible… Pero reivindicamos que non existe unha única forma de ser muller rural, existe unha diversidade na forma de selo, labregas, gandeiras, emprendedoras, coidadoras, economistas, veterinarias, mestras, de diversos oficios e/ou profesións, pero cun fío condutor: botar raíces, facer vida nunha contorna rural e coma todas, enfrontar o día a día con dificultade", destacan dende a organización do certame.
Na edición do pasado ano a fotografía gañadora, obra de Chus Veiga, reflectía a importancia fulcral do traballo de coidados realizado maioritariamente polas mulleres
Na edición do pasado ano a fotografía gañadora, obra de Chus Veiga, reflectía a importancia fulcral do traballo de coidados realizado maioritariamente polas mulleres, neste caso centrado na atención ás persoas de maior idade, nun contexto de envellecemento do rural galego. A imaxe significou un recoñecemento "aos coidados das coidadoras, un traballo feminizado, que non gañan premios, nin ocupan portadas de medios, nin son felicitadas, e poucos lles dan as gracias por un traballo invisible e silencioso".
No 2019 a imaxe gañadora amosou as distintas xeracións de mulleres que conviven no rural. "A avoa na horta e eu esperándoa", obra de Fe Legaspi, foi o título da imaxe, na que se podía ver unha nena de curta idade sentada nunha carretilla.
"Defender o seu papel non só supón reivindicar a igualdade, tamén implica defender a sostibilidade, a vida nas aldeas e a actividade económica"
A Área de Muller e Igualdade do Concello da Pastoriza subliña que "cremos de xeito firme que socialmente temos a obriga de recoñecer a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento; unha labor moitas veces invisible (e invisibilizada), pero que sen a súa contribución, sería imposible o mantemento dos nosos pobos". "Defender o seu papel non só supón reivindicar a igualdade, tamén implica defender a sostibilidade, a vida nas aldeas e a actividade económica. Reivindicar o papel da muller rural é sinónimo de defender o progreso, o emprendemento, a igualdade, a innovación, o sacrificio, a diversidade, a xenerosidade...", engaden.