Esta semana celebrouse o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha xornada instituída pola ONU que busca facer fincapé nas problemáticas que afectan ás mulleres que traballan no sector agrogandeiro e, en xeral, a todas aquelas que viven nos espazos rurais. Ademais das eivas xerais que deben superar as mulleres doutros ámbitos e territorios, as mulleres labregas veñen sufrindo obstáculos específicos, por exemplo á hora de acceder á titularidade compartida das súas granxas e explotacións, obtendo ademais en moitos casos a pensións de xubilación moi baixas. A isto únese a situación de falta de servizos que afecta a moitas zonas rurais e que repercute especialmente sobre as encargadas de realizar os traballos de coidados.
"A Lei de Titularidade Compartida foi unha demanda que saía das propias mulleres labregas, pero semella que nas institucións non houbo unha interiorización da importancia desa norma"
O Sindicato Labrego Galego (SLG) leva anos pelexando polo acceso á titularidade compartida das explotacións. A Lei de Titularidade Compartida está vixente dende o ano 2012, pero dende entón tan só unha vintena de mulleres se fixeron cotitulares en Galicia, cando dende o Ministerio de Agricultura estimábase que 35.000 galegas se podían beneficiar da medida. Falamos de todas estas cuestións con Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG.
Van xa case oito anos dende que se aprobou a Lei de Titularidade Compartida, pero ata agora foron moi poucas as mulleres labregas que puideron acceder a este dereito. Onde está o problema?
Este cambio lexislativo foi unha demanda que saía das propias mulleres labregas, pero semella que nas institucións non houbo unha interiorización da importancia desa norma. No momento en que se aprobou a lei posiblemente había persoas con empatía que souberon ver o problema e o reflectiron nunha lexislación. O problema estivo nos oito anos seguintes na desidia total na súa implantación. Por exemplo, cando dende o SLG tentamos promover que as mulleres se inscribisen neste rexistro de titularidade, resulta que elas ían a Facenda e nas oficinas de Facenda non sabía o que era esa figura. Ou ían ás oficinas comarcais e alí desanimábanas, dicíndolles: “vaste complicar, a ver se despois vas ter problemas...”. Temos unha lei que permite facer isto, pero hai unha inercia nos nosos representantes e seguramente tamén na sociedade que o bloquea.
"No fondo semella que se aceptase como natural esa posición subsidiaria das mulleres no agro, parece que non chama a atención que haxa miles de mulleres sen dereitos"
Cando un home e unha muller están traballando nunha explotación e o home marcha fóra, xubílase ou ten unha invalidez, non é infrecuente que aparezan as mulleres como titulares, pero nos máis dos casos é o home o que figura como único titular. Iso implica que ese home é o que de maneira pode representar a granxa en calquera espazo, ten todos os bens e dereitos ao seu dispor -pode vender e comprar se o desexa-, ten eses ingresos claramente atribuídos. Pero hai unha segunda persoa -a muller- que no traballo diario, nas obrigas, nos créditos..., fai a mesma achega, cando non é maior, se lle incorporamos todo o traballo de coidados. E ela, en cambio, non ten atribuídos eses mesmos dereitos, o que ten consecuencias moi importantes, por exemplo, cando se dan procesos de separación, onde queda claro que a muller non ten eses dereitos recoñecidos sobre a explotación. Este cambio non implica, por suposto, que os homes perdan dereitos sobre as súas explotacións, trátase de que os teñan as dúas persoas.
No fondo semella que se aceptase como natural esa posición subsidiaria das mulleres no agro, parece que non chama a atención, que non preocupa, que haxa miles de mulleres sen dereitos. Debe parecerlles que esta é unha situación normal: que a muller teña que andar pedindo permiso para todo, que non dispoña con claridade de nada de seu, que non teñan dereitos económicos propios, cando falamos de mulleres que levan toda a súa vida traballando nesa explotación. Mesmo cando se lexislou, estableceuse que só se pode facer unha titularidade compartida se tes o permiso do teu compañeiro.
Ten efectos isto sobre as pensións tan reducidas que acaban cobrando unha parte importante das mulleres labregas?
"Hai moitas mulleres nas granxas que empezan a cotizar máis tarde que os homes, ou pasan tempo sen cotizar porque asumen coidados familiares, ou é a primeira cotización da que se prescinde cando hai dificultades"
O tema das pensións é diferente: hai moitas mulleres nas granxas que empezan a cotizar máis tarde que os homes, ou pasan tempo sen cotizar porque asumen coidados familiares, ou é a primeira cotización da que se prescinde cando hai dificultades. Iso fai que teñan un menor período de cotización e a consecuencia é que hai unha brecha moi importante nas pensións que cobran as mulleres con respecto aos seus compañeiros.
Hai mulleres que si están cotizando á Seguridade Social, pero non son titulares, non teñen ingresos económicos propios, porque os ten o seu cónxuxe en exclusiva. Hai uns anos, por exemplo, houbera unhas axudas para nais traballadoras de nenos e nenas de 0 a 3 anos, e moitas labregas perderan a axuda porque lles dicían que non constaba que foran profesionais do agro. Afortunadamente ao final houbo un cambio de criterio.
"A celebración de Días Internacionais está moi ben, pero deben ir acompañadas de medidas para avanzar cara á igualdade nos postos directivos das cooperativas, das organizacións agrarias..."
Este xoves celebrouse o Día Internacional das Mulleres Rurais. Un bo momento para poñer sobre a mesa estas problemáticas?
Ás veces corremos o risco de celebrar unha efeméride no que festexamos a desigualdade en lugar de facer cousas significativas para rematar con ela. A celebración de Días Internacionais está moi ben, pero deben ir acompañadas de medidas para avanzar cara á igualdade nos postos directivos das cooperativas, das organizacións agrarias... Temos que ser consecuentes e que as desigualdades non só se denuncien publicamente, senón que debemos impulsar cambios para ir eliminándoas.
"Os recortes de servizos que houbo nos últimos anos afectaron máis aos territorios con menos poboación. E isto ten efectos moi grandes sobre as mulleres, sobre todo no que atinxe ás súas triplas xornadas laborais e ao traballo de coidados"
Nós hai uns días rematamos as nosas propostas para a seguinte PAC. Aí dicimos por exemplo que á hora de repartir unhas axudas económicas se cadra se lle podería esixir a unha determinada entidade que inclúa a paridade de xénero nos seus estatutos e órganos de representación. E que se as mulleres non chegan ao 50% na base, cando menos nos órganos directivos a porcentaxe debería semellante ao que representan na base. O mesmo nas axudas: sabemos que as axudas que cobra unha muller agricultora están, de media, na metade do que reciben os varóns. Pois cando deseñamos un programa ou un marco estratéxico, debemos introducir medidas correctoras para eliminar esa desigualdade.
As mulleres nas zonas rurais teñen dificultades engadidas ás que viven noutros lugares?
Hai temas que nos afectan máis ás mulleres que viven no rural. Por exemplo, por vivir no rural é posible que teñas unha maior carencia de servizos, porque os recortes de servizos que houbo nos últimos anos afectaron máis aos territorios con menos poboación. E isto ten efectos moi grandes sobre as mulleres, sobre todo no que atinxe ás súas triplas xornadas laborais e ao traballo de coidados.
Que efecto está a ter a pandemia sobre o rural galego e as producións agrogandeiras? Nos primeiros meses semella que se puxo o foco na "calidade de vida" no rural e a importancia das producións locais. Iso tivo efectos positivos reais?
"Cando comezou a pandemia valorizouse máis a compra de produtos locais e tamén se destacou a necesidade de levar unha vida máis apegada á natureza. Porén, vimos unha caída xeneralizada de prezos en moitas producións"
É certo que cando comezou a pandemia dalgún xeito avivouse o debate sobre a necesidade de ter producións básicas para a poboación que chegasen de contornas próximas e non dende miles de quilómetros: vímolos cos respiradores, coas mascarillas... E nese debate entrou tamén o tema da alimentación. Isto, ademais foi en paralelo cunha reflexión máis profunda sobre se a vida nas zonas rurais, na natureza, en espazos abertos e menos poboados podía ter elementos máis positivos para as persoas. E máis aínda cando a xente tiña que estar confinada nun piso. Nese momento valorizouse máis a compra de produtos locais e tamén se destacou a necesidade de levar unha vida máis apegada á natureza.
Porén, o que vimos é que na práctica dende a administración se lle poñían a este tipo de propostas máis dificultades que a comprar nunha grande área comercial. Vimos en varios lugares que a unha actividade ao aire libre e que respectaba as medidas de seguridade como son os mercados locais se lle poñían atrancos e mesmo se impedía a súa celebración. E en cambio non había problemas para ir mercar a un hipermercado: nun espazo pechado e moi masificado.
"No caso do leite, moita fábricas anunciaron que tiveran que aumentar a súa produción polo incremento na demanda, pero iso non levou a unha suba do prezo que se lles pagaba aos produtores e mesmo se rexistraron baixadas"
Vimos ademais unha caída xeneralizada de prezos en moitas producións, a pesar do incremento na demanda. No caso do leite, moitas fábricas anunciaron que tiveran que aumentar a súa produción, pero iso non levou a unha suba do prezo que se lles pagaba aos produtores e mesmo se rexistraron baixadas. O problema é que seguimos co mesmo esquema, no que a grande industria ten unha posición de dominio no mercado e non hai ningunha garantía, nada que ampare as persoas produtoras.
Vimos tamén algo que nos debería alarmar: que parte do sistema alimentario, moitos dos produtos que chegan ás nosas mesas, parten dunha situación na que temos moitos traballadores e traballadoras que son temporeiras, que viven en situacións inaceptables, unha situación que a pandemia do coronavirus puxo de relevo. Unha situación coñecida e que as administracións públicas veñen permitindo nos últimos anos.
"Galicia a nivel climático, a nivel de solo e pola situación xeográfica, ten un potencial enorme na produción de alimentos de calidade. Pero nunca houbo unha aposta clara sobre isto, houbo unha desidia total por parte das administracións"
En moitas ocasións dende o SLG fixestes fincapé na importancia crecente que teñen as zonas rurais como produtoras de alimentos, coa relevancia fundamental que iso ten. Lembro mesmo un lema de hai uns meses nunha manifestación en Verín, na que dicíades aquilo de "se as labregas non plantan, a cidade non xanta". Non se valora o suficiente a importancia do sector agrogandeiro en Galicia?
Galicia a nivel climático, a nivel de solo e pola situación xeográfica, ten un potencial enorme na produción de alimentos de calidade. Pero nunca houbo unha aposta clara sobre isto, houbo unha desidia total por parte das administracións. Isto leva a que as persoas que teñen interese en desenvolver un proxecto no rural teñen que se enfrontar a unha carreira de obstáculos que vai deixando a moita xente no camiño. No rural as persoas poden atopar moitos elementos para ter unha boa vida. Non debemos caer no desánimo, nesa idea de que no rural non é posible vivir ben, que é algo que se foi transmitindo de xeración en xeración nas últimas décadas.
Ademais, de forma máis importante aínda ata agora foi moi invisibilizado o papel das mulleres na produción de alimentos, porque en realidade eran elas quen facían a maior parte do traballo nesa agricultura diversificada na que primaba o autoconsumo. Pero só os grandes cultivos eran visibles.
"Parécenos fundamental que a cidadanía se empodere da súa saúde, da súa alimentación e da súa terra. Debe ter un poder crecente en decidir que alimentación quere e que paisaxe e que territorio quere"
E, efectivamente, alguén ten que producir os alimentos. E é importante que se produzan dunha maneira digna e de formas que sexan sostibles medioambientalmente. Non é o mesmo plantar destruíndo o solo, ensuciando as augas e empregando unha gran cantidade de tóxicos que facelo dunha maneira respectuosa para o presente e o futuro. É importante quen planta o que xantamos, pero tamén é importante onde o planta e como o planta. É importante para a saúde do planeta e tamén para a nosa saúde. Nese senso, parécenos fundamental que a cidadanía se empodere da súa saúde, da súa alimentación e da súa terra. Debe ter un poder crecente en decidir que alimentación quere e que paisaxe e que territorio quere.