'Ensaio sobre a cegueira': Saramago segundo Sarabela Teatro

Preparación de 'Ensaio sobre a cegueira' Dominio Público Sarabela Teatro

“É unha obra que abre como un calidoscopio, con múltiples interpretacións e cunha interesante reflexión sobre a alerta e a responsabilidade de ter os ollos abertos cando se perde a vista”. Con estas palabras, a directora teatral Ánxeles Cuña Bóveda define Ensaio sobre a cegueira, a obra de José Saramago que a compañía Sarabela Teatro levará á escena nunha montaxe que se estreará no Auditorio Municipal de Ourense o próximo 24 de setembro. Deste xeito, a compañía -que este ano cumpre 35 anos de andaina artística- adaptará para o teatro unha das novelas máis destacadas do Nobel portugués, na que se nos presenta un relato de ruído e furia, de violencia e colapso, sobre unha pandemia de cegueira branca que deixa ás escuras á sociedade. “É un libro desacougante, no que agroma o máis perverso do ser humano, cheo de desesperanzas e angurias”, sinala Cuña Bóveda sobre un libro que “non é panfletario, mais si ideolóxico”. Coa adaptación deste título, Sarabela cumpre cun “desexo imperioso”, xa que a formación tentou levala a cabo fai anos. Daquela foi imposible por unha cuestión de dereitos de autor. Neste setembro, farase realidade.

Cun total de nove intérpretes no escenario, o Ensaio sobre a cegueira de Sarabela será, ademais, o único gran formato da temporada teatral apoiada pola Agadic a través das subvencións da produción escénica. Deste modo, a compañía regresa á realizar producións de gran tamaño tras “dous anos centrados no mediano formato” e nun momento que, para Cuña Bóveda, se está a vivir unha “ferida aberta á profesión”. “Sufrimos todos unha gran incerteza e sobrevivimos con gran anguria. É un momento de resistencia diaria para nós e para todas as compañías”, sinala a directora teatral, que ten claro cales son as principais causas polas que principiou a hemorraxia. “O IVE do 21%, o máis elevado de Europa, é unha auténtica ferida. Despois, sabemos que hai recortes graves na sanidade e na educación, mais tamén nos sectores culturais vivimos un ataque brutal. Falamos dun recorte do 50% na cultura”, explica.

“Sufrimos todos unha gran incerteza e sobrevivimos con gran anguria. É un momento de resistencia diaria para nós e para todas as compañías”, sinala a directora teatral

Malia todo, Cuña Bóveda recoñece que “o perigo sempre está aí”, pero que “o teatro non vai morrer”. Quizais, esa é a certeza que leva a Sarabela a asumir un reto como é Ensaio sobre a Cegueira. “É unha obra moi complexa. E conta cun risco claro: trátase dunha obra moi coñecida, é unha novela moi coñecida e existe unha película. Agora levámola a outra linguaxe, ao teatral”, sinala Ánxeles Cuña, facendo referencia á adaptación cinematográfica dirixida por Fernando Meirelles no ano 2008 baixo o título de Blindness. As referencias, audiovisuais e literarias, arrodean así a unha adaptación da que cómpre destacar que será a primeira realizada sobre a novela no estado español. Cando menos no ámbito profesional, xa que o grupo No es culpa nuestra, formación universitaria madrileña, levou a cabo un primeiro achegamento no 2011. Prodúcese así unha circunstancia semellante á que viviu a montaxe de Viaxe a ningunha parte de Sarabela Teatro en 2013, coa que a compañía realizou a primeira versión teatral dun título referencial de Fernando Fernán Gómez e que, un ano e medio despois da visión de Sarabela, levaría á escena o Centro Dramático Nacional de Ernesto Caballero.

 

“Absolutamente teatral”

Ánxeles Cuña recoñece a complexidade da novela, máis tamén destaca que é un libro “absolutamente teatral"

Ánxeles Cuña recoñece a complexidade da novela, máis tamén destaca que é un libro “absolutamente teatral”. Principalmente, por unha estrutura que se reproducirá ao longo da obra e que se resume en tres momentos. O primeiro deles céntrase no estoupido, no inicio da andazo que Saramago exemplificaba cun primeiro afectado, un condutor incapaz de arrincar o seu coche diante dun semáforo. Ficou cego. Só enxerga unha luz branca. Máis nada. Acto seguido, chega a parte central do libro, cando os afectados son recluídos nun centro en corentena. Aí chega o colapso, o abandono, a violencia, as escenas máis crúas e os actos humanos máis desapiadados. En definitiva, unha busca pola supervivencia a calquera prezo. O terceiro movemento retrata a fuxida dos protagonistas dese refuxio convertido en cárcere. Así regresan ao mundo, así retornan a unha cidade -a súa, a de calquera- arrasada. “A obra, con todos os seus elementos, funciona como unha reloxería complexa”, conclúe Cuña Bóveda.

Para levala á linguaxe teatral, Sarabela conta coa participación do cineasta Jorge Coira e de Gaspar Broullón, que achegan unha parte da engrenaxe a través de distintos fragmentos audiovisuais. Todos eles foron rodados no primeiro tramo dos ensaios da obra, aló polo mes de xullo, no vello psiquiátrico de Toén. Até ese lugar, trasladouse o conxunto do elenco -formado por Josito Porto, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Nate Borrajo, Xabier Estévez, Vicente Montoto, Elena Seijo, Jorge Casas e Sabela Gago-, como tamén dun nutrido grupo de figurantes para gravar algunhas imaxes que se reproducirán na montaxe. “As imaxes gravadas por Coira amosan a presión do ambiente, esa que non se ve. Nótase a influencia da dor, creo que transmiten esas sensación. En realidade, coido que as imaxes son unha actriz máis da montaxe”, sinala Josito Porto, un dos nove intérpretes da peza.

Para levala á linguaxe teatral, Sarabela conta coa participación do cineasta Jorge Coira e de Gaspar Broullón, que achegan unha parte da engrenaxe a través de distintos fragmentos audiovisuais

Porto, ademais, tamén destaca a importancia dese lugar para a preparación da obra por parte do corpo actoral, xa que se desenvolveron diversas actividades e exercicios, como entrar a cegas no espazo, en ringleira, coas mans duns no ombreiro do outro, do mesmo xeito que os personaxes cegos avanzan nalgúns pasaxes da novela. “Visitar o lugar foi unha experiencia alucinante, entras nun espazo de sensacións, que desprende dor, desprende enfermidade. Aquel nivel de confusión que confire o lugar serve para o que viven os personaxes”, remata Porto. 

 

“Erguer a letra dos libros”

Sarabela continúa unha liña de produción que ao longo da súa historia levou a compañía a adaptar diversas novela

Coa versión teatral de Ensaio sobre a cegueira, Sarabela continúa unha liña de produción que ao longo da súa historia levou a compañía a adaptar diversas novelas. A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, entra nese tipo de interese teatral e resulta ser un dos textos máis queridos pola formación, xa que se trata da única das súas montaxe que repetiron dúas veces no seu periplo. A primeira delas en 1996 e a segunda, en 2009. Despois, chegaríalle o momento a O lapis do carpinteiro, no ano 2000. “Esa foi unha gran experiencia, sobre todo pola liberdade e xenerosidade que nos brindou Manuel Rivas. Daquela época, quedoume gravada unha frase: 'A peor doenza é non ter conciencia'”, admite Cuña Bóveda. En 2013, chegoulle a quenda á xa citada Viaxe a ningunha parte e neste 2015, Ensaio sobre a cegueira collerá volume grazas a Sarabela e a que, dende fai moito tempo, “os límites dos xéneros non son os que eran, mutaron”. “É, sinxelamente, erguer a letra dos libros”.

Cartel provisional da obra © Sarabela Teatro
José Saramago CC-BY-NC Juanky Pamies Alcubilla
Preparación de 'Ensaio sobre a cegueira' © Sarabela Teatro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.