O rururbano centra a 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo

Presentación da 18ª edición da MICE, este luns no Museo do Pobo © MPG

Once filmes (catro deles galegos) integran as súas seccións competitivas, que se completan coas seccións paralelas: Impropias, dedicada ao cine realizado por mulleres; Trazas (en colaboración co Cineclube de Compostela) e Lindes (co MDOC de Melgaço como festival convidado)

Do 15 ao 21 de marzo o Museo do Pobo Galego acolle a 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que presentou este luns a súa programación oficial, na que destacan os once filmes que integran as seccións competitivas, catro deles, galegos. E, tamén, as súas seccións paralelas: Impropias, dedicada ao cine realizado por mulleres (este ano comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora do filme etnográfico Destello Bravío); Trazas (en colaboración co Cineclube de Compostela) e Lindes (co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado). 

Nesta ocasión a rururbanía será o eixe central de varios dos traballos que se proxectarán, como destacou a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira. A rurubanía é un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais.

Cartel da edición 2023 da MICE © MPG

A sesión inaugural da MICE celebrarase o 15 de marzo ás 20 horas no Teatro Principal de Compostela coa reprodución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración

Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en tres espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX. Ademais das proxeccións, nesta 18ª edición haberá programación para escolares na MICE Petís, formación para profesionais, unha exposición e performance a cargo da artista Marta Valverde, e proxeccións virtuais a través da MICE en liña. 

A sesión inaugural da MICE celebrarase o 15 de marzo ás 20 horas no Teatro Principal de Compostela coa reprodución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración. Trátase dunha reconstrución realizada a partir dos materiais que se conservan da película: o seu guión, unha serie de fotografías da rodaxe, e a partitura orixinal da música composta por Teódulo R. Páramos, que interpretará en directo, sincronizada coa proxección, a Orquestra Clásica de Vigo. 

Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en tres espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX

Once traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, sete deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos as estreas en Europa da francesa Porte de Clichy, de Sébastien Marziniak; Las colonias, do cineasta mexicano Luis Lazalde; e o documental arxentino I Nostri Giorni, de Gisela Peláez; e a estrea en España de Detached, de Vladimir Krivov (Rusia). 

Tamén o filme ecuatoriano La primera puerta, do Colectivo Súper Cuy; a italiana Aylesbury Estate, dirixida por Carlotta Berti, e o filme español Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Entre os títulos galegos, desfrutaremos da estrea mundial de Malgrat, de Santiago Teijelo; a estrea en Galicia de Al otro lado del mar, de Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez; e as curtametraxes Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e A festa do emigrante, de Sara Traba.  

A sesión inaugural da MICE celebrarase o 15 de marzo ás 20 horas no Teatro Principal de Compostela coa reprodución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román 'Canto de emigración' © MICE

Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 19 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, conducida polo actor e músico Sergio Llauger

Un referente internacional no cinema etnográfico

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, subliñou que nos últimos anos a mostra se converteu "nun dos festivais especializados en cinema etnográfico de referencia non só a nivel galego e estatal, senón tamén europeo"

O evento impulsado polo Museo do Pobo Galego e que conta co apoio de Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Santiago, chega á súa maioría de idade convertido nun referente no seu ámbito. Na presentación da programación a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, subliñou que nos últimos anos a mostra se converteu "nun dos festivais especializados en cinema etnográfico de referencia non só a nivel galego e estatal, senón tamén europeo".

De igual xeito, a concelleira de Cultura de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, destacou a relevancia da MICE, "un festival xa consolidado, como constata o feito de que ano tras ano consiga mellorar a oferta de cinema etnográfico, o gran esquecido nas programacións comerciais”, e que “enriquece moitísimo a oferta cultural de Santiago de Compostela”.

Cartel de 'Destello bravío' ©

Pola súa banda, o deputado provincial da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas Corral, fixo fincapé na posta en valor do rural que implica a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Finalmente, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, afirmou que estamos vivindo “a idade de ouro do audiovisual" e apuntou que “parte imprescindible dese éxito son os festivais de cinema coma este”.

Seccións paralelas

Impropias, a sección da MICE do Museo do Pobo Galego reservada ao cinema etnográfico realizado por mulleres, estará comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío, que se proxectará na mosta. Ademais de proxectar a súa ópera prima, Ainhoa impartirá un seminario sobre a selección realizada para a MICE. Unha escolma que inclúe outras dúas películas: Cow, da cineasta británica Andrea Arnold; e o documental portugués Eldorado XXI, de Salomé Lamas. Filmes que tratan o concepto da rururbanía, a temática que vertebra esta 18ª edición da MICE. 

O MDOC - Festival Internacional de Documentário de Melgaço (Portugal) é o festival convidado este ano © MICE

O MDOC - Festival Internacional de Documentário de Melgaço (Portugal) é o festival convidado este ano. Será o encargado de comisariar a sección Lindes. Nela proxectaranse unha selección de traballos que pasaron recentemente polo festival portugués: Dispersos pelo centro, de António Aleixo, e Four Seasons in a Day, un filme belga-lituano da documentalista Annabel Verbeke.

Trazas, desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela, inclúe a proxección das seguintes obras: Boca de lixo, documental dirixido e guionizado polo brasileño Eduardo Coutinho; as curtametraxes Contras' City, do senegalés Djibril Diop Mambéty; Guías turísticas satánicas: Polígono de Coia, realizada por Vicisitud y Sordidez; Al-Sandawich, do director exipcio Ateyyat El-Abnoudy; The Conwy Crossing, de Stephen Hewitt e David Shaw; e o filme As cidades e as Trocas, dos portugueses Luísa Homem e Pedro Pinho. 

Na MICE poderá verse o filme 'Cow', da cineasta británica Andrea Arnold ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.