"Sen ter coñecido a Begoña Caamaño, teño a sensación de que a coñecemos ben, de que conectamos con ela"

Sabela Gago e Elena Seijo, en 'Morgana en Esmelle' de Sarabela Teatro © Ovidio Aldegunde

A obra de Begoña Caamaño perpetuouse de diferentes maneiras desde o seu falecemento. E unha delas vén de comezar a súa andaina: a montaxe Morgana en Esmelle de Sarabela. A compañía ourensá procura a esencia da novela desta autora na sororidade, na loita contra a inxustiza, na responsabilidade fronte aos propios actos ou na reivindicación do mundo da sabedoría e da igualdade fronte ás oligarquías baseadas na anestesia xeneralizada da poboación. Falamos coa directora, Ánxeles Cuña, dunha obra da que poden subliñarse, entre outros aspectos, a escenografía, o vestiario ou o espazo sonoro.

A idea de facer ‘Morgana en Esmelle’ viña de moi atrás?

Non nos decatabamos de que se cumprían os dez anos da publicación. Viñamos de facer A lingua das bolboretas e foi como pasa sempre: e agora, que? Despois de ter representado moitas obras da dramaturxia contemporánea non pensabamos facer outra adaptación, pero ao final xurdiu esta posibilidade de traballar coa novela de Begoña Caamaño a abrazámola con paixón. Porque ela é un auténtico imán e porque a obra é inmensa e fascinante. A nivel temático ten a crítica do sexismo e da discriminación; ten a revisión do mito levando as mulleres ao primeiro plano e ten moitos niveis de lectura posibles. Tivemos que sacrificar elementos, narratividade, darlle unha estrutura e un tempo e un espazo que non son os da novela.

Falando diso, a escenografía é moi importante para marcar as mudanzas de espazo. A luz, o vídeo, as cores… Como se pensou?

“Temos un equipo solidísimo e iso axudou moito. Todo está moi pensado”

Temos un equipo solidísimo e iso axudou moito. Todo está moi pensado: os signos, por exemplo, que son moi importantes. Unha cruz é a catedral dunha voda… Con Pedro Fresneda, o escenógrafo, xa traballaramos antes. Un espazo baleiro permite transitar polos distintos lugares nos que se desenvolve a historia: Avalon, Tintaxel, Camelot e Esmelle. Para as transicións usamos catro pezas de videoarte de Terser Home (Carlos Lago), que fixo un traballo fantástico: cada minuto é un mes de traballo. Foi unha festa que dixese que si: ademais é a primeira vez que traballa para teatro.

Estes vídeos van acompañando o ritmo, cun fondo de música de Mercedes Peón. Créase, así, unha atmosfera harmonizada co son que axuda o espectador a ubicarse. As cores teñen que ver coas emocións, co paso do tempo, coa espacialización, coas partes máis oníricas… Non é un tempo lineal, senón que pega choutos, vai para adiante a para atrás… É unha obra complexa e o tratamento do espazo dálle énfase á interpretación do equipo actoral, con obxectos mínimos: un trono, un banco e pouco máis.

Quico Cadaval, Fernando Dacosta, Fina Calleja e Laura Míguez, en 'Morgana en Esmelle' de Sarabela Teatro © Ovidio Aldegunde

O vestiario é tamén moi axeitado…

“Estabamos montando unha obra de realismo máxico contemporáneo pero, como facela?”

Ruth D. Pereira fixo un vestiario marabilloso, un traballo que é tamén escenográfico. Unha creación maxistral: temos, por exemplo, unha Morgana nena, adolescente, muller de 20, 30 e 40 anos, muller maior… Unha evolución no tempo que require unha transformación moi detallada, e que Ruth fixo moi ben. Despois tamén temos unha dramatización da dramaturxia co movemento e para iso contamos co traballo de dous coreógrafos: Ana B. Pérez e Armando Martén.

Por exemplo, nas escenas de amor. Na rememoración do amor da adolescencia, en flashback, de Merlín e Viviana. Ou na en realidade violación por engano que enxendra a Artur, para a que nos inspiramos no rapto de Proserpina. Tiñamos claro que precisabamos profesionais coma eles para resolver este tipo de escenas. E foi unha marabilla: unha comunicación fluída, unha entrega total… É un privilexio traballar con xente de tan elevado nivel e tan entregada. Porque estabamos montando unha obra de realismo máxico contemporáneo pero, como facela? Begoña Caamaño deixara a despensa chea, pero nós tiñamos que seleccionar moi ben o material.

E como resumirías a conexión entre a traxectoria de Sarabela e Morgana en Esmelle?

“Unha amiga de Begoña díxome que ao ver a nosa Morgana en Esmelle vía a Begoña” 

Begoña era unha muller dunha ollada única, intelixente, sensible… A nivel temático compartimos preocupación pola liberdade, a dignidade, a loita contra a discriminación… Ela crea unha serie de pontes épicas, poéticas e políticas coa materia de Bretaña. Nós, Sarabela, fixemos hai pouco Semente de Nós, sobre a xeración Nós. Aínda que nun marco diferente, en ambas está a idea da construción dun proxecto europeo. Unha amiga de Begoña díxome que ao ver a nosa Morgana en Esmelle vía a Begoña.

Penso que non nos poden dicir nada mellor… Nós fixemos a montaxe con absoluto amor, tentando manter a súa esencia, vertebrando a historia desde a idea da sororidade: dúas mulleres que están nas antípodas pero que, e nós traballamos ese aspecto xa xestualmente, precisan encontrarse para superar a súa infelicidade. Morgana, ademais, descóbrese como unha muller nin mellor nin peor que as demais… Non é, ademais, nada fácil tratar un tema tan presente na obra como a culpa. Non sei, pero teño a sensación de que, sen coñecer a Begoña Caamaño, coñézoa, conectamos moi ben coa súa obra.

Citas o tema da culpa. A obra de Begoña Caamaño vai moito máis alá da culpa cristiá no sentido de dor e do arrepentimento para volver, despois, moitas veces, facer o mesmo. Fala de responsabilizarse dos propios actos e de asumir as consecuencias, que é bastante diferente. Nese sentido, todos os personaxes están moi humanizados e non hai bos nin malos: Morgana asume que é como os demais, Merlín decátase do dano feito…

“Fala, en realidade, non da culpa que acaba tras pedir perdón, senón da responsabilidade que se mantén, da necesidade de comprometerse, de implicarse”

Iso atravesa toda a obra, que empeza xa cun flashback: un Merlín que xa non arela dominar o mundo. Despois entendemos o que fixo e el recoñece que fixo moito mal. Mais non é o enfoque cristián e occidental da culpa, é o mundo pagán e matriarcal de Morgana e Viviana, de mulleres fortes que buscan o ben común, fronte a Merlín, que co seu discurso non se sabe ata que punto busca o ben dos demais ou o propio poder. Merlín é retratado de maior, cando está canso, pero antes fíxoas ben gordas.... E a visión lúcida de Begoña evita o maniqueísmo. Fala, en realidade, do dereito, da lexitimidade de actuar, dos actos que teñen consecuencias. Non da culpa que acaba tras pedir perdón, senón da responsabilidade que se mantén, da necesidade de comprometerse, de implicarse.

De fondo hai un contraste entre dous mundos: a superstición e a razón, a sabedoría e a ignorancia, a igualdade e o elitismo -a oligarquía, que é o que temos-. Viviana por un lado e Merlín -o patriarcado- polo outro. 

“Hai unha esperanza nun mundo máis igualitario e xusto, mais tamén hai paisaxes desoladas”

Si, iso está de fondo. E o mito está aí por algo: o proxecto da unificación europea está tamén por debaixo. A materia de Bretaña é iso. Unificación dos pobos, salvar Britania pero, sacrificando que? Pasando por enriba de que? Hai unha esperanza nun mundo máis igualitario e xusto, mais tamén hai paisaxes desoladas… Ademais ten moito que ver con hoxe, co noso mundo distópico. É unha obra, como dicía, complexa, profunda, fragmentaria e poliédrica.

Un intre da representación de 'Morgana en Esmelle', con Fernando Dacosta, Elena Seijo e Quico Cadaval © Ovidio Aldegunde

Citabamos antes a música de Mercedes Peón, pero hai máis.

A música de Mercedes Peón é moi importante nas catro transicións das que falabamos antes. O ritmo era perfecto. O espazo sonoro é moi importante para crear atmosferas, marcar ritmos, emocións. E o son está moi ben dosificado. Toda a obra está moi segmentada en secuencias que supoñen xiros e que a música reforza moito. Nos momentos coreográficos que sinalaba antes a música é vital. Sen elementos como a música as pezas non encaixarían. E iso que levamos só seis funcións, pasando meses entre parte delas. Agora temos que alimentar a criatura.

“Son moitos matices interpretativos que requiren o uso de diferentes técnicas…”

Pero é o bo que ten ter un equipazo… Son moitos matices interpretativos que requiren o uso de diferentes técnicas… Merlín é un home maior pero pasou por distintas etapas; Morgana é unha muller nova pero na nosa montaxe vémola desde que é pequena ata que é unha muller maior… Todos os personaxes pasan por distintas etapas, todos evolúen, e os seis actores e actrices están marabillosos. Fernando Dacosta ten cinco personaxes; Elena Seijo interpreta unha Bibiana moi sobria e contundente; Sabela Gago é Igraine, unha muller forte pero rota e ferida; Fina Calleja é unha Xenebra con moitos matices… Fina fixo tamén un traballo de produción estupendo que quero salientar.

Os dous intérpretes que non son de Sarabela son Quico Cadaval -que dá un Merlín moi convincente- e Laura Míguez, Morgana. Como os escollestes?

"A nosa Morgana en Esmelle perpetúa a obra dunha autora desaparecida través doutra linguaxe, da linguaxe teatral, e iso tamén é moi lindo"

Pois axudaron os paseos pola natureza. Vin claro que Merlín, fisicamente, era Quico, que é un narrador oral do mellor e un autor incrible, pero tamén unha persoa cunha axenda moi complicada e afeita a traballar máis soa. Foi unha sorte que dixese que si e ademais acertei, porque é o Merlín perfecto. É unha obra, ademais, que exixe dos actores moi diferentes rexistros, moito movemento… Hai moitas emocións a tratar con veracidade, e os actores e actrices desde logo que o conseguen. Para Morgana, o imaxinario colectivo entende que é unha muller na trintena e tamén tiven claro que Laura Míguez podía facelo moi ben. E así é.

Falabamos antes de que a obra leva poucas funcións. Como directora, que che gustaría que mellorase cando levedes máis?

Ao ir facendo máis funcións todo se volve máis orgánico, todo flúe de xeito máis redondo porque, como diciamos, hai que afacerse a moitos cambios, moitos tempos distintos… Chega un momento en que unha obra camiña soa e para iso precísanse varias funcións. Ademais, vas introducindo melloras. Sacrificamos, por exemplo, un conto de Merlín para que a obra progresase mellor. Por outra banda, estamos a facer unha obra que, como pasaba con O lapis do carpinteiro, algúns espectadores xa coñecían e outros que non a coñecían quedaban con ganas de lela. A nosa Morgana en Esmelle perpetúa, nese sentido, a obra de Begoña Caamaño, unha autora desaparecida, a través doutra linguaxe, da linguaxe teatral, e iso tamén é moi lindo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.