As mulleres dominan a programación da Mostra de Cinema Etnográfico, que se abre cunha homenaxe a Dorothé Schubarth

Presentación da programación da 19ª edición da MICE, este mércores © MPG

Poderán verse 70 pezas procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Na sección oficial, as mulleres asinan 8 dos 13 traballos

A Mostra de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebra a súa 19ª edición entre o 20 e o 26 de marzo en Compostela. Será unha semana na que se poderán 70 pezas (12 delas estreas) procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. As mulleres son responsables da metade dos títulos e son maioría entre as directoras dos filmes que compiten na sección oficial, pois asinan 8 das 13 películas. Un bo exemplo da presenza feminina que a Mostra leva mantendo dende o seu inicio, sempre dirixida por unha muller e cunha sección específica para filmes asinados por mulleres.

Ademais, a Mostra abrirase coa estrea de 586 cantos. O proxecto, impulsado polo Festival, será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE. O punto de partida é o valiosísimo material de arquivo depositado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo en Galicia entre os anos 1979 e 1984 por Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego.

Dorothé Schubarth, á dereita, nunha das súas recollidas © MPG

A mostra ábrese coa estrea de 586 cantos, unha homenaxe a Dorothé Schubarth, falecida en 2023

Na programación destaca tamén o foco sobre Cecilia Mangini, pioneira do cinema documental italiano, realizado pola chilena Carolina Astudillo. A cineasta porá en relación a obra da considerada como a "Agnès Varda italiana" coa súa propia filmografía, nun total de tres sesións que suporán tamén a estrea mundial do último filme de Astudillo, Postal.  

A cineasta Sabela Souto é a artífice dun audiovisual que parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao textil na comarca de Verín

Coa ollada do cinema etnográfico sobre o político artellando toda a programación, a peza que acompaña esta 19 MICE e a imaxe gráfica derivada dela teñen igualmente autoría feminina. A cineasta Sabela Souto é a artífice dun audiovisual que parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao textil na comarca de Verín, asentada na aldea da Pousa (Monterrei) e no que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres. 

Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en catro espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, o Salón Teatro e NUMAX. A grella e toda a información sobre como adquirir os billetes poden consultarse na web do festival mice.museodopobo.gal.

Seccións oficiais

Trece traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, nove deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego

Trece traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, nove deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos a premier de With Love, Stela, de Stela Roxana Pascal; as estreas en España de Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić; Riada, de Carlos Tobón; 西昆 (Vida e morte en Xikún), de Jiandong Huang; e The Guardians of the Flame, de Daniel Wolff. Tamén, as estreas en Galicia de TaxiBol, de Flavio Armone; Onde fica esta rua?, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Matao; El Signo Vacío, de Kathryn Ramey; Sew To Say, de Rakel Aguirre; e 12 de maio de 1937, de Mar Caldas. 

Completan a sección oficial os filmes A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; Habitar, de Anxos Fazáns; e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño. Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público.

Algúns dos filmes que se poderán ver na 19ª edición da MICE © MPG

A Transición Política e o cine

A sección Trazas pon o foco este ano na Transición democrática e o cinema galego

A sección Trazas, desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela e o Consello da Cultura Galega, pon o foco este ano na Transición democrática e o cinema galego. Haberá tres sesións de debate, coordinadas pola produtora Beli Martínez e o historiador de cinema José Manuel Sande.  

En paralelo, o programa de Trazas inclúe tres sesións de proxeccións, nas que poderán verse Conxo, unha experiencia, de Manolo Abad; CCCV, de Ramiro Ledo Cordeiro; A lei da terra, do Colectivo Grupo Zero; un conxunto de curtametraxes de Manoel da Costa; o censurado filme Rocío, de Fernando Ruiz Vergara; e a curtametraxe Andalucía 28F, de Nonio Parejo.

Un festival "único en Galicia"

Sutil destacou a “profesionalidade, a calidade dos contidos e a especialización nun cinema etnográfico, que fai que este sexa un festival único en Galicia"

A programación desta 19ª edición foi presentada este mércores coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; e a autora da imaxe e da peza de autor da 19 MICE, Sabela Souto, ademais de representantes do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia: Míriam Louzao Fernández, Xosé Luis Penas Corral e Jacobo Sutil. 

No acto, Sutil destacou a “profesionalidade, a calidade dos contidos e a especialización nun cinema etnográfico, que fai que este sexa un festival único en Galicia e que outros certames o teñan imitado no conxunto de España”. Na mesma liña se manifestou Penas Corral, quen subliñou que festivais como a MICE son cruciais á hora de “poñer en valor o que somos e o que significan a nosa cultura a nosa historia".

Presentación da programación da 19ª edición da MICE, este mércores © MPG

Ademais das proxeccións, nesta 19ª edición haberá actividades formativas. Outros dos eixos da 19 MICE serán a programación para escolares e familias, coa MICEscola e MICE Petís

Ademais das proxeccións, nesta 19ª edición haberá actividades formativas, coas sesións de Lindes a cargo das cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras, e co taller Creación audiovisual con dispositivos fáciles, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias. Outros dos eixos da 19 MICE serán a programación para escolares e familias, coa MICEscola e MICE Petís e, entre as actividades paralelas, destaca a exposición Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, e a proxección de Os espazos en branco, do novísimo cineasta Bruno Arias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.