“Arraianos chega ao límite da condición humana”

'Arraianos' de Sarabela © Rubén Vilanova

Sarabela vén de estrear Arraianos, a primeira adaptación teatral do libro homónimo de Xosé Luis Méndez Ferrín. A compañía ourensá escolleu dous relatos desta obra, Medias Azuis e Lobosandaus. A violencia contra as mulleres e a tamén violencia da pobreza e da desigualdade social no tempo do agrarismo. A política atravesa estes dous contos dos que Sarabela trata de dar unha visión desde múltiples perspectivas, mais contemporánea. Falamos coa directora, Ánxeles Cuña. 

Non é a primeira vez que facedes unha obra a partir dun texto de narrativa mais, a escolla de Arraianos foi por algunha razón especial?

“Medias azuis fai un tratamento da violencia contra as mulleres que quebra esquemas”

Non, non é a primeira vez. Fixemos A Esmorga, A Lingua das Bolboretas ou O Lapis do Carpinteiro, por exemplo. Pero traballar con Arraianos foi un reto inmenso. Non é un proxecto máis. Cando acabas unha obra sempre vén a pregunta de, e agora que? Desta vez viñamos de transitar polo mundo de Begoña Caamaño: feminista, relacionado co realismo máxico… Barallamos moitas opcións. Pensamos na Metamorfose pero chegou Fernando Dacosta coa proposta de Arraianos. Era unha opción de alto risco mergullarse no universo complexo e exixente de Ferrín. Fixemos a adaptación entre Fernando e eu. Escollemos cinco ou seis contos, aínda que os dez son extraordinarios, e ao final quedamos con dous. 

'Arraianos' de Sarabela © Rubén Vilanova

Quedastes con un sobre violencia contra as mulleres e con outro sobre pobreza, caciquismo… De fondo, en ambos, está o poder. 

Medias azuis fai un tratamento da violencia contra as mulleres que quebra esquemas. Fala dun mundo de mulleres soas: illadas, supostamente meigas. É unha obra tan fermosa como inquietante, imprevisíbel, porque desde unha promesa de namoro, todo vira. Nós quixemos darlle unha visión feminista e contemporánea, cun tratamento minimal, estilizado. Por iso o traballo en branco e negro e todo o tratamento formal, xestual, atmosférico... 

A xestualidade é, de feito, moi importante nesta obra. Por que?

Pois xa parte do texto, por exemplo de como Ferrín describe a reacción das mozas cando son aldraxadas. Hai nelas unha metamorfose, como se se convertesen en monstros, nunha batalla violenta. E nós optamos por, en vez de facer esa violencia redundante, facela a cámara lenta. Hai uns mozos que van visitar as mozas cunhas expectativas de pracer que non se cumpren, entón fan mofa delas. Elas séntense ofendidas e reaccionan contra eles como animalizadas.

“De fondo está a festa, o erotismo, a miseria -son mulleres orfas e vese a precariedade- e o límite entre a realidade e a ficción”

Os actores e actrices desta obra son excelentes, pero non son bailaríns, por iso para esta parte xestual contamos coa axuda de Ruth Balbís, que lle deu a calidade e a precisión ao movemento. Todo está traballado desde as simetrías, a estilización, o minimalismo, adobiado coa luz e o son, eliminando elementos descritivos e facendo unha narración dinámica. Multiplicando as perspectivas, as visións do que acontece, transmitindo unha multipercepción. Hai uns narradores dinámicos, activos, que contan o que acontece e que ademais entran a formar parte da historia como protagonistas dela. 

O cal é moi teatral.

"Ferrín foi absolutamente xeneroso. Un inmenso clásico contemporáneo, un referente ineludíbel das nosas letras. Cando lle dixemos o que iamos facer expresou unha confianza grande e deunos carta branca"

Si. Tiñamos uns contos excelentes e había que darlles carne e sangue, como diría Lorca. Os finais son moi importantes para Ferrín e, no caso de Medias Azuis, é un conto de estrutura circular. As meigas guíndanlles unha maldición e eles non só se perden no camiño, senón que ventan a morte, están ao límite, por iso poñemos a lúa vermella nese momento. Eles ven unhas luces ao lonxe, que é Portugal, pois están no límite, na fronteira. E alí senten pánico, dor. A aldraxe ás mozas fora feroz e eles volven ao punto de partida, á perda no camiño. De fondo está a festa, o erotismo, a miseria -son mulleres orfas e vese a precariedade na que viven- e o límite entre a realidade e a ficción. Ferrín é un autor inmenso que nos mete no universo da raia seca desde esa perspectiva: entre a vida e a morte, a realidade e a ficción. 

Tivestes relación con Ferrín durante o proceso?

É a primeira vez que se levan os contos de Arraianos ás táboas. Foi unha aposta especial para nós por varios motivos. Os contos son moi profundos: para chegar ao miolo hai que mergullarse moito. Porque chegan ao límite da condición humana. Ferrín foi absolutamente xeneroso. Un inmenso clásico contemporáneo, un referente ineludíbel das nosas letras. Cando lle dixemos o que iamos facer expresou unha confianza grande e deunos carta branca.

'Arraianos' de Sarabela © Rubén Vilanova

Quizais a linguaxe dos contos puido supoñer algunha dificultade para a adaptación teatral. Son moi poéticos, o léxico está moi coidado… 

"Penso que conseguimos manter o espírito. Dubidamos por exemplo entre facer a Dorinda máis portuguesa no seu falar. Aí deixamos algunha chiscadela, como cando o Capador di benção. Ou como cando usamos un poema de Saramago"

Penso que conseguimos manter o espírito. Dubidamos por exemplo entre facer a Dorinda máis portuguesa no seu falar. Aí deixamos algunha chiscadela, como cando o Capador di benção. Ou como cando usamos un poema de Saramago. En Medias Azuis hai ecos máis fonéticos que léxicos, que lle dan un punto de fronteira á obra. Despois o texto de Ferrín está moi respectado no sentido de que mantemos palabras que non son moi normativas pero que están moi ben integradas. 

Cando atopas unha lingua tan depurada no proceso de adaptación podes renunciar, pero nós non o fixemos. Si eliminamos algunha expresión, poucas, que impedían a comprensión, e logo tivemos que fialo todo teatralmente: poñer algún diálogo onde non o había, coser unha estrutura onde houbese progresión. Pero atrevémonos e estou contenta co resultado. Non creo que a nosa adaptación choque co libro, senón ao contrario: penso que dá ganas de relelo. 

Hai unha escenografía bastante limpa na que as mesas son camiños, camas… 

É un espazo escénico polivalente, común para os dous contos. É, si, moi limpo, moi esquemático. Moi adaptable a dous contos de estilo diferente, un máis contemporáneo e o outro máis dun rural doutro tempo. Espazo escénico e luz van da man. Baltasar Patiño, que é un alquimista, propuxo a alfombra branca, os estaribeis… Penso que no segundo conto, por exemplo, vese perfectamente que un espazo é o cuarto do mestre e o outro o cuarto de Obdulia. 

O cuarto do mestre é o espazo de confidencias co tío, desde o que lle escribe cartas. O texto fala dunha galería desde a que se ve Portugal. Espazo e luz son decisivos na construción da historia e a estrutura escenográfica que nós temos permítenos este xogo. Baltasar pensou a iluminación, que é moi sutil, en fríos e quentes. É moi fría ou moi quente por momentos e logo hai un fondo que dá unha atmosfera de emocións nunha obra moi intensa, de grandes paixóns na que a natureza impulsa o que acontece: a néboa, a chuvia, a brétema, o sol… E todo isto forma parte do espectáculo a través da escenografía.

Vaiamos ao segundo conto, Lobosandaus. Cal é para ti o tema de fondo?

“O mestre vai mergullándose cada vez máis e toma partido pola xente do lugar, que pode ser brutal pero é profundamente humana”

É o conto matriz dos dez contos de Arraianos. Temos en primeiro lugar unhas clases altas que están aludidas pero non presentes. Un crego que non mira pola xente, que contrasta con outro crego que é o tío do mestre, o seu confidente. Este segundo crego está ademais vencellado a Basilio Álvarez, que é un dato que xa aparece ao principio da primeira escena. O Capador, que é un home con conciencia política, coñece as tertulias do tío, nas que se fala do caciquismo. É o tempo do agrarismo e nós recollemos parte do pensamento de Basilio Álvarez. Ferrín non o explicita tanto. Nós optamos por introducir no texto os cinco mandamentos do Catecismo do Labrego porque cremos que así se entende moi ben. 

O mestre chega á aldea e encóntrase co Capador. Percibe que este home o está advertindo dun perigo, pero non sabe cal. Cando despois coñece ao crego, ve que non se preocupa pola xente. O médico nin vive no lugar: vai e vén. E o xuíz de Bande mira para outro lado ante os sucesos arrepiantes que van acontecendo. O mestre vai mergullándose cada vez máis e toma partido pola xente do lugar, que pode ser brutal pero é profundamente humana e vive na absoluta precariedade. Hai unha parte de superstición, pero son feitos sobre os que existen estudos antropolóxicos e médicos. Xente con moitos traumas que se recluía na cama. A lenda e o mito din que lles entraba no corpo a alma de alguén que morrera cun desexo sen cumprir. E isto é difícil de levar ao teatro, porque podes acabar facendo unha caricatura. A franxa é delicada.

'Arraianos' de Sarabela © Rubén Vilanova

Neste segundo conto hai relacións de poder claras entre clases sociais. E relacións de xénero.

Si. Nós guindamos xa o primeiro o fío do agrarismo, cando o mestre e o Capador falan do Catecismo do Labrego. Aí a ideoloxía está explicitada. Noutros aspectos o que facemos é coser fíos. Cando Nicasio, o Capador, está no corpo de Obdulia, primeiro fala el como espectro e despois fala ela dicindo o que el dicía sobre labregos e emigrantes que contrastan coa xente estudada que non coñece o ardor da loita. 

Falabas antes de paixóns humanas intensas. O desexo está moi presente nesta obra tamén. De que maneira?

“No texto prevalece o desexo masculino e na nosa obra é máis igualitario”

O desexo está permanentemente e non asociado só ao sexo. No primeiro conto é unha promesa de namoro, de brincar, de pracer, de festa, por parte dos mozos. Pero as mozas son mulleres independentes que toman as súas decisións. O segundo conto xira máis arredor do desexo, tamén desde unha perspectiva masculina: o desexo de Nicasio por Dorinda, unha muller casada. 

O texto ten 30 anos e nós quixemos darlle unha volta desde unha perspectiva de xénero, presentando as mulleres como suxeitos e non só obxectos de desexo. Démoslle a Nicasio un pasado que non ten no texto de Ferrín. Ademais, a atracción entre Nicasio e Dorinda é mutua, pois ela tamén se sente atraída. Quero dicir, que no texto prevalece o desexo masculino e na nosa obra é máis igualitario. Turelo, o marido de Dorinda, é un home escuro. Nós facemos un Turelo máis agresor, máis represor. Ela é unha muller que quere vivir e Nicasio é simpático, faille rir, dálle vida. 

Logo hai outro tema que é a relación lésbica entre Dorinda e Obdulia. Está presentada como un resultado da posesión do corpo de Obdulia por parte da alma de Nicasio. Pero aí pode verse outra cousa. Sen esa escusa. 

“Na nosa obra, ademais, hai un percorrer mutuo dos corpos entre Obdulia e Dosinda” 

Non é un tema moi tratado na nosa literatura. María Xosé Queizán, Beatriz Dacosta, Alberto Lema… Ferrín fala dunha relación lésbica desde a perspectiva de que unha das mulleres, Obdulia, está posuída. O mestre sente repugnancia. No texto orixinal unha ponse de a cabalo da outra, representando unha o macho e a outra a femia, como nunha relación heterosexual. A nosa proposta foi introducir, por unha banda, o poema de Saramago. Pois Nicasio é un home cunha cultura e nese tempo, que é o de Nós, as mulleres xa queren igualdade. Na nosa obra, ademais, hai un percorrer mutuo dos corpos entre Obdulia e Dorinda. 

Obdulia leva anos encamada e entra Dosinda e ambas senten atracción. De todas maneiras, a escena está presentada desde distintas perspectivas: a do mestre escandalizado, a de Nicasio coa súa visión poética, a do Turelo ciumento e irado… Hai ecos de voces que recriminan o feito porque non era algo permitido naquel tempo. E aínda hoxe: a marxinalidade do lesbianismo é maior que a da homosexualidade masculina. Nós o que quixemos foi desdramatizar o feito, presentándoo como algo vital, igualitario, como un percorrido de corpos a dúas.

Houbo estudos literarios sobre Arraianos que vos servisen de apoio?

Atopei unha tese marabillosa, Esquemas míticos na narrativa curta de X.L. Méndez Ferrín. A impronta de Hermes a través do macrotexto, de María Carreira López. Despois consultei por exemplo estudos antropolóxicos -de Carmelo Lisón, por ex- e médicos, entre moita outra documentación. Fernando e eu fixemos a adaptación dos contos. E apeteceríanos facer máis contos, se fose posíbel. A obra, ademais, está empezando e vai medrar moito. Unha obra é un organismo vivo que vai evolucionando. Ademais nesta hai moitos detalles, moitos cambios… Hai que darlle tempo. 

Unha montaxe anterior de Sarabela © Sarabela

Como foi o traballo cos actores e actrices?

"En Arraianos está o equipo permanente de Sarabela e ademais están Fer González e Fran Lareu, que foi unha marabilla traballar con eles polo que se entregaron"

Fixeron achegas valiosísimas. Temos unha especie de escaleta, secuencia a secuencia. Traballamos con improvisacións, revelacións… En Arraianos está o equipo permanente de Sarabela e ademais están Fer González e Fran Lareu, que foi unha marabilla traballar con eles polo que se entregaron. Penso que o reparto está moi equilibrado. Hai moito talento e ademais están todos ao límite. É unha obra que pide moita versatilidade e non permite parar. Os intérpretes teñen que atravesar emocións moi diversas, con personaxes misteriosos e moi exixentes. Con moita acción, moitas emocións e moitas transformacións. E iso require veteranía e entrega. 

É importante tamén a música. 

Vadim Yukhnevich fai a composición musical, unha música ao vivo que dá temperatura e emoción. Xa traballara con nós noutras obras. E xa é un músico actor, coa experiencia que ten. Ten unha presenza impresionante e ademais moita capacidade de captar a atmosfera teatral. A canción de Arraianos é de Fernando Dacosta. O campo sonoro é de Renatta Codda. O son dá dinamismo, crea atmosfera, clima emocional… O vestiario é de Tegra V. Carpentier, Lele Álvarez e Sarabela. 

Tamén son un elemento relevante para a historia as máscaras. 

"Arraianos é o misterio, o erotismo, a miseria, a conciencia e a grandeza da alma e da vida"

Si. Son de Iris Branco, que fixo as máscaras e as sombras. A máscara está pensada en primeiro lugar para unha escena conceptual que é o pesadelo do mestre, que ve os habitantes da aldea con ollos de vaca. Para multiplicar esta imaxe cada actor leva nove máscaras, tres en cada man e tres na cara. Tamén hai máscaras na escena dos torturadores, da represión. E tamén hai máscaras na transición entre o primeiro e o segundo conto. 

Como resumirías en poucas palabras o que é Arraianos?

Arraianos é, como escribín no dossier da obra, o misterio, o erotismo, a miseria, a conciencia e a grandeza da alma e da vida. En historias de meigas, de caciquismo e de agrarismo. Ferrín é a esencia, a raíz, a identidade, o compromiso. Un autor único que ten as dúas cousas: unha potencia literaria extraordinaria e un compromiso sempre fervendo. É un home absolutamente comprometido co país. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.