A musicóloga estivo intensamente unida a Galicia, que percorreu nos anos 70 e 80 do pasado século para escoitar as xentes cantar, especialmente cantareiras, e gravar eses cantares, transcribilos e publicalos no Cancioneiro Popular Galego, unha obra fundamental para entender o patrimonio musical construído polas galegas e galegos
A Dorothé Schubarth faleceu este mércores en Basilea (Suíza) aos 79 anos, debido a complicacións derivadas dun accidente vascular que sufriu hai un tempo. A musicóloga estivo intensamente unida a Galicia, que percorreu nos anos 70 e 80 do pasado século para escoitar as xentes cantar, especialmente cantareiras, e gravar eses cantares, transcribilos e publicalos no Cancioneiro Popular Galego, unha obra fundamental para entender o patrimonio musical construído polas galegas e galegos.
A obra, realizada en colaboración con Antón Santamarina, foi editada a partir de 1984 en sete volumes pola Fundación Barrié, que contribuíra á realización do traballo a través dunha bolsa. Na actualidade, esas gravacións están a disposición da cidadanía no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego e no Arquivo Sonoro de Galicia do CCG.
Schubarth estudou música en Colonia e Múnic e en 1971 ocupa a cátedra de Harmonía e Contrapunto na Academia de Música de Lucerna. O seu labor investigador centrouse nunha intensa procura das formas e orixes da música popular europea, especialmente nos Balcáns e no Cáucaso, en Alemaña e Francia. Froito deste amplo traballo de recolleita é a publicación O canto popular na Europa en 1978. Nese mesmo ano achegouse a Galicia, atraída pola inmensa riqueza da música de tradición oral galega. Porén, o que ía ser só unha estadía vacacional convértese nun longo período de cinco anos que a uniu para sempre ao país.
O Cancioneiro Popular Galego
Oitenta e dous concellos de Galicia e trece máis situados na zonas galegofalantes limítrofes foron visitados por Schubarth
Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos. Deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela. Xuntos comezaron un traballo de pescuda nos cancioneiros daquela editados no país, centrados no aspecto literario dos cantos e que non recollían a música, unha situación moi diferente da que Dorothé coñecera noutros países coma Alemaña. “Alá xa estaba en plena marcha todo o proceso de recollida e aquí practicamente había que comezar desde cero, pero xusto por iso era interesante, porque non é tan apaixonante andar detrás dos pasos de outros”, dixo.
Oitenta e dous concellos de Galicia e trece máis situados na zonas galegofalantes limítrofes foron visitados por Schubarth, que non conducía, facía o seu camiño a pé, en bus ou era levada dun lado a outro por conductores que ía coñecendo. Iniciouse no galego a través dunha gramática de Carvalho Calero atopada nunha biblioteca. Porén, ela mesma recoñecía que había moitas ocasións en que non entendía o que lle estaban dicindo: “Se non se entende hai que botar man da sensibilidade, dicir que si ou que non, é un comportamento que aprendes”.
Como froito de todo este traballo, a profesora reuniu arredor de 5.000 letras diferentes que transcribiu Santamarina e que se viron obrigados a clasificar dalgún xeito. Seguindo os criterios empregados en Europa, realizaron unha organización temática das letras: cantos de oficios e labores, festas anuais, romances tradicionais, romances novos e outros cantos narrativos e dialogados, e, finalmente coplas diversas e cantos enumerativos.
O Cancioneiro Popular Galego é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega
Hoxe en dia, o Cancioneiro Popular Galego é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o mais amplo repertorio musical popular. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular, ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubart levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando uma proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pesquisadora culta que recolleu os seus nomes
"A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións".
"Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras", destacou en 2014 a plataforma de crítica literaria A Sega
Nos últimos anos comezou a recibir o recoñecemento por este traballo silandeiro e de vital importancia para o país. No ano 2014 foille dedicada a primeira edición do Día das Galegas nas Letras impulsado pola plataforma de crítica literaria A Sega. A entidade destacou nesa ocasión que "vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do "colectivo". Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións".
A cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música decidiu outorgarlle o seu Premio Honorífico
Tres anos máis tarde, a cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música decidiu outorgarlle o seu Premio Honorífico. A directiva de Músicos ao Vivo destacou que “as novidosas achegas metodolóxicas de Dorothé Schubarth, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega, convértena na indiscutible merecedora" do galardón.
"Seguro que as melodías das nosas cantareiras acompañarana nesta viaxe cara a outras músicas", destacou este venres o Museo do Pobo
No ano 2017 foi, ademais, nomeada Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego, entidade que dende entón acolle o seu legado e que este venres lamentaba a súa morte sinalando que "seguro que as melodías das nosas cantareiras acompañarana nesta viaxe cara a outras músicas". Nos últimos anos recibiu tamén o Pedrón de Honra, o Premio da Crítica ou unha homenaxe a cargo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Tamén este venres a Real Academia Galega salientaba que o 'Cancioneiro popular galego', asinado por Dorothé Schubarth canda o académico Antón Santamarina, "é a biblia do noso folclore musical, clave na súa preservación e tamén na súa revitalización" e subliñando a importancia dun traballo realizado con "criterios científicos e introducindo a perspectiva dos informantes". De igual xeito, o Consello da Cultura Galega expresou este venres o seu "fondo pesar" polo pasamento de Dorothé Schubarth, "figura fundamental para o coñecemento do folclore musical galego".
O portal Culturagalega publicou en 2017 esta entrevista, na que a coautora do Cancioneiro Popular Galego falaba sobre o seu traballo con ocasión do Premio Honorífico de Músicos ao Vivo.
De igual xeito, no ano 2020 viu a luz o proxecto Dorothé na vila, un documental que percorre os lugares que visitou Dorothé Schubarth "para descubrir que queda dese mundo que ela recolleu no Cancioneiro Popular Galego". "Queriamos atopar as caras detrás daquelas voces, coñecer as súas historias de vida e de paso devolver as gravacións de Dorothé á súa orixe", destacan os seus autores e autoras.