"Superounos totalmente a acollida desta obra. Levamos seis anos de xira, 270 funcións, 12 premios. Non imaxinabamos que ía ser así", salienta Areta Bolado, da compañía A Panadaría
As noivas teñen fama de chegaren tarde, menos Elisa e Marcela, que chegaron as primeiras, cantan Aldaolado. A historia destas mulleres pioneiras en celebrar o seu amor casando pola igrexa no ano 1901 está xa ligada para sempre á compañía teatral A Panadaría, que leva preto de trescentas funcións de Elisa e Marcela, a obra que as consolidou na escena e que agora despiden nunha xira especial que rematará do mesmo xeito que comezou: nunha igrexa.
No ano 2016, cando Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman –as tres artistas que están detrás d'A Panadaría– comezaron traballar sobre a historia de Marcela e Elisa tiñan "un sentimento de responsabilidade moi grande". Daquela aínda non se estreara o filme de Isabel Coixet pero o casoiro cunha delas vestida de home era reivindicado no colectivo lgtbi+. “Gena Baamonde, que despois se converteu na directora da obra, foi a que dixo que non sabía como nunca se fixera un espectáculo sobre elas. E nós dixemos: fagámolo! Foi así de espontáneo”, lembra Bolado.
“Superounos totalmente a acollida desta obra. Levamos seis anos de xira, 270 funcións, 12 premios. Non imaxinabamos que ía ser así”, salienta Areta Bolado, para explicar que a representación de Elisa e Marcela ten que rematar tamén porque agora sería necesario facela doutra maneira: “Nós queremos que o noso teatro dialogue cos tempos e a circunstancia na que creamos a obra é moi diferente á que temos agora”.
A Panadaría despide 'Elisa e Marcela' nunha xira especial que pasará por Santiago, Pontevedra, As Restrebas, Vigo, Monterroso, A Coruña e Ribadavia
“Semella que en moi pouco tempo retrocedemos bastante. Agora contamos cunhas leis que nos amparan moito máis, a última é a lei trans que despatoloxiza as vidas trans; pero nas rúas o sentimento é outro. Os discursos de odio están calando e o propio Ministerio do Interior confirmou que no último ano aumentaron un 70% as agresións a persoas do colectivo lgtb”, debulla Bolado.
O texto xa é reivindicativo e a peza teatral supuxo unha celebración destas dúas mulleres, pero na actualidade consideran que debería ser aínda “máis incisivo” con algúns asuntos, porque “parece que reclamar dereitos para as persoas lesbianas, gais ou trans” é recibido “como un ataque” por moita xente. “Temos que atopar unha maneira de comunicarnos e de conectar”, razoa a artista.
A propia compañía experimentou recentemente un incidente de odio no que foron obxecto de insultos machistas durante a representación da obra As que limpan nunha función para escolares de varios institutos nun festival celebrado en Gran Canaria. “Non sei cal é o camiño nin a solución, sei que pasa pola educación. Agora mesmo a ‘rebeldía’ son os discursos de dereitas, os máis reaccionarios, e iso preocúpame moito porque a mocidade é o noso futuro. Unha vez máis, estamos tendo un problema para comunicarnos e conectar coa mocidade para que consideren que o respecto ao outro e á outra é básico para vivir en liberdade”, afirma Boado.
"Cambiounos moito como creadoras e consolidounos como compañía", di Bolado sobre esta obra, que as axudou coa creación de 'As que limpan', coa que levaron catro premios María Casares
Con As que limpan, unha obra que sobe aos escenarios as mulleres que traballan como camareiras de piso nos hoteis, veñen de gañar catro galardóns nos Premios María Casares. Unha peza teatral que xa naceu con difusión en todo o Estado grazas, en grande medida, ao éxito da xira de Elisa e Marcela: “Cambiounos moito como creadoras e consolidounos como compañía. Agora somos moito máis conscientes do impacto que pode ter o teatro nas persoas. Non digo que vaiamos cambiar o mundo, pero si podes deixar unha pequena pegada en cada unha das espectadoras que che vai ver. E iso tivo un impacto na creación de As que limpan”, recoñece.
A xira de despedida de Elisa e Marcela comezou o pasado día 13 e chegará ao Teatro Principal de Santiago de Compostela o mércores 21 e ao Teatro Principal de Pontevedra o xoves 22. O auditorio municipal de Vigo acollerá unha dobre función o xoves 29 e a penúltima función será o sábado 1 de xullo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Pero tamén dirán adeus desde o rural, “onde elas viviron o seu amor”. O domingo 25 a función terá lugar na palleira da Casa Lourán, nas Restrebas (Monfero) e o venres 30 na Granxa Maruxa, onde naceu o festival Agrocuir, en Monterroso. A derradeira representación será o 11 de xullo ao abeiro da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia na igrexa da Magdalena. “Apetecíanos moito actuar con este espectáculo nunha igrexa porque elas casaron pola igrexa, era moi difícil pero finalmente o conseguimos”, celebra Areta Boado.
Haberá coloquios e obradoiros –como o Mulleradas que acolle o Consello da Cultura– con motivo destas últimas funcións, que tamén están acompañadas pola presentación do libro Elisa e Marcela, editado por Erregueté - Revista Galega de Teatro, que inclúe o texto dramático orixinal, as partituras da música e das cancións de Ailén Kendelman, fotografías, artigos e críticas publicadas en torno á obra, un texto de Gena Baamonde e outro das tres creadoras e protagonistas como despedida desta historia.