A noticia do falecemento de Begoña Caamaño estendeuse rapidamente dende as últimas horas da mañá deste luns espertando de inmediato unha reacción unánime de tristura e recoñecemento para esta xornalita, escritora e activista social nacida no barrio vigués do Calvario. Nas últimas horas amigas, amigos, entidades sociais coas que colaborou e moitas outras persoas e colectivos expresaron o seu pesar en artigos e comentarios nas redes sociais. Begoña Caamaño será despedida este martes ás 15 horas nunha cerimonia civil no cemiterio compostelán de Boisaca.
"O entendemento mutuo entre as mulleres, a sororidade, é unha arma de defensa e de empoderamento que só pode facernos máis fortes e máis libres. Eu aposto polo achegamento entre mulleres, sobre todo cando as supostas rivalidades son falsas, ou froito das circunstancias e non da vontade de facer dano", destacou na entrevista que lle fixo Montse Dopico hai dous anos, trala publicación de Morgana en Esmelle. E, abofé, o activismo feminista de Begoña Caamaño, "a voz lila da nosa literatura", é hoxe un dos aspectos máis louvados por moitas das persoas que lle dedican unha lembranza pública.
María Reimóndez escribe que "hoxe sinto máis ca nunca que, nos tempos que corren, construír unha comunidade dos afectos é o maior acto de subversión que unha persoa pode exercer"
Nun artigo en Sermos Galiza, María Reimóndez escribe que "hoxe sinto máis ca nunca que, nos tempos que corren, construír unha comunidade dos afectos é o maior acto de subversión que unha persoa pode exercer. Rachar cos ditados do sangue, dos foros da familia, da envexa, da competitividade, do militarismo, dos estados, da división constante e permanente das mulleres, mesmo literal, desmembradas en anacos metafóricos e literais". Reimóndez conclúe que "por moito que haxa quen tentase reducir ese traballo minucioso, feminista e demorado a unha reescrita do pasado, nosoutras sabemos que, en realidade, Begoña sempre reescribiu o futuro. A nosa homenaxe a ela será facelo realidade cada día".
En twitter e noutras redes sociais son moitas as reaccións ao pasamento de Begoña Caamaño, dende o recoñecemento e a tristura. "Circe e Morgana continuarán a nos abrazar a ti, día a día, Begoña" (Mercedes Queixas), "Choramos todas. Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega" (Carme Adán), "No meu círculo de concordancias e afinidades hai un oco. Amiga Begoña Caamaño, esparexe sobre a nación e as amigas, as moutas da túa enerxía" (Carme Hermida), "Begoña Caamaño, fada das fragas nosas, déixasnos a taza do fermento que ha levedar un mundo máis digno e máis xusto" (Helena Villar), "A cultura galega perde pulso sen Begoña Caamaño" (Fran Alonso) ou "Begonha Caamanho, sit tibi terra levis. Quédannos as túas palabras, pero somos egoístas e queríamos máis" (Debora Campos) son só algunhas delas.
X.M. Eyre: "Hoxe é un día negro para a literatura deste país, e tamén para o feminismo, e tamén para +s que loitan contra o poder e erguen a súa voz en nome dos eternamente perdedores porque a súa versión da historia é ben outra"
De igual xeito, Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega, no que traballou durante anos, destacou esta mañá que "a luminosidade e a ousadía de pensar nutren a obra de Begoña Caamaño". Ou Cándido Pazó, que a través do Facebook lle dedica unha emocionada despedida a unha amiga de vello: "Hoxe non podo pór imaxe ningunha porque a que gustaría de pór só está na miña cabeza e no meu corazón. A de aquel día de 1978, cando vin entrar polo portal do instituto, Coia 2, unha mociña de 1º de B.U.P. que chamaba a atención pola aura de frescura e alegría que a rodeaba".
Reaccións que se repiten en blogs culturais e por parte de entidades culturais e en defensa da lingua. Ramón Nicolás escribe, por exemplo, "nesas palabras que teceu como unha nova Penélope latexa a súa bondade e o seu sorriso tan inesquecible. Con elas gañou un espazo único e perdurable para a literatura, para nós". Xosé Manuel Eyre subliña que "hoxe é un día negro para a literatura deste país, e tamén para o feminismo, e tamén para +s que loitan contra o poder e erguen a súa voz en nome dos eternamente perdedores porque a súa versión da historia é ben outra. Deixas, Begoña, un oco que ninguén poderá encher, mais oxalá que a lección da túa vida haxa quen a saiba entender". E Manuel Bragado sinala que "estremece o pasamento de Begoña Caamaño da que nunca esqueceremos a súa ledicia rebelde e a súa obra literaria feminista e antipatriarcal. Admireina como narradora serodia, autora de dúas grandes novelas publicadas por Galaxia, intensas e labradas con primor, nas que revisou mitos clásicos en clave feminista, que a situaron como unha das escritoras máis recoñecidas e admiradas do noso tempo".
A propia editorial Galaxia destaca que "Begoña Caamaño era, sen lugar a dúbidas, unha das voces máis singulares da literatura galega actual. A nova, sacudindo as redes dende o instante exacto no que se coñeceu, foi acompañada dunha etiqueta moi precisa: ela era 'a voz lila da nosa literatura'". E a Mesa pola Normalización Lingüística lembra a súa condición de "incansábel defensora da nosa lingua, que enriqueceu coa súa recoñecida obra de creación literaria, destacou pola súa importante traxectoria como xornalista e por ser unha muller solidaria con moitas causas xustas, entre as que salienta o seu compromiso feminista".
Outros colectivos sociais tamén lamentan o seu pasamento, lembrando o seu carácter combativo: "O feminismo na Galiza hoje temos o coraçom encolhido pola morte da nossa irma Begonha Caamanho mais com força para seguir a tua luita sempre" (MNG) ou "Ceivar lamenta hoje o falecimento de Begonha Caamanho, pessoa solidária e amiga d@s pres@s independentistas galeg@s" (Ceivar).
Carlos Negro: "Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome"
De igual xeito, nun artigo en Sermos Galiza Goretti Sanmartín chama a ser "esporas" para estender o legado de palabras e compromiso de Begoña Caamaño: "Arroupadas todas nós coas palabras dos volumes que aínda fican nas bibliotecas, nas librarías, nas casas particulares, a agardaren o momento de se entrelazaren con tantas outras obras e persoas. Porque persoas e esporas conteñen as mesmas letras, andamos xa neste tempo a esparexer a riqueza do seu legado". E en Praza Carlos Negro escríbelle unha derradeira carta que comeza "Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome" e péchase dicíndolle "debes saber, nestas horas de tránsito incerto, que agardamos por ti, conscientes e solidarias, na illa onde nacer muller nunca será unha condena".
E, en xeral, todas as reaccións e palabras lembran hoxe a Begoña Caamaño persoa, a que, coma no cuestionario Proust que publicou Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica, destacaba "a alegría" como principal trazo de carácter e que como lema vital escollía, simplemente o de que "canto máis feliz sexan os demais, máis feliz serei eu".