'Facer Memoria': construír a memoria colectiva do país desde as historias que lembra a veciñanza

Paula Carballeira durante unha sesión deste proxecto escénico vivencial © Berrobambán

'Facer Memoria' é unha iniciativa escénico vivencial da compañía Berrobambán, con Paula Carballeira e Chiqui Pereira á fronte, que busca un diálogo coa veciñanza de diferentes parroquias para poñer en valor a historia oral dos lugares

A palabra memoria parece desgastada, precisa que lle volvamos dar o seu significado e lle devolvamos a emoción. "Nunha cultura como a nosa, que sobreviviu pola oralidade, a memoria é moi importante, destaca a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira, que coa dirección de Chiqui Pereira, está a desenvolver o proxecto escénico vivencial Facer Memoria por diferentes parroquias do país. 

Coa súa compañía, Berrobambán, achéganse a lugares fóra das sete cidades e da liña de comunicacións máis obvia do país para falar coa xente que non ten tantas posibilidades de ser escoitada. Buscan coñecer os feitos destacados para as persoas dunha determinada parroquia, asistir a como gardaron esas lembranzas na memoria e por que. Hai contos e lendas inverosímiles que permanecen a día de hoxe. E moitas outras cuestións, xa sexan festivas ou violentas, que marcan a poboación, como nos pasará coa pandemia.

A narradora oral e dramaturga Paula Carballeira e o director escénico Chiqui Pereira © Berrobambán

"Funcionamos como catalizadores das lembranzas da xente e das historias relacionadas cos lugares ao que imos"

"Hai algo emotivo nisto, que te conecta coa xente doutro xeito. E nós traballamos con emocións, doutra forma non faríamos teatro. Pero esas emocións de forma directa, nun intercambio coa xente, son diferentes. Porque un dos obxectivos que temos é dicirlle á xente que a súa memoria é importante para construír a memoria colectiva. Entón, para nós a experiencia sempre é gratificante", salienta Paula Carballeira. 

A idea para iniciar este proxecto de Facer Memoria xurdiu despois do confinamento pola pandemia da COVID, cando se comezaron reactivar os espectáculos relacionados coas artes escénicas. "Decatámonos da necesidade que había de xuntarse e de contar a vida. E pareceunos que para nós, como compañía, sería interesante dar ese xiro e achegarnos á xente doutra maneira: quitar un pouquechiño os límites entre o escenario e o patio de butacas, pero sen perder a perspectiva de que vimos de onde vimos. Nós funcionamos como catalizadores das lembranzas da xente e das historias relacionadas cos lugares ao que imos", deulla Paula Carballeira. 

"Queremos saber non só a historia documentada dese lugar, senón tamén a historia oral, o que contan as xentes, o que aínda permanece na memoria"

A primeira parada desta nova etapa de Facer Memoria desenvolveuse a semana pasada nas parroquias de Grañas do Sor e Bares de Mañón. Nos vindeiros días, no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, estarán entre as parroquias carballesas de Oza e Verdillo. No mes de novembro, a compañía visitará os lugares de Cando e San Lourenzo, no concello de Outes, na semana do 7 ao 13; e despedirá a súa segunda edición coa incursión en Teo, nas parroquias de Oza e mais dos Tilos, entre o 21 e o 27 de novembro.

O proceso de preparación é moi diferente ao dunha montaxe teatral, pois cada sesión require de documentarse especificamente sobre a historia do lugar e un traballo previo coa veciñanza para enganchala na dinámica do proxecto. "Desde os concellos axúdannos a contactar con asociacións de veciños ou entidades que dinamizan a zona, falamos con eles e entrevistámonos con xente de cada sitio. Queremos saber non só a historia documentada dese lugar, senón tamén a historia oral, o que contan as xentes, o que aínda permanece na memoria... Forzamos un pouquiño a xente a facer memoria porque nós partimos de que somos alguén de fóra que chega e queremos saber deses acontecementos, que pola súa relevancia non só social senón tamén persoal, a xente ten na cabeza", explica Carballeira.

Unha das representacións de 'Facer Memoria' con Paula Carballeira © Berrobambán

No encontro final Carballeira conta as historias das que foi sabendo ao longo da semana que pasou indagando nese lugar, pero sempre nun diálogo activo coa veciñanza

Paula Carballeira destaca que en Berrobambán están a aprender moito con esta experiencia. "Isto dános unha perspectiva para saber como somos, en xeral, e que historias gardamos na memoria, por que e que queremos conservar. Poden ser historias ficticias, de vida, da toponimia... Pareceunos un xeito de darlle unha nova perspectiva ao noso traballo, pois ao vir das artes escénicas –e eu na miña experiencia como narradora oral– establecemos un diálogo no que a xente se sente a gusto e no que tamén ten o seu protagonismo", conta. Está a ser un proceso de descubertas, no que contan coa achega do colectivo de historiadores Mazarelos, que lles aportan uns coñecementos previos de cada parroquia á que van.

Tirando polo fío a partir desa documentación previa conseguen que a xente lles vaia contando o que sabe. "Dicímoslles algo que aconteceu na zona e preguntamos por quen se lembra e sempre hai algo que contar. Hai quen é moi bo narrador ou narradora e o conta con detalle, con gusto; e xente que é máis escueta, que é o máis habitual. Pero como non se trata de que sexan mellores ou peores narradores, senón simplemente dunha experiencia colectiva, sempre resulta ben", asegura.

"Pensamos que o máis relacionado coa experiencia oral sería un podcast porque nos permite gardar as voces desas persoas e as súas historias"

Querían fuxir dun formato no que se recompilan unhas historias que despois son contadas sobre o escenario diante dun público. No encontro final no teatro –ou no centro social– Paula Carballeira conta as historias das que foi sabendo ao longo da semana que pasou indagando nese lugar, pero sempre nun diálogo activo coa xente que asiste. Facer Memoria está aberto a todo tipo de público, pero ten máis interese para as persoas de maior idade. "É a xente que normalmente está máis esquecida, e ao estaren lonxe das cidades son testemuñas doutras maneiras de vivir das que nós xa non fomos. Isto tamén serve para darlles protagonismo, pois realmente estas persoas quedan relegadas en moitísimos aspectos", apunta Carballeira.

Se algo caracteriza as artes escénicas e a súa condición de seren efémeras, por iso ao remate desta segunda xira –a primeira abrangueu concellos de todo o país e esta céntrase na provincia da Coruña porque se realiza ao abeiro dun programa de axudas da Deputación– van presentar un podcast que quede como recordo da experiencia. "Pensamos que o máis relacionado coa experiencia oral sería un podcast porque nos permite gardar as voces desas persoas e as súas historias", conta Paula Carballeira, que será o fío condutor das diferentes anécdotas contadas pola veciñanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.