A memoria, o humor e as creadoras emerxentes, cunha homenaxe á Panadaría, centro da nova edición da MIT de Ribadavia

Representación de 'As que limpan' © Leticia Blanco

Ata o 23 de xullo pasará pola vila ourensá un elevado número de mulleres creadoras: Gena Baamonde, Alessandra García, Ana Vallés, Eva Redondo, Ana Contreras, Las Huecas, Elahood, Brigitte Vasallo ou A Panadaría, a quen se lle adica un foco especial polo seu décimo aniversario

A 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) comezará o 15 de xullo coa memoria como centro da súa programación. Ata o 23 de xullo pasará pola vila ourensá un elevado número de mulleres creadoras: Gena Baamonde, Alessandra García, Ana Vallés, Eva Redondo, Ana Contreras, Las Huecas, Elahood, Brigitte Vasallo ou A Panadaría, a quen se lle adica un foco especial polo seu décimo aniversario.

A MIT abrirá coa estrea en Galicia da recoñecida directora arxentina Marina Otero o día 15 de xullo e pechará coa estrea do proxecto gañador do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O Auto do Castromil, o día 23 de xullo. Na programación destaca a aposta por compañías novas e emerxentes. E tamén unhas Xornadas sobre a Historia do teatro galego e a memoria da Transición en colaboración co Consello da Cultura Galega, un proxecto audiovisual dirixido por Tito Asorey.

A MIT, en palabras do seu Director, Roberto Pascual, “quere trasladar esa mensaxe clara da relevancia do público, da integración e convivencia da diversidade de públicos nun ámbito de descubrimento, divertimento festivo e intercambio de ideas e pareceres”.

Cartel de O auto do Castromil ©

Son varias as creacións galegas en estrea, coprodución ou colaboración. Destaca a estrea do espectáculo O Auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval e que supón o terceiro proxecto convocado pola Fundación Manuel María

Son varias as creacións galegas en estrea, coprodución ou colaboración. Destaca a estrea do espectáculo O Auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval e que supón o terceiro proxecto convocado pola Fundación Manuel María, coa que a MIT asinou o ano pasado un convenio de colaboración para acompañar e presentar os espectáculos gañadores deste ilusionante certame. A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galicia. O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galicia inconsciente. Un traballo protagonizado por Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez.

A derradeira función de Elisa e Marcela terá lugar na Igrexa da Madalena de Ribadavia e será moi especial. Por outro lado, no Castelo, a compañía ofrecerá As que limpan

A Panadaría celebra 10 anos de teatro popular e feminista, festivo e reivindicativo e o MIT celebrará esta década de éxito. A derradeira función de Elisa e Marcela terá lugar na Igrexa da Madalena de Ribadavia e será moi especial. Por outro lado, no Castelo, a compañía ofrecerá As que limpan, o espectáculo triunfador da edición dos Premios María Casares do teatro galego deste ano, unha obra que aborda a precariedade e os abusos das mulleres limpadoras de pisos e os usos e abusos do poder que exercen os empresarios da industria turística dos hoteis.

Representación de Teatro del Barrio © Teatro del Barrio

No ámbito estatal destaca o nome de Alessandra García. Mujer en cinta de correr sobre fondo negro é unha peza escénica que funciona como radiografía da persoa de barrio humilde. 

Teatro del barrio ofrece Homenaje a Billy el niño, un espectáculo entre o documento e a sátira do musical

Así mesmo, Teatro del barrio ofrece Homenaje a Billy el niño, un espectáculo entre o documento e a sátira do musical: en xullo de 1977, Antonio González Pacheco, un policía máis coñecido como Billy el Niño, foi condecorado coa medalla de prata ao mérito policial. E o Ministro que tivo a iniciativa, Rodolfo Martín Villa, recoñeceu os servizos prestados polo axente á patria franquista e á Transición. Os que non estiveron nin en pintura naquela homenaxe foron os homes e mulleres aos que torturou Billy el Niño e, por iso, aquí dáselles voz: para que lembren a súa historia e axuden a visibilizar toda a violencia coa que tamén se construíu a Transición.

No ámbito de novos grupos e creadores/as está a compañía madrileña Sr Smith ou a galega Vórtice escénico

No ámbito de novos grupos e creadores/as está a compañía madrileña Sr Smith (con If, La Lgereza), a galega Vórtice escénico (que gañaron o Premio Xuventude Crea coa montaxe de Asfixia, texto co José Luis Baños de Cos se fixo co Premio Abrente de Textos Teatrais que convoca anualmente a MIT) ou a moi recente obra que vén de gañar os dous principais Premios Max ao valores emerxentes: Premio revelación a mellor espectáculo e mellor autoría, Cucaracha con paisaje de fondo, un espectáculo de humor absurdo e con reminiscencias ao teatro clásico que para a crítica supón un absoluto refresco da escena madrileña.

Roi Borrallas ©

Na rúa e nos espazos exteriores das parroquias da capital do Ribeiro tamén existe tamén unha coidada programación

Na rúa e nos espazos exteriores das parroquias da capital do Ribeiro tamén existe tamén unha coidada programación. Espectáculos de danza (Elahood, o espectáculo sobre o tema das migracións da valenciana Maduixa ou Colectivo Glovo), de novo circo (Kanbahiota ou a moi recoñecida compañía italiana Dúo Kaos coa peza Time to loop, en San Cristovo o día 18 de xullo) ou aqueles máis cercanos á narración oral, coma A parábola do angazo, coa que celebraremos tamén os 35 anos do aniversario da creación da compañía galega Talía Teatro na Franqueirán.

A MIT recupera as sesións golfas con espectáculos lúdicos e atractivos, dende o clown ata a comedia musical. Destaca o clown galego Roi Borrallas

A MIT recupera as sesións golfas con espectáculos lúdicos e atractivos, dende o clown ata a comedia musical. Nesta sección, destaca o clown galego Roi Borralas, un auténtico descubrimento que presenta na madrugada do sábado 15 de xullo o espectáculo co que está recibindo importantes galardóns coma o Premio FETEN de Xixón á Mellor Interpretación de 2023 ou Premio Zirkolika ao mellor espectáculo de Pallasos en 2022. Tamén neste capítulo atoparemos a aposta de mestura entre autoficción e fábula, con partes de cabaret, da actriz con raíces ribadavienses Cecilia Vázquez, que en Lerele traza a historia dunha nena que sente a súa vida transformarse cando ve na televisión a Lola Flores, no programa de Fin de Ano de 1982.

Representación de Lerele ©

A venda de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre os días 19 e 29 de xuño e xa a partir do 30 de xuño poderanse mercar as entradas soltas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.