Concha Losada asume a presidencia do padroado do Museo do Pobo Galego coa despedida de Justo Beramendi. Dúas mulleres ocupan agora os cargos máis destacados da asociación sen ánimo de lucro que está detrás do museo que pertence a toda a sociedade galega
“Se o museo medra, non vale só que medren as pedras, temos que medrar nós con el”. Concepción Losada Vázquez é a primeira muller que accede á presidencia do Museo do Pobo Galego. A profesora titular da área de Psicobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela substitúe no cargo ao historiador Justo Beramendi, que chegou a presidente no ano 2011 coa marcha de Isaac Díaz Pardo, que permaneceu once anos como líder da entidade. Antes deles estiveron o historiador, etnógrafo e antropólogo Antonio Fraguas (1989-1999) e o primeiro presidente da institución, Xaquín Lorenzo Fernández (1976-1989), o destacado historiador coñecido como Xocas, que foi un dos seus fundadores.
Concha Losada é a responsable do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, un labor que seguirá a exercer mentres o poida compaxinar coa presidencia do padroado do museo, que tamén se renova noutros estamentos. Haberá tamén unha vicepresidenta, María Xosé Fernández Cerviño, ata o de agora vogal do Consello de Goberno, que é a única que queda na dirección do grupo fundador. Seguen no cargo o tesoureiro da institución, Lino Lema Bouzas, e mais o secretario, Francisco J. Sanjiao. E incorpóranse como vogais o historiador Uxío Breogán Diéguez e o ex director do Museo das Peregrinacións de Santiago Bieito Pérez.
Como se sente despois de levar máis de dúas décadas vinculada ao Museo do Pobo e converterse na primeira presidenta?
Síntome con moita responsabilidade. Non con medo, pero si con moita preocupación e concentración en que as cousas vaian saíndo ben. Non teño medo porque estou moi ben acompañada, temos un equipo que é o mellor para este momento do museo, no que está medrando e fan falta tantas cousas. E con moita responsabilidade tamén porque son a primeira muller nestas circunstancias e paréceme que todas as mulleres sentimos unha especial responsabilidade nestas circunstancias. Tamén porque antes de min houbo persoas moi importantes na cultura deste país ocupando este cargo, teño a sensación de que o único que podo facer é ofrecer esforzo e traballo. Compromiso.
Un compromiso coa institución que vén demostrando xa como vicepresidenta nos últimos tempos e como coordinadora voluntaria do APOI.
Si, pero agora teño que seguir o traballo de xente á que admirei sempre, á que respectei profundamente. Verme aí ao lado dos seus nomes paréceme unha cousa moi importante.
“Penso que pode ser o momento de falar con todos os membros da asociación para aproveitar a tope a toda esa xente marabillosa que temos aí”
Como enfronta estes primeiros días na presidencia?
Hai un traballo que vai haber que seguir facendo, que xa está previsto con moita antelación. A respecto das novidades hai que ter acougo, hai que mirar e ver moi ben cales son as sensibilidades dentro do museo coas que agora me vou atopar de maneira distinta. Primeiro vou ter que escoitar o persoal e os socios e socias, que son tan importantes. Son unha presidenta dun padroado, isto é unha asociación, penso que pode ser o momento de falar con todos os membros da asociación para aproveitar a tope a toda esa xente marabillosa que temos aí e que tanto poden aportar á vida do museo. Para poder aproveitar todos eses recursos hai que buscalos e escoitar, iso é o que fará que teñamos un museo máis cohesionado, máis implicado e coa posibilidade de facer moitas máis cousas. Ademais, penso que podemos converter a separación física de moitas desas persoas da asociación con Santiago nunha oportunidade para vincularnos máis con outras partes do país.
Beramendi salientou nas súas últimas intervencións como presidente do museo a necesidade dun relevo xeracional, entendo que comparte esta visión. Apostará por actividades que xa atraen a xente nova como a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) ou o APOI?
Tanto nas actividades do Departamento de Educación e Acción Cultural, entre elas a MICE, como no APOI si que hai unha proporción importantísima de xente nova que se achega. Eu creo que por aí é por onde hai que tirar. Pero é que ademais, penso que estamos nun momento especialmente doce para o achegamento de moitas persoas novas a algúns aspectos da tradición. Teño a sensación de que entre a xente da música, do tradi ou da música popular de calquera tipo, hai un achegamento a recoñecerse en elementos que son os que lle poden dar identidade e personalidade manténdoos nun mundo que é cada vez máis global. Todo o esforzo que nós poidamos facer para achegarnos a eles a través das tecnoloxías vainos colocar moi preto deles, e creo que o agradecen. Por iso, non podemos perder ese tren. É extraordinariamente valioso.
“Este museo non se entendería sen a actividade voluntaria de todos os seus dirixentes desde sempre e de moitos colaboradores en cada unha das áreas"
Tamén pensando, por outra banda, en que gran parte do traballo do Museo do Pobo é voluntario.
Hai unha tradición moi fermosa de traballo voluntario no museo, seguramente foi o que a min me trouxo ata aquí. Desde que nace, como unha iniciativa da sociedade civil, sabe que sen a forza da xente non vai poder subsistir. Naturalmente, para que un museo poida existir a día de hoxe precisa de profesionais que deben ser recoñecidos e considerados no seu labor, e iso é o que procuramos ter nos departamentos correspondentes. Pero este museo non se entendería sen a actividade voluntaria de todos os seus dirixentes desde sempre e de moitos colaboradores en cada unha das áreas. É moi importante sentir que o museo é ese sitio onde podes facer algo polo teu país.
Daquela, vai seguir compaxinando a dedicación ao museo co seu traballo na universidade?
De momento, penso que se podo facelo manterei o meu traballo. Veremos como se vai desenvolvendo o día a día coas novas funcións. Para min a universidade é un traballo marabilloso, a docencia e o traballo que fago cos meus alumnos é marabilloso e non me costa un gran esforzo facelo despois de tantos anos. Sobre todo, é que me aporta tanto como o que eu podo ofrecer. Esa relación coa xente nova, aínda que só sexa poder coñecer a música que escoitan hoxe, xa me serve para entender mellor moitas cousas do mundo. E non me gustaría perder iso.
Asume o cargo nun momento moi especial para o museo, coa ampliación xa en funcionamento.
Comezando a funcionar, si. Temos aínda dúas salas por abrir, pero cando se abran imos precisar xente que estea aí recibindo visitantes e coordinando as actividades. Se o museo medra, non vale só que medren as pedras, temos que medrar nós con el. E para iso hai que conseguir recursos, pero non só, tamén hai que cambiar actitudes e formas de mirar porque temos unha cousa máis grande entre mans.