Dos lavadoiros á Revolução dos Cravos: as curtas galegas na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

Fotograma da curtametraxe 'Lavadoiro', de Ana Amado e Lois Patiño © Ana Amado

Catro obras audiovisuais galegas compiten na 19º edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) que organiza o Museo do Pobo Galego ata o 26 de marzo en Compostela. Son Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño; A revolución (é) probábel, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; Habitar, de Anxos Fazáns; e 12 de maio de 1937, de Mar Caldas.

Pode o corpo ser unha casa? Como rematou a revolución do 25 de abril? Por que os lavadoiros eran espazos de liberdade para as mulleres? Que pasa cando volves ao lugar onde fusilaron o teu avó? Estas catro curtametraxes abordan desde diferentes perspectivas a identidade, a Memoria Histórica e a historia das mulleres que ficou nas marxes.

Fotograma da curta de Mar Caldas '12 de maio de 1937' © Mar Caldas

“A indagación e a reflexión desde o cine sobre aquilo que somos colectivamente é unha das constantes na produción cinematográfica galega desde hai décadas. E chega até a actualidade”, salientan na MICE, que nesta edición pon o foco na ollada do cinema etnográfico sobre o político, sen perder de vista unha das súas constantes: a visibilización das mulleres cineastas que abordan a realización do cinema etnográfico.

Os lavadoiros eran espazos de mulleres fóra do fogar. Lugares de reunión permitidos e nos que os homes non escoitaban as súas conversas. “Contan que era un traballo moi duro, pero para moitas tamén era una unha vía de escape”, explica a directora da curta Lavadoiros Ana Amado, que realiza xunto a Lois Patiño a súa primeira peza cinematográfica.

"Contan que era un traballo moi duro, pero para moitas o lavadoiro tamén era una unha vía de escape", explica Ana Amado

Como fotógrafa e artista visual, Ana Amado leva varios anos co foco nas mulleres de maior idade, infravaloradas tanto no social como no económico. Cando o arquitecto Carlos Seoane rematou a recuperación do lavadoiro de Artes, en Corrubedo (Ribeira), unha lámina de auga de trinta metros de lonxitude, chamouna como noutros proxectos para que o fotografase. Ela levou consigo unha saba para xogar con ela como atrezzo nas imaxes. E aí xurdiu a idea de facer algo máis performático, incorporando as mulleres que ocupaban (e ocupan) eses espazos.

“A partir das gravacións de entrevistas con mulleres do Barbanza que me contaron os seus recordos ligados ao mundo dos lavadoiros fun fiando o guión da curta, mentres ía compartindo todo con Lois. Así fomos tecendo a curta, grazas tamén a xente do Barbanza que me axudou moitísimo, en concreto Irene Maneiro, Javier Oujo e Ovidio Queiruga, que coñecen moi ben a zona tamén desde o punto de vista patrimonial e me puxeron en contacto coas mulleres que entrevistei; e deles foi a idea de gravar en dous lavadoiros máis ademais do de Artes. Fixemos unha especie de metáfora simbolizando o percorrido dun río que nace na poza do lavadoiro de San Tomé (en Porto do Son), onde as mulleres ían lavar roupas de mortos e de partos; ese río transcorrería cara ao punto central, que sería o lavadoiro de Artes, onde se fai grande; e logo desembocaría no lavadoiro de Penisqueira (en Aguiño) que está na praia xusto ao lado do mar. Ao tempo que se fai este percorrido, na curta van aparecendo once mulleres que se van sumando á trama. É unha homenaxe a este mundo pasado, case como unha despedida poética”, debulla Ana Amado. 

Fotograma da curtametraxe de Anxos Fazáns 'Habitar' © Anxos Fazáns

José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista, foi fusilado no monte do Castro, en Vigo, o 12 de maio de 1937 polos golpistas. A fotógrafa, artista plástica e profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes en Pontevedra Mar Caldas conta na curtametraxe 12 de maio de 1937 o acontecemento máis traumático da súa familia, o fusilamento do seu avó, e como chegou a ela a partir das mulleres, principalmente da súa nai, a súa tía e mais a súa avoa. É un proxecto de longo percorrido, hai máis de doce anos que pensou en darlle forma a partir das fotografías familiares que lle quedaban e gravou a súa nai explicando quen aparece nelas e as historias que lembraba.

"Preocupábame que ao contalo quedara demasiado nunha historia familiar, que a emocionalidade lle restase carga política", sinala Mar Caldas sobre a curta 12 de maio de 1937

“Non acababa de saber que forma darlle, tiña claro o formato audiovisual pero non quería empregar entrevistas como tal. Preocupábame que ao contalo quedara demasiado nunha historia familiar, que a emocionalidade lle restase carga política. Tamén que a historia que eu coñezo a través das mulleres da miña familia, que son as que conservan a memoria, anulase a violencia diaria que elas sufriron ao longo dos anos por contar a brutal violencia que supón un fusilamento”, detalla Mar Caldas, que atopou a fórmula introducindo a súa mirada feminista e empregando ademais fotografías do arquivo Pacheco, que lle permite cruzar o límite familiar e retratar un momento da nosa Historia.

“Un montón de fotos de Pacheco se me cruzaron coas poucas fotos familiares que tiño e fun facendo un vaivén entre unhas e outras, volvendo tamén aos sitios e retratándoos no presente mentres falo do que acontecía no pasado. Da historia individual á historia colectiva, na peza tamén hai unha reflexión metafotográfica ao falar de forma máis analítica desas imaxes históricas, que me permitiu distanciarme un pouco emocionalmente”, conta Caldas, que se encarga de conducir a curta a través dunha voz en off.

Tanto Lavadoiros como 12 de maio de 1937 poden verse este sábado na MICE ás oito da tarde no Teatro Principal de Santiago.

Fotograma da curta 'A revolución (é) probable' © María Ruido, Paula Barreiro-López, Lee Douglas

En Habitar Anxos Fazáns realiza un retrato íntimo de Nicolás Martínez, O Rabelo, Xácia Ceive e Greta Debelius

Este xoves tivo lugar o pase das dúas primeiras curtas galegas no Salón Teatro de Santiago. En Habitar a cineasta pontevedresa Anxos Fazáns realiza un retrato íntimo de Nicolás Martínez, O Rabelo, Xácia Ceive e Greta Debelius no que trata de responder as perguntas: Pode un corpo ser unha casa? Que é un fogar? Cuestións sobre a construción das identidades que interpelan a catro persoas transxénero e non binarias.

Para que serve unha revolución? Pregúntanse María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas na peza A Revolución (é) Probable, unha coprodución con Portugal que toma como caso de estudo a última das grandes revolucións europeas, a que tivo o seu comezo o 25 de abril de 1974 en Portugal, profundando nas súas raíces coloniais e reflexionando sobre o seu final o 25 de novembro de 1975. Un ensaio audiovisual construído a partir de algúns dos traballos cinematográficos máis importantes do 25 de abril e con materiais de arquivo televisivo e das cooperativas cinematográficas xurdidas ao abeiro do proceso revolucionario. Na curta, as autoras reflexionan sobre a forza política destas imaxes, e sobre o papel dos arquivos, o cinema, os medios de comunicación e, en xeral, a representación das loitas contemporáneas. A cerimonia de entrega de premios da MICE celebrarase o domingo 24, ás 12.30 horas, no Auditorio do Museo do Pobo Galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.